Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho no concello de A Veiga
E Viaxes O Lóstregho (coa súa alineación máis habitual e clásica, pero que levaba varios anos sen darse) decidiu darlle o toque final a este verán facendo algo de sendeirismo nun dos concello máis montañosos da Galiza: A Veiga.

Para os que non saiban onde está, A Veiga fai fronteira co noroeste da provincia de Zamora. Está no nordeste da de Ourense, máis ou menos entre A Rúa e Viana do Bolo. E nesa fronteira entre Galiza e Zamora está a serra onde se atopa Pena Trevinca (2.127 metros, o punto máis alto de Galiza).

A Pena Trevinca non subimos, porque eu levaba tempo sen facer sendeirismo, non me veía en forma suficiente para facer esa ascensión, de case 1000 metros de desnivel, e a ese pico xa subimos hai uns anos, por outra ruta. Así que fixemos outras rutas tamén moi chulas, que por alí hai bastantes para escoller.

O 1º día foi de achegamento, xa que chegamos ao mediodía, collemos algo de información na oficina de turismo. Despois de xantar fixemos a ruta da "Cántara da Moura". Está a pouco máis de 1 quilómetro da capital do concello, e consiste nun conxunto de penedos xigantescos e unhas pozas que se forman en torno a eles. Impresionante. Despois démoslle unha volta en coche ao concello para coñecer mellor os sitios de onde sairían ou por onde pasarían as rutas dos seguintes días.

O 2º día fixemos a Ruta das Lagoas de Ocelo. Esta ruta está totalmente dentro do Coto de Caza que xestiona o Hotel El Ciervo, de Xares. Levounos unhas 4 horas e media, contando tamén o xantar, que foi na última das lagoas. Esta interesante ruta, na que se sube ata case os 1.600 metros de altitude, visita as lagoas glaciares de Ocelo, Carrizais e Laceira (onde xantamos).

O 3º día subimos á Lagoa Glaciar da Serpe (a que vedes na foto). Obviamente, xantamos alí, porque é unha delicia de lugar e porque o esforzo necesario para chegar require repoñer forzas. Chégase a cotas duns 1.850 metros de altitude, pero non son na lagoa, que está máis baixa e escondida. En total son unhas 5 horas de ida, xantar e volta.

E o 4º día, para rematar, fixemos unha ruta moito menos dura, pero moito máis longa. É a Senda Verde do Xares, o río máis importante do concello, que forma o Encoro de Prada, duns 8 quilómetros de lonxitude. Pero facer a sinxela ruta que arrodea todo o encoro e pasa por todas as aldeas da contorna anda polos 35 quilómetros, que fixemos nunhas 8 horas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2014 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal