Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha raíña no estrado
Xa hai uns anos que merquei esta novela, pero non foi ata agora que conseguín lela. Titúlase "Unha raíña no estrado" (traducido ao galego) e foi escrita por Hilary Mantel, que creo que se está especializando nesta época histórica.

A verdade é que o que me atraeu foi precisamente a época histórica e os aparentemente fascinantes personaxes daquela. A Inglaterra de comezos do século XVI.

Alí estaba o famoso rei Enrique VIII, do que non sei moito, pero non ten moita pinta de que estivera nos seus cabales. Despois de repudiar á súa primeira muller, Catalina de Aragón, sobriña de Carlos I de España e V de Alemania, casa con Ana Bolena despois de anular o seu anterior matrimonio.

E como en Roma non lles agrada nada a idea, excomúlgano, e el crea a Igrexa anglicana, e el como máximo mandatario da mesma, faltaría máis. Ademais estaba a Reforma luterana polo medio, para darlle máis morbo á cousa.

Tamén estaba por alí Thomas Moore (Tomás Moro para os sempre tradutores españois), que perdeu a cabeza por intentar usala. E tamén estaba por alí Thomas Cromwell, personaxe que sempre me interesou e no que me gustaría profundizar.

A novela céntrase no momento entre 1535 e 1536 no que xa está claro que Ana Bolena tampouco vai ser capaz de darlle un fillo varón a Enrique VIII, nin del nin dos incontables amantes que lle adxudican entre os nobres e non tan nobres da corte, e o "xuízo rápido" no que se cargan a toda esta xente (amada e amantes), para facerlle sitio a Jane Seymour, que será a terceira das seis esposas deste tunante.

A novela está ben, tampouco sen pasarse, pero supoñendo o rigor histórico, polo menos nos tipos de argumentos e conversas que se utilizaban na época, resulta sobrecolledor o mafiosos que eran e o poder que tiñan algunhas persoas para facer e desfacer ao seu antollo a vida da Inglaterra daquel tempo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-07-2017 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal