Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

In & Out
Pois con este novo costume relacionado co novo televisor que acabo de mercar, algunhas noites, antes de durmir, vexo cine, sobre todo en Paramount Channel e TCM Autor.

O outro día tocou "In & Out", unha película coa que non me facía grandes ilusións, pero que sempre me chamou a atención como podía desenvolverse, xa que o punto de partida resulta simpático.

Para completar a presentación, diremos que foi dirixida por Frank Oz no ano 1997, que foi protagonizada no papel principalísimo por Kevin Kline, pero que está ben secundado por Matt Dillon, que fai poucas aparicións pero estelares, Tom Selleck, Joan Cusack e Debbie Reynolds (a encantadora bailarina de "Bailando baixo a chuvia", non sabía que fixera cine con idade tan avanzada).

Para os que non o saiban, o tema principal da película, que foi o que levaba anos chamándome a atención, consiste en que un novo actor estrela de Hollywood orixinario dun pequeno lugar, recibe un Oscar por facer dun soldado homosexual, e no discurso de agradecemento, fai mención do seu profesor de literatura na escola, en quen se inspirou, ao ser tamén homosexual.

Na vila da que falamos, ninguén o sabía, e ademais ese profesor íase casar uns días máis tarde con outra profesora do mesmo centro. Obviamente, a conmoción na pequena comunidade é total, e comezan todo tipo de desmentidos e comentarios. Aínda que é destripar a película, a situación semella que se reconduce ata que, diante do altar, o profesor recoñece ser gay, cousa que incluso nos sorprende a nós, os espectadores, xa que nada na película parecía indicalo.

É unha comedia bastante lixeira, onde tamén se atopan críticas á industria de Hollywood e, en xeral, á hipocresía social con respecto a temas como a homosexualidade, pero tamén a outros.

Pero chama a atención o tema do homosexualidade, como non podía ser doutro xeito. Tal como acaba a película, parece ser un canto á tolerancia, pero en moitos momentos da película non queda moi claro, xa que parecen tomarse o tema bastante a chirigota (as imaxes da película pola que lle dan o Oscar son algo burlonas). E insisto, o que máis me chamou a atención é cando diante do altar recoñece que, si, finalmente, é gay. Cando parecía estar (na película, polo menos) deixando claro que non o era, e que os que así opinaban o facían influenciados por prexuízos tontos que todos coñecemos.

En definitiva, unha comedia simpática, pero que non pasará á historia do cine, nin moito menos, é que por momentos resulta ata confusa. Se pretendían emitir algún tipo de mensaxe sobre a homosexualidade (ao mellor non o pretendían), ao rematar de ver a película non teño moi claro cal é.

Por certo, non sei se o director ou o guionista comentaron que a idea xurdiu cando Tom Hanks gañou o Oscar por "Philadelphia", e fixo un agradecemento similar. Pensaron: e que pasaría se ese comentario fora falso?

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2012 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal