Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Curriculum Vitae

O outro día fun ver a divertida obra "Curriculum Vitae" da compañía Redrum Produccións, protagonizada por Mónica García e Guillermo Carbajo. Estaba dirixida por Álex Sampaio e consistía en cinco obras breves, que eran as seguintes:

- "Traballo lixo" de Diego Ameixeiras: Unha executiva dunha grande empresa entrevista de forma bastante despectiva a un rapaz que quere entrar a traballar nela, ofrécelle unhas condicións de contrato absolutamente indecentes, e el alédase moito porque pensa que é a oportunidade da súa vida.

- "Puntocom" de Araceli Gonda: Agora é un executivo doutra empresa o que entrevista a unha muller xa de certa idade que precisa ese traballo, e durante a entrevista é el quen amosa un desprezo absoluto e inhumano por ela, burlándose e sacando trapos sucios da familia. A entrevista remata con ela bailando unha muiñeira, e el gravándoa co móbil.

- "Si e non" de Avelino González: Unha funcionaria recibe a un rapaz con estética rapeira e moi moi vago e consentido, que é fillo dunha amiga súa, para ver se lle arranxa un traballo na administración pública, con técnicas totalmente corruptas que podedes imaxinar. Aparte do curioso equívoco no uso do "si" e do "non" que ten o rapaz (de aí o título da peza, supoño), resulta moi curiosa a burla e o repaso das diferentes consellerías da Xunta á hora de propoñerlle ao rapaz posibles postos de traballo.

- "A espera" de Manolo Cortés: os dous actores, semella que representándose a si mesmos, coinciden nunha sala de espera onde parece que os van chamar para facer un casting para algunha serie ou similar.

- "Executiva vs Bolseiro" de José Prieto: unha executiva agresiva é recibida nunha empresa por un bolseiro, e entra en cólera porque o xefe del, que ía entrevistala para un posto de traballo, non pode estar e esqueceu avisala. Entón ten lugar unha delirante entrevista por teléfono co bolseiro como intermediario.

Obviamente, en todas as pezas, os dous actores van intercambiándose os roles. E a pesar de ser cinco pezas diferentes, hai unha certa dramaturxia común, xa que nalgunha peza aparecen fragmentos gravados, noticias, comentarios ou similar, dalgunha das pezas anteriores ou posteriores (exemplo, na primeira peza fálase brevemente de algo que pasa na última, pero ata o final non te decatas da relación, claro, no seu momento non entendes moi ben porque falan diso, pero ao final a peza encaixa á perfección).

En definitiva, pasoume moi ben durante un bo pedazo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2012 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal