Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rosemary's Baby
Onte comezou o ciclo Cinenterraza que todos os verán se proxecta no vestíbulo do Fórum Metropolitano. Comezaba de forma moi potente, coa película do título, que en español foi sempre coñecida como "La semilla del diablo".

A película ten case 50 anos, porque é do ano 1968, foi a primeira dirixida por Roman Polanski en Hollywood, e a protagonista principal foi Mia Farrow, aínda que está secundada por uns cantos actores e actrices de reparto que fan un labor fantástico.

Como eu non a vira nunca, pois tiña certo interese, xa que está mitificada como a mellor película de terror de todos os tempos (será por listas e clasificacións destas). Aínda que a min o cine de terror non é que me chame moito a atención, non me atrae xa nadiña isto dos sustos, o sangue, etc.

Pero resulta que me gustou moito máis do que esperaba, porque non me decatara que, ao ser esta película a que inaugurara o "cine de terror" xa con bos presupostos e seriedade, tal como o coñecemos, non ten nada que ver co cine de terror que chegou despois.

É un tipo de terror moi psicolóxico, no que non levas ningún susto puntual, senón que van pasando cousas, e vas desenmarañando aos poucos o complot que se cerne sobre a protagonista. Así que me agradou bastante.

Estiven tamén lendo algo sobre a terrible lenda negra que rodeou moitos aspectos da rodaxe:

- O tormentoso e breve matrimonio de Mia Farrow con Frank Sinatra (que tiña 30 anos máis ca ela), e que se rompeu porque a actriz decidiu continuar a rodaxe. O actor, moi machista e paternalista, pretendía ter moito control sobre a carreira da actriz.

- O caracter do director, que a pesar de estar debutando en Hollywood era bastante engreído, parece que resultaba insoportable para moita xente.

- Os exteriores do edificio no que transcorre a película son os do Edificio Dakota, en Nova Iorque, xunto a Central Park. Polo visto, os inquilinos non permitiron que se rodaran alí tamén os interiores. O edificio tiña unha lenda negra de inquilinos estraños e mortes, que aínda se prolongaría despois, xa que alí vivía e foi asasinado John Lennon.

- A algunhas sectas satánicas non lles fixo ningunha graza a película, como a de Charles Manson e as súas seguidoras, que pouco tempo despois mataron a Sharon Tate, a esposa de Roman Polanski que tamén estaba embarazada, e a todos os que estaban con ela na súa casa.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2017 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal