Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Martes de Carnaval
O 1 de xaneiro de 2017 é o día que deixaban de ter vigor os dereitos de autor sobre a obra de Ramón María del Valle-Inclán, morto en 1936. Por esa razón, a absurda prohibición da familia de traducir e representar obras en galego xa non ten efecto, e por esa razón uns cantos grupos galegos estanse lanzando este ano con este autor.

Hai varios meses falamos aquí da magnífica "A cabeza do dragón" de Producións Excéntricas, e agora foi a quenda do errático Centro Dramático Galego (que como siga así, vai pechar), que representa xuntas dúas obras de Valle-Inclán.

A ver se o dou explicado. Como sabedes, era bastante habitual que Valle-Inclán organizara as súas obras de teatro en triloxías. Unha desas triloxías titúlase "Martes de Carnaval", e está formada polas obras "As galas do difunto", "A filla do capitán" e "Os cornos de Don Frioleira". Por algunha estraña razón, o CDG decidiu representar dúas desas tres obras (por que non unha, ou mellor, as tres?). Foron as dúas primeiras, que xa así dan a unha función de máis de 2 horas e media, con descanso entre as dúas obras.

A promoción e xira do espectáculo está sendo bastante mala, polo que din, cunha das xiras máis curtas que se recordan polo país. Ou sexa, que a compañía institucional tampouco está facendo moito por celebrar que xa se pode representar a Valle en galego. Pero iso xa é o habitual na nefasta política cultural da Xunta.

Outra cousa aparte é o tipo de teatro que se escolleu. A directora elixida para estas obras é Marta Pazos, que tamén é a directora da compañía Voadora, unha das compañías de moda en Galicia, pero moi controvertida, porque fai un tipo de teatro experimental e alternativo, que levanta paixóns (boas ou malas, pero non deixa indiferente).

Polo tanto, veremos bailes, cancións, coreografías de música tecno, marcadores electrónicos, e os amantes do teatro tradicional e puro non entenderán nada. Iso é o que pasa cando se ve a Voadora, e neste caso tamén. A historia, máis ou menos, a contan, e entéraste. Iso si, a forma de contala e as constanstes digresións non permiten as medias tintas. Digamos que non se recitan os diálogos ao pé da letra, nin moito menos.

"As galas do difunto" trata dun ex-combatiente da guerra de Cuba que está intentando seducir a unha prostituta. Está acollido de hóspede nunha casa, e o seu caseiro resulta ser o pai desa prostituta, pero el non o sabe. O pai morre ao saber do destino da filla, á que había anos que non veía, e o ex-combatente abre a tumba do morto, e ponse as súas roupas. Volve outra vez intentar seducir á prostituta, pero acaba descubríndose a relación familiar entre pai e filla.

"A filla do capitán" é aínda máis esperpéntica. Un capitán do exército ten unha filla moi guapa, e el consinte que a súa filla seduza a un Xeneral, para que a carreira profesional do capitán poida medrar. Outros integrantes do exército tamén están namorados da filla do capitán, e intentan matar ao Xeneral, pero hai un erro, e matan a outro soldado. Alguén consegue información comprometedora para o Xeneral, ameaza con revelala á prensa, e este declara unha Dictudura. Para ser unha obra do ano 1927 (España estaba nunha Dictadura), hai que recoñecer que o tema era bastante audaz.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal