A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
No mesmo lugar pero en diferente día que Celso Sanmartín actuaron as magníficas Aldaolado (ou sexa, Lucía Aldao e María Lado).
A verdade é que son unhas rapazas do máis divertido. Xa as vin unhas cantas veces, e sempre me sorprenden co seu impresionante sentido do humor e a súa capacidade de improvisación, porque nos seus espectáculos suceden cousas alucinantes, e as súas reaccións e respostas aínda o son máis.
Por exemplo, nesta ocasión fixeron un número cómico sobre a colocación dos pronomes átonos en galego, e na que mencionaron moitas veces a Feijoo (un experto no tema, claramente). Pediron un voluntario entre o público e saíu unha mulleriña (á que coñezo de vista, e máis ou menos sei quen é), que as sorprendeu aínda máis e as "adiantou pola dereita". Nunca se sabe o que vai pasar nas súas actuacións.