Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A galera de Xelmírez
A última novela que lin en Compostela foi a breve "A galera de Xelmírez" de Xabier Paz.

A historia é ben simple. O arcebispo Xelmírez, para protexerse dos piratas que saquean as costas galegas, manda unha delegación a Pisa, para contratar a uns carpinteiros de ribeira que constrúan unha galera.

Os pisanos mandan a Fuxón (mestre carpinteiro de barcos), Stefano e Francesco (axudantes). Van en barco de Pisa a Barcelona, e a partir de aí, fan o Camiño de Santiago, para chegar alí, entrevistarse con Xelmírez, e facer o traballo.

Pero o Camiño transforma terriblemente a ese pequeno grupo. A novela trata basicamente diso, dos cambios que se producen nas tres persoas (basicamente en unha delas), e todo o que se deriva de aí.

Durante a travesía terrestre pola península, Fuxón descubre dúas "perversións" que non coñecía. Cunha pousadeira experimenta unhas prácticas sexuais que lle transforman totalmente, de xeito que comeza a obsesionarse con ese tema, tanto con parella como en solitario. Por outra banda, entra en coñecemento de múltiples herbas que convenientemente procesadas producen todo tipo de efectos psicotrópicos e alucinóxenos. Está de máis dicir que estas dúas circunstancias que afectan a Fuxón son o fío condutor da novela.

A Stefano non lle pasa nada do outro mundo, pero cando van camiño a Santiago, e descubren as terribles transformacións que está sufrindo Fuxón, toma a decisión de suplantar a súa personalidade antes de chegar alí, para desfacerse de Fuxón cando estean alá. Todo isto non lle resulta excesivamente complicado, porque Fuxón está totalmente ido e non ten consciencia da realidade.

O terceiro en liza, Francesco, é o que menos cambia, polo menos en teoría. Apenas lle afectan, ou non deixa que o fagan, as vidas dos outros dous compañeiros. Pero cando chega a Compostela, coñece a unha muller, casa e ten un fillo, mentres constrúen a galera. Agora mesmo non lembro se queda alí definitivamente, ou se os leva para Pisa á volta.

En xeral, aburriume bastante esta novela. A trama é máis ou menos a que vos dixen, pero non está moito máis desenvolvida que todo isto. Hai moita reflexión por parte de Stefano e de Fuxón sobre o que lles está pasando e o que están maquinando. Unha cousa boa é que algunhas partes da novela poden verse dende as dúas perspectivas. Pero hai continuos "flashbacks", algo confusos, e non semella doado saber se finalmente quedaron a guerrear coa súa galera, cando volveron a Pisa, etc.

A trama, a época, o lugar, prometían bastante, pero o xiro que decidiu tomar o autor foi por uns carreiros que, polo menos a min, non me suscitaron maior interese. Outra vez será.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal