Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

The ballad of Genesis and Lady Jaye
Por terceiro día consecutivo, fun ao CGAI. O desta terceira vez tamén era raro dabondo, pero esta vez comprendíase á perfección. Pero confirma que neste mundo "hai xente pa tó".

Era algo así como un documental sobre a relación entre dúas persoas chamadas Genesis P. Orridge e Lady Jaye. Quen son (ou eran) estas dúas persoas?

Comecemos pola máis "famosa" e importante. No ano 50 no Reino Unido naceu un rapaz chamado Neil Andrew Megson. Sempre lle gustou a música e a finais dos anos 60 formou un grupo, con outros colegas. O grupo chamábase Throbbing Gristle, e parece que foi un dos primeiros da chamada música industrial. De feito, nunha escena comentan a emoción que lles supuxo ver que nunha mega-tenda de Virgin crearan unha sección de música industrial, onde só había discos de dous grupos, o seu e outro.

Máis adiante fundou outro grupo chamado Physic TV, que creo que aínda segue de xira por aí, con este músico á súa fronte. Se non é así, hai poucos anos aínda o facía. Aínda que teño que recoñecer que eu nunca oíra falar de ningún dos dous. Para rematar con este tema musical, direi que os fragmentos musicais que puxeron (non moitos, a verdade) non me chamaron especialmente a atención, pero polas imaxes de concertos está claro que teñen o seu público.

Pero non puxeron demasiada música nin concertos porque non era un documental musical. Trata máis ben da persoalidade deste músico e da súa relación con Lady Jaye, que dá para un documental ou máis.

Non sei en que momento da súa vida, decidiu poñerse o nome artístico de Genesis P. Orridge, pode que xa a finais dos 60, cando fundou o primeiro grupo. Se buscades imaxes del daquela veredes que aínda tiña unha imaxe máis ou menos masculina. Pero máis adiante comezou a vestir de muller e a ter un "look" claramente feminino. Creo que se fixo algunha operación, pero os seus principais atributos masculinos creo que aínda os ten (vense claramente no documental, jejeje, o que non sei é de que época son as imaxes).

Pero a mediados dos 90 coñeceu a unha fermosa muller chamado Lady Jaye (será nome artístico, digo eu, dela non se fala moito). Casáronse, pero na voda Lady Jaye facía de marido e Genesis de esposa. E chegaron a tal estado de enamoramento, que creo que decidiron fundar unha corrente chamada "pandroxinia", que vén sendo algo así como facer que os dous membros da parella se parezan físicamente o máximo posible.

Esa parte é bastante surrealista. Vense imaxes de cando van "os dous" (ou "as dúas", ou "el e ela", non sei como hai que dicilo) ao cirurxán plástico para que lles vaia marcando na cara e nos peitos o que lles ten que facer para conseguir que se parezan o máximo posible.

Pois nada, nos últimos anos puxeran de novo en marcha Physic TV, Lady Jaye tamén formaba parte do grupo (aínda que parece que non quería inicialmente) e polo que se di alí facía "efectos de son" con algún ordenador ou sintetizador, supoño, pero non se falaba moito do tema. E sobre o ano 2007 ou 2008, non lembro ben, morre Lady Jaye duns "ataques" (non concretan máis), e Genesis entra nun estado de grande melancolía. A xira do grupo segue pero bótana moito en falta (sobre todo Genesis, claro).

Pois xa está, non vos queixaredes de que non detallei a historia. Era xente un pouco rariña, pero sempre está ben saber que cousas fan as persoas diferentes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2011 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal