Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un lugar no sol
Onte vin en Paramount Channel outro clásico do cine aos que tanto me estou aficionando. Neste caso, foi "Un lugar no sol", dirixida por George Stevens en 1951, e protagonizada por Montgomery Clift, Elizabeth Taylor e Shelley Winters.

A cousa vén sendo que un rapaz chamado George Eastman (M. Clift), humilde e sen recursos consegue un traballo nunha industria debido a que é o sobriño do magnate que a dirixe. Forma parte dunha parte da familia coa que non tiñan moito contacto, pero aínda así, conséguenlle un emprego, pero no nivel máis básico da empresa. Alí coñece a unha compañeira de traballo (S. Winters) coa que comeza a saír, pero en segredo, xa que unha norma interna da empresa prohibe as relacións entre empregados.

O magnate preocúpase pouco por el, e non lle permite entrar no seu círculo social, cousa que a el tampouco lle interesaba, pero aínda así, coñece e queda fascinado (e o contrario tamén, que iso si é máis raro) por unha pija aristócrata chamada Ángela Vickers (E. Taylor, no cumio da súa mítica beleza). Esta relación comeza a avanzar moi ben en paralelo coa outra e, como era previsible, el decántase por esta e non pola súa compañeira de traballo, moito menos rica e agraciada, e que ademais na propia película tamén semella como que existe menos paixón e amor.

Pero claro, as cousas complícanse, debido a que na primeira noite de amor coa súa compañeira de traballo, que empaquetaba bañadores da empresa, deixouna embarazada. Xusto cando recibe esa noticia é cando a relación con Ángela comeza a ir vento en popa e cando lle están permitindo entrar nese círculo social, que el creía vetado. Non sabe como reaccionar e leva a Alice (a compañeira de traballo) a un encantador lago nas montañas que lle ensinara Ángela para afogala. Unha vez alí sufre un terrible tormento interior entre a idea de matala, e a de non facelo, pero o caso é que hai un accidente na barca, ela acaba morrendo e el sálvase de milagre, pero intenta ocultar todo o caso.

Descúbrese o tema, e hai un xuízo onde se intenta esclarecer a verdade. Xa vos destripei bastante a película, polo menos non direi o que acabou pasando.

Ben, a película gustoume un pouco, pero tampouco me apaixou. Nun portal de cine na Internet lin unha crítica terrible que di que é "unha tontería soporífera que levou moitos Oscars e que llos quitou a outros directores e películas moito máis merecedores deles que se facían naqueles anos". Eu non diría tanto, pero creo que algo ou bastante de acordo podo estar. Non sei con que películas competía pero non me parece que a película fora tan fantástica, moi romántica e melodramática, pero non é o xénero que máis me atrae, nin moito menos. E claro, xoga ao seu favor que están Montgomery Clift e Liz Taylor no cumio do seu mito romántico-erótico, así que millóns de espectadores de todos os sexos posibles estarán na súa salsa, pero non é o meu caso.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2012 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal