A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
E para rematar a semana das Letras Galegas no Teatro Colón da Coruña houbo un concerto chamado "Concerto nas marxes", bastante peculiar pero moi interesante.
Os músicos eran os mesmos tres que actuaban a obra "As marxes da desgraza": Ignacio Muñoz ao piano, Marcel Chirilov ao clarinete e saxo, e Patxi Valera á percusión. E á voz, a impresionante Estíbaliz Espinosa, que recitou poemas e cantou, en todo canto rexistro se lle puxo diante.
Para os millóns de seguidores deste blog non será ningunha sorpresa lerme que non me gusta o jazz, e está claro que se este grupo estaba cerca dalgún estilo, era dese. Pero a pesar diso, a música soou moi ben e foi tremendamente variadas.
A ver, así que eu lembre, comezou con "Space Oddity", de David Bowie, despois foi unha peza xaponesa tradicional, despois pezas galegas, brasileñas, portuguesas, caboverdianas, estándares de jazz que saen no musical "Sorrisas e bágoas" (que eu vin en Madrid o mes pasado), etc. Ou sexa, tan variado que malo sería que algo non gustase, e a min gustoume todo (ou case).