Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

aPorto 2013

Pois xa voltamos da edición de 2013 do fantástico curso de portugués para galegos aPorto, que se celebrou na fermosa metrópole do norte de Portugal.

De novo pasámolo moi ben e aprendemos moito, aínda que está claro que este ano xa non contabamos co efecto sorpresa. O grupo de 21 persoas que asistimos foi fantástico, e hai que salientar, que aí non é tan habitual, que a metade eran menores de 25 anos, aínda están estudando na universidade ou están comezando cos seus primeiros traballos.

Vou comentar principalmente o programa de actividades das tardes. Os temas das aulas das mañás foron parecidos aos do ano pasado (aínda que eu este ano xa estaba en nivel intermedio, non no básico), pero puxeron algunha cousa nova, como relacións entre Galiza e Norte de Portugal, festas tradicionais do Porto como o Sao Joao, etc. En canto ás tardes pasou o seguinte:

- Segunda feira (luns): Visita guiada pola cidade do Porto e despois cea na Casa da Mara, en fronte á Alfándega.

- Terça feita (martes): Visita guiada ao Museo de Serralves, baixada ao río, viaxe en eléctrico (tranvía clásico) pola beira do río, e cea vexetariana con actuación poético-musical na Casa da Horta, a carón da Igrexa de Sao Francisco.

- Quarta feira (mércores): Concerto a cargo dun pequeno coro con pezas do Zeca Afonso na UNICEPE (cooperativa libreira dos estudantes de Porto, que ten unha interesante librería e centro cultural no centro da cidade) e despois cea africana na casa da Filomenta, cos tradicionais pratos de Cachopa (Cabo Verde) e Muamba de galinha (Angola).

- Quinta feira (xoves): Visita a Vila do Conde, interesantísima vila histórica que está a uns 30 kms. ao norte do Porto, e á que se pode viaxar en metro. Visita á Igrexa Matriz, Museo das Rendas de Bilros (encaixe de bolillos) e ao Museo das Naves dos descubrimentos, e á Nau Quinhentista (réplica dunha nao do século XVI). Despois visita a unha feira gastronómica, paseo e cea no Forte de Sao Joao (pode verse na foto o solpor dende o interior da fortaleza).

- Sexta feira (venres): picnic nos xardíns do Palacio de Cristal, cunhas fantásticas vistas sobre o río. Pola noite quedamos para cear en dous grupos diferentes, os novos por unha banda e os máis vellos pola outra.

Fantástica experiencia que se recomenda a todo o mundo que teña un mínimo de sensibilidade coa cultura galega e co achegamento á cultura portuguesa. Pero vin con claridade que o meu ciclo en aPorto rematou, con dous anos é máis que suficiente (apesar do ben que o pasei este ano de novo), e xa non voltarei nos vindeiros anos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2013 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal