A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Por algunha razón que descoñezo, parte do teatro galego ten unha estraña fascinación por un autor irlandés contemporáneo chamado Martin McDonagh. Que eu recorde, así a bote pronto, Teatro do Atlántico, Il Maquinario, Producións Excéntricas e Contraproducións fixeron obras del.
Neste caso, Contraproducións representa a obra "O tolleito de Inishmaan". Teño entendido que iso se debe a que Irlanda ten unha cultura, paisaxes e situacións semellantes ás galegas, e o teatro de situacións deste autor gusta moito aquí porque parece teatro sobre tema local.
Contraproducións é unha produtora que non me soa de nada, ao mellor estase creando, ou fíxose para esta ocasión, pero dende logo promete. Dirixe Cándido Pazó, que sempre é unha garantía, e actúan nesta obra Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja (na función que vin eu susbtituída por Melania Cruz), Marcos Pereiro, Luís Iglesia e Ricardo de Barreiro (nesta función substituído por Pepo Suevos). Como vedes, o elenco é do mellorciño do país.
Imos á historia, é relativamente simple. Nunha pequena illa irlandesa, nos anos 30, viven unha serie de personaxes, e a historia céntrase nun rapaz eivado, cunha misteriosa historia persoal e familiar, que é moi boíño, e a quen todo o mundo quere moito. Todos téñenlle moita compaixón pero non esperan que chegue nunca a nada, mentres que el é máis optimista e agarda grandes cousas da vida.
Entón chega á illa do lado unha produtora americana coa intención de rodar unha película sobre a vida naquel apartado lugar. Creo que a película que se referencia é "Man of Aran", película inglesa documental de 1934 sobre a vida na illa de Aran, na costa oeste de Irlanda.
Varias persoas da illa intentan chegar ata a rodaxe, para ver se teñen a sorte de saír na película, que seguramente será a experiencia da súa vida. E cun pequeno engano, o rapaz tolleito tamén consegue ir, ilusionándose moito coa experiencia aínda que todos din que a súa historia non lle vai interesar a ninguén.
O caso é que aos americanos si lles interesa e lévano varios meses a Estados Unidos para facerlle un casting, e ver se contan con el para máis traballos. Pero ao final descártano e ten que volver para a súa terra, pero é o que el quería, porque xa estaba comezando a ter morriña da súa terra. En calquera caso, xa estivera en América e vivira unha experiencia coa que nin soñara.
A obra é fantástica, pásase de marabilla e resulta moi agradable de ver. Se tedes a posibilidade de disfrutala, non a deixedes pasar.