Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Remando ao vento
O outro día, no CGAI da Coruña, volvín ver unha película de hai 25 anos que xa me gustara cando a vin por primeira vez (non lembro cando foi pero non fun ao cine, aínda así xa pasaron moitos anos daquel visionado). A película é "Remando ao vento", produción bastante internacional (hai uns poucos actores españois, pero fan papeis secundarios, e gravaron en inglés, porque eu recoñecín as súas voces na versión orixinal) dirixida por Gonzalo Suárez.

A película trata da relación entre Mary W. Shelley, o poeta que foi primeiro amante (porque xa estaba casado antes) e despois marido Percy Byshe Shelley, a súa media irmá Claire, e o poeta Lord Byron, que tiña a Claire como unha das súas amantes preferidas (supostamente) pero que non lle facía demasiado caso a ningunha muller en particular.

En 1817, estas catro persoas pasaron xuntas un chuvioso verán no lago Xenebra e Mary escribiu a obra "Frankenstein ou o moderno Prometeo". Na película aparece tamén como personaxe o monstruo e úsase a súa metáfora para explicar algunhas das moitas desgrazas que tiveron na súa vida, como a morte de varios dos seus fillos en idade prematura e tamén dalgúns dos seus amigos.

Da familia de Mary xa se podería dicir moito. O seu pai era o filósofo e político William Godwin, e a súa nai (que morreu ao dala a luz) foi Mary Wollstonecraft, unha moi coñecida feminista. O seu pai casou despois con outra muller coa que tivo a Claire, a medio irmá antes mencionada.

Percy Byshe Shelley era un poeta con certa fama que durante algún tempo mantivo á familia Godwin Wollstonecraft. Parece que a súa obra máis coñecida foi "Non espertedes á serpe".

E Lord Byron semella que era un personaxe moi particular. Parece que era rico, e que viviu en moitos lugares de Europa, pero que loitaba en causas sociais e en varias revolucións, entre elas a de Grecia, na que morreu. Na película caracterízano coxo e é representando por un xoven Hugh Grant que fai un papel excepcional. Din que era un personaxe cun grande magnetismo e bastante excéntrico. Parte da película é na súa mansión en Venecia, na que tiña unha xirafa no vestíbulo. Ademais a súa filla Ada foi a primeira programadora informática da historia (non muller, senón a primeira persoa que fixo ese labor).

En canto aos actores españois na película, fai un bo labor, coma sempre, José Luís Gómez, no papel de William Polidori, escritor de pouco éxito e médico persoal de Lord Byron. Tamén aparecen por alí José María Pou e Aitana Sánchez Gijón, pero lembrade que pasaron xa 25 anos da película.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2013 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal