Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

aPorto 2012
Nestes últimos días participei nunha actividade da que me chegaran noticias ao longo deste verán, que apuntaba moi boas maneiras, e que unha vez realizada, podo dicir que incluso mellorou as expectativas que levaba.

Trátase de aPorto, os cursos que as asociacións AGAL e ANDAIME organizan no Porto, e que consisten nun curso de portugués para galegos dunha semana de duración. As clases son pola mañá na FLUP (Facultade de Letras da Universidade de Porto) e polas tardes hai actividades lúdico-culturais organizadas por esta mesma xente, que son tanto ou máis interesantes que as da mañá.

Por comentar algúns aspectos da loxística da viaxe, fomos dende a Coruna a Porto en autobus directo de ALSA (algo caro, pero tranquiliza moito que che solucionen todo o tema do transporte nun só medio e cun só billete). E aloxámonos no Hotel Douro, un hotel de 3 estrelas que está a carón da rotonda da Boavista, entre a parada de autobus onde nos baixabamos e a Facultade onde eran as clases. É un hotel un pouco caro para o que se estila en Porto (e en Portugal, supoño), pero as instalación son fantásticas e estaba moi ben ubicado para esta actividade concreta.

E agora imos co curso. As clases da mañá eran moi levadeiras, de 9:00 a 12:15. Lembrade que o xantar en Portugal é entre as 12:30 e as 14:00, aínda que finalmente as clases sempre remataban sobre as 12:45. O grupo estaba dividido en dous, o noso, de nivel básico, estaba formado por 6 persoas, e o outro, de nivel algo máis avanzado, estaba formado por 7 persoas.

A nosa profesora chamábase Inés (a outra creo que era Joana) e, dende logo, a nosa, era fantástica (da outra tamén me deron moi boas referencias). Facíanos intervir e falar moito (para iso fomos, para aprender e practicar portugués), e aproveitaba calquera situación para, de forma amena, ir introducindo novo léxico, formacións sintácticas, gramática, fonética, etc.

En cada sesión facíamos fonética, trabalinguas, leíamos ou cantabamos poemas, tiñamos que recitar breves poemas que aprendéramos antes, etc., todo de forma moi amena. Foi un curso de lingua nada pesado, ten moito mérito o seu traballo. E, ademais, cada día, había un "tema central" que sempre estaba relacionado coas actividades da tarde. Eses temas centrais foron, por orde: "Portugal de punta a punta" (coñecer as principais cidades), "O teatro", "A literatura", "A música" e "A gastronomía".

Pero para min, que levo anos metido en actividades culturais, o que me resultou alucinante foi o das tardes (non sei se tería ido se fora simplemente un curso de portugués). Paso agora a detallar o que fixemos polas tardes:

- Luns: primeiro unha visita guiada a Porto cun home chamado Pedro Marques que, aparte de ser moi amable e de falar un portugués moi facilmente comprensible para nós, nos tivo catro horas pateando pola cidade descubrindo lugares flipantes. E ao rematar, unha cea con racións e pratos típicos de Portugal nun local autodenominado Tasca-Gourmet. Pataniscas de bacalhau, cenouras á moda do Algarve, feixóns, chourizos picantes, etc. De todo, e en cantidades industriais, e todo por 11 euros.

- Martes: primeiro, unha visita guiada a Serralves, museo de arte contemporánea encravado nun magnífico enclave natural na cidade de Porto. Despois, collemos un barco para unha aldea chamada Afurada, que está na zona de Gaia, ao sur do río, e alí tomamos un magnífico "arroz ao tamboril" (tamboril é como lle chaman ao rape en Portugal). E por último asistimos a unha obra de teatro case para nós, titulada "A fiandeira".

- Mércores: esta foi unha tarde das máis libres, e a única actividade foi unha velada poético-musical na UNICEPE, unha cooperativa libreira de estudantes, que ten unha librería moi céntrica e un moi activo centro cultural.

- Xoves: primeiro asistimos a unha interesantísima charla a cargo dun dos "capitáns de abril" (os capitáns do exército portugués que deron a Revolución dos Cravos do ano 1974), que agora xa é coronel. Despois fomos a un interesante taller sobre música tradicional portuguesa a cargo de Blandino Soares. E para rematar este fantástico día, no mesmo lugar do taller musical, tivemos unha cea con dous pratos africanos: "Cachupa" de Cabo Verde, e "Muamba de galinha" de Angola, cociñados pola gran Filomena.

- Venres: e para rematar o curso, ao mediodía, despois da última clase, fixemos un picnic os alumnos con Inés (a outra profesora non puido vir) e Antonio, o organizador das actividades das tardes. Foi no Palacio de Cristal, un fermoso xardín cerca do centro de Porto. Toda a semana fixera moi bo tempo, pero ese día amenceu gris, foise cubrindo, e xusto cando rematamos o noso xantar, púxose a chover bastante, aguantou xusto o tempo suficiente.

Conclusión: unha experiencia fantástica, que lle recomendo a todo o mundo. Eu intentarei ir o ano que vén, pero xa a un nivel intermedio, para seguir progresando. E espero seguir en contacto con Portugal e a súa lingua e cultura durante este ano, para non perder o moito que avancei.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2012 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal