Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Night on earth
Onte fun ver a única película do ciclo "Cinenterraza" á que vou poder asistir este verán no Fórum Metropolitano da Coruña.

É a famosa película "Night on earth" do cineasta americano Jim Jarmusch. Polo que acabo de ler, non foi un grande éxito de público, pero si de crítica. Creo que daquela aínda estaba considerado un director "de culto", agora xa debe ser máis comercial.

A idea está moi ben. Son cinco historias de taxis pola noite, en cinco cidades do planeta: Os Ánxeles, Nova Iork, París, Roma e Helsinki. Como cada unha está protagonizada por actores e actrices diferentes, faise dinámica. Os entornos son similares, claro, pero aínda así, hai diferencias claras que fan que non resulte monótona. Deixo un breve resumo de cada historia:

- Os Ánxeles: Unha alta executiva que fai castings de cine súbese a un taxi moi cutre ao baixar do avión. O taxi é conducido por unha rapaza moi espilida, que quere ser mecánica de maior. A executiva ve nela a unha posible nova estrela do cine. Protagonizada por Gena Rowlands e Winona Ryder.

- Nova Iork: Un negro de Brooklyn está en Manhattan intentando coller un taxi que o leve de volta a casa, pero ou non lle para ningún, ou néganse a levalo a Brooklyn. O único que lle para é un inmigrante da Alemaña do Leste, que acaba de conseguir a licencia para ser taxista, e que non sabe conducir coches con cambio automático. O cliente ofrécese para conducir el e ensinarlle a facelo, e vanse facendo amigos. O semi-taxista alemán e Armin Mueller-Stahl.

- París: Un taxista marfileño, despois de botar a dous clientes cameruneses que se estaban burlando del (parece que é relativamente habitual entre os africanos entre sí), recolle a unha fermosa rapaza cega que resulta ser moi borde e presuntousa.

- Roma: Un dicharachero taxista protagonizado por Roberto Benigni (fala tanto que case non precisa outro personaxe) recolle de madrugada a un cura que vai ao extrarradio. Nese momento, decide confesarse no propio taxi, e comeza a comentarlle as súas aventuras sexuais dende que era pequeno, que resultan moi simpáticas para todo o mundo, agás para o cura.

- Helsinki: Nunha noite de inverno finlandesa, un taxista recolle a tres borrachos na rúa, un dos cales está bastante peor que os outros. Os dous máis sobrios cóntanlle o terrible día que pasou o outro, e que xustifica que teña unha borrachera tan sublime. Pola contra, o taxista cóntalles o terrible momento polo que está pasando el, e consegue enternecelos.

A película está ben, pero tampouco me chamou especialmente a atención. Non sei se levaba as expectativas moi altas, aínda que non me dá a impresión.

Como se di sempre, nestas películas por episodios o nivel é irregular. Neste caso nótase menos, porque o autor de todos os episodios é o mesmo, e teñen un estilo similar.

Pero ningún dos episodios me dixo nada especial. O que máis me gustou foi o de Roma, gracias a Roberto Benigni, que tampouco é santo da miña devoción (aínda que sei que hai moita xente que non o soporta, pero non é o meu caso).

A continuación había un coloquio, como é habitual neste ciclo. Pero só nos quedamos uns minutos, porque era tarde, estabamos moi cansos, e porque as dúas persoas que participaban nel non achegaban ningunha opinión a ter en conta (polo menos por min), e nalgún dos casos, dicían unha estupidez tras outra.

Un último comentario sobre as condicións técnicas da proxección. Levo moitos anos asistindo a este ciclo, que me parece fantástico, pero só lle vexo un problema técnico que seguen sen resolver.

Sempre proxectan películas subtituladas en versión orixinal. A pantalla é grande, pero a súa base non está moi elevada sobre o chan (sobre 1 metro e medio, calculo). O vestíbulo no que se proxecta é totalmente chan (non está en grada, nin nada parecido). Como resultado de todo iso, en canto estás na 3ª fila ou similar, e de aí para atrás, tes bastantes dificultades para poder ler os subtítulos, xa que as cabezas das persoas que están por diante están na línea visual. As imaxes máis ou menos as vas vendo, pero os subtítulos, que se colocan na parte inferior da pantalla, obviamente, vense con dificultades. Ou sexa, que se subiran a pantalla de proxección 1 metriño máis, quedaba fetén.

Déixovos o video da película completa con subtítulos en español, por se queredes vela, que xa é de 1991.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2016 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal