Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pontevedra capital

Pois unha versión reducida de Viaxes O Lóstregho estivo de visita neste chuvioso entroido na capital da provincia de Pontevedra, viaxando en tren e movéndose unicamente a pé, xa que nos gusta moito e ademais é moi común nesa fermosa cidade (acaba de levar un premio europeo por esa práctica).

Chegamos o sábado ao mediodía e pola tarde fomos andando ata o magnífico Parque Forestal de Lourizán, finca que se atopa xusto detrás (visto dende a ría) da fábrica de celulosa, e que pertenceu no seu momento a Eugenio Montero Ríos, xa que en posición central na mesma atópase o pazo no que el veraneaba. Andando tárdase unha media hora, así que debe estar a unha distancia entre 2 e 3 quilómetros da cidade.

O domingo pola mañá e o luns dedicamos practicamente todo o tempo a visitar o interesantísimo Museo de Pontevedra (a foto é do sexto edificio, o moderno e grande contedor onde están agora a maioría dos fondos). Hai que ter en conta que nestes intres, dos seis edificios, só se visitan tres. O terceiro está dedicado a oficinas e xestión, as ruínas de Santo Domingo están pechadas porque con tempo tan chuvioso é moi posible esvarar na pedra húmeda e o quinto estase restaurando, pero cando rematen con el é case tan grande como o sexto.

Nos outros días estivemos visitando amigos, escapando da chuvia pero aínda nos deu tempo a camiñatas ata o mosteiro de Lérez, a Illa das Esculturas, o parque de Alba e a senda peonil polo río dos Gafos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2013 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal