Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mimosas
"Mimosas" é o título da última película do director ¿galego? Oliver Laxe. Como a anterior, premiada en Cannes. Vina o outro día no Cine Numax de Santiago.

A ver, xa debo anunciar que a súa anterior película, "Todos somos capitáns", que desatou moitos eloxios en determinados foros, a min deixoume bastante frío. Así que fun a ver esta con certa inquedanza, porque no mundo do cine hai determinados foros onde teñen tendencia a magnificar algunhas cousas.

"Mimosas" consiste en que unha caravana guiada por un "cheikh" (algo así como un imán ou líder relixioso), o está acompañando a través das montañas do Atlas para levalo á súa última morada.

Dende o comezo, sábese que dúas das persoas que van na expedición son ladróns ou algo parecido, e teñen previsto facerse cos cartos e xoias que haxa no grupo. A película comeza co líder dicindo que teñen que cruzar polas montañas, e todo o mundo preguntándose se é o correcto.

En paralelo a todo iso, alguén escolle a outro pseudo-líder relixioso, un chaval con certos delirios de grandeza e que non parece estar moi ben da cabeza, para unirse á expedición e guialos ata o final.

O momento no que este pseudo-líder relixioso se atopa cos outros, no medio da montaña, resulta delirante. O cheikh xa morreu, e agora hai que levar o seu corpo ata a súa aldea, e aparecendo da nada, chegando dende o alto das montañas por onde van cruzar ¿¿?? aparece este alucinado. Aí xa comecei a dicir "aquí van pasar cousas raras".

Pois nada, van avanzado polas montañas, superando diferentes atrancos. Nalgunha entrevista, o director dixo que esta película era como unha especie de western, e nalgún momento non lle falta razón, ao ser acosados por tribus das montañas que lles atacan. O caso é que os dous que pretendían robar á expedición, agora son os máis implicados nela.

E a parte final da película xa é imposible de explicar. Vense diferentes escenas en diferentes lugares, non se explica como se chega a cada un deles, incluso non teño claro se a secuencia temporal é a correcta, porque non resulta nada doado entender que é o que pasa neses minutos finais.

Conclusión: o meu crédito con Oliver Laxe estase esgotando (se é que non rematou xa), porque non consigo entender case nada das súas películas. Seguro que roda e dirixe moi ben, que fai unhas metáforas poéticas moi valiosas, pero eu non me entero de case nada o que sae nas súas películas, e así vai ser difícil entenderse.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-03-2017 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal