Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fausto
Na Coruña todos os anos celébranse un par de festivais de cine "algo peculiares" que teñen unha certa traxectoria. Un deles é o Freakmacine, que ten lugar normalmente sobre o outono, e o outro é o S8, que comezou sendo un festival de cine en formato "super oito", pero que en xeral proxecta cine experimental moi variado. Este normalmente é en primavera, e habitualmente ten unha inauguración bastante espectacular que se diferencia moito do resto do festival.

Eu creo que xa levan varios anos facendo pases de clásicos do cine mudo con música en directo nalgún dos grandes auditorios da cidade. Nesta ocasión foi no Pazo da Ópera, onde proxectaron "Fausto" de Murnau (do ano 1926) con música da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Coma case sempre nos clásicos mudos en blanco e negro, e non digamos no expresionismo alemán dos anos 20, un grande espectáculo. Certo é que a película dura case 2 horas, e ten algún tramo que se me fixo algo lento, pero en xeral pasouse moi ben.

Está baseada na obra teatral de Goethe. Fausto é un filósofo e científico que decide vender a súa alma ao Demo durante un día, porque a súa vila está asolada pola peste, e el vese incapaz de axudalos. Pero como o Demo lle ofrece o poder do mal durante ese día como proba, decídese a aceptar a oferta. A fórmula funciona, e consegue curar a algúns veciños, pero axiña é rexeitado, porque descubren que non pode actuar cando hai unha cruz diante.

De novo decide pactar co Demo porque cre factible namorar unha fermosa muller que acaba de coñecer, el que xa é vello e está enfermo. Recobra entón a xuventude e a beleza, e a maior parte da historia transcorre no cortexo da muller, pero a trama retórcese moito (non a imos contar aquí para alimentar o voso interese), e ao final perde a súa xuventude eterna e xúntanse de novo na morte.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2017 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal