Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cupula Mundi
Hai un par de semanas tiven a posibilidade de volver ler un novelón, ganas non me faltaban. Aproveitando unha ponte festiva de catro días, sacaba horas para ir lendo unha novela. Non é que me chamara especialmente a atención, o caso era volver ler, que podo facelo moito menos do que me gustaría.

Pois a elixida foi "A cúpula do mundo", do profesor e historiador andaluz Jesús Maeso de la Torre. Ten moitos trazos do típico best-seller, pero o vocabulario é bastante rico, o que xa di moito e bo do seu autor. E o caso é que eu precisaba ler algunha historia que me transportara a outros mundos e épocas, e conseguiuno moi ben, aínda que seguro que non foi o mellor libro que lin. Pero as súas horas de placer deunas.

Trata sobre a peripecia da princesa Kristín de Noruega, que no século XIII europeo veu do frío norte escandinavo ao cálido sur de Castela e Andalucía para desposarse cun irmán de Alfonso X O Sabio. Era unha alianza estratéxica para intentar que Alfonso X fora coroado emperador do Sacro Imperio Xermánico, pasando por diante de Ricardo de Cornualles. A Igrexa de Roma pretendía alongar o debate para non perder a súa hexemonía. Así que media Europa estaba enleado para saber quen podía ser o sucesor de Carlomagno.

Polo que parece, algúns dos persoeiros e das tramas son inventados, pero moitos deles son históricos e verdadeiros. A princesa Kristín, eixe da historia, existíu, e está soterrada na Colexiata de San Cosme e San Damián, en Covarrubias (Burgos). Creo que alí hai unha estatua na súa honra, que se fixo non hai moito tempo, e xuraría que a vin cando estiven alí. Chamoume a atención que alí estivera enterrada unha princesa noruega, pero con esta novela xa captei a temática.

O título fai referencia a unha estraña "entidade" que pretendía unir a persoeiros das tres principais relixións monoteístas para acadar a paz na convulsa Idade Media, entre outras cousas acuciados pola ameaza dos mongois, que xa estaban ás portas de Europa, e que eran moi temidos. Polo visto existíu, pero fracasou e quedou esquecida.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 12-11-2011 21:34
# Ligazón permanente a este artigo
Ela, unha moza chinesa
Onte pola noite fun ao Fórum Metropolitano para ver, como sempre sucede alí, unha película que transitou por fóra dos círculos comerciais.

Titulábase "Ela, unha moza chinesa" e foi realizada pola directora chinesa Xiaolu Guo no ano 2009, e levou algún premio nalgún certame de cine independente.

A verdade é que a min non me gustou excesivamente, son cousas que pasan. Non me identifiquei demasiado co personaxe principal, e os xiros que daba a historia semellábanme algo estraños.

A película conta unha parte da vida recente dunha moza chinesa chamada Li Mei, máis ben guapiña, coméntoo porque marca bastantes acontecementos.

En primeiro lugar, vémola na súa pequena aldea, cercana á unha grande cidade da que logo falaremos. Traballa como empregada nun pequeno bar dunha estrada que ten billares. A súa nai quéixase de que non traballa nada e que non se preocupa polo seu futuro, e seguramente razón non lle falta. Atrae ao "tipo máis chulo" da aldea, que traballa nesa gran cidade e aparece alí cunha moto, pero tampouco lle fai moito caso. E acaba sendo violada no campo por un camioneiro que parecía ser un dos seus mellores amigos, levábaa ao cine, etc. Cando volve polo bar, ármalle un bo escándalo, e suponse que a botan do traballo.

Porque a seguinte escea preséntaa a ela e á súa mellor amiga, que tamén traballaba no bar, camiño de Shenzhen, esa megalópole de case 10 millóns de habitantes da que vivían tan cerca. Comezan traballando xuntas nunha fábrica téxtil, pero a ela bótana ao pouco tempo, por coser mal (resulta moi cruel a escea onde a humillan en público e a despiden por esa razón, en China non se andan con ostias). Consegue traballo botándolle bastante cara nunha perruquería-burdel (si, si, curioso). Xusto ao lado vive un home do que se namora, pero que ten un traballo bastante perigoso, é un asasino a soldo. Nunha destas, volve a casa malferido e morre na cama na que durmían.

E de aí aparecemos en Londres, vaia salto, a que si? Alí vai facendo varios traballos precarios, ata que nun salón de masaxes (de verdade esta vez) coñece a un xubilado do que se fai amiga. E na seguinte escea aparece casándose polo xulgado con el ¿¿¿??? Despois dalgúns desencontros acaba deixándoo.

Durante esta época coñecera a un hindú que repartía comida a domicilio. E vaise a vivir con el. Como vedes, non tiña moitas dificultades para cambiar de vida e lugar. Tamén despois dalgúns desencontros (como vedes, era algo-bastante caprichosa) descubre que está embarazada de 10 semanas.

A película remata vendo como tamén deixa ao hindú (que raro nela!!!) e marcha andando, xa cunha panza prominente de embarazada, cara a unha praia. E o final abertísimo é que se lle ve mirando cara ao ancho mar, e xa está. Non me desagradan os finais abertos, en absoluto, pero me gustan máis cando a película me engancha máis, que non foi o caso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 23-10-2011 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Orixes: cinco fitos da evolución humana
Esta semana inaugurouse nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, nunha carpa, unha magnífica exposición organizada pola Obra Social de La Caixa (esta xente si que sabe montar estas cousas) co título que vedes neste artigo.

É magnífica. Os cinco fitos aos que se refire e que cambiaron a historia do xénero humano e das especies antecendentes foron:

- O bipedismo. Sorprendeume algunha cousa que din aquí, como que unha das vantaxes do bipedismo é que os órganos vitais se afastan do chan e do seu calor (non sabía que iso era un defecto, está ben sabelo) e que, obviamente, vese mellor o territorio circundante, importante cando a supervivencia está en perigo.

- As ferramentas: ata un determinado momento, a dieta era principalmente vexetal, pero ao crear algunhas armas cortantes, iso permítelles matar animais e romper os seus ósos, o que trae un aporte de proteínas, e con iso o maior desenvolvemente cerebral, que dirixe a evolución posterior.

- O lume: permitiu mellorar aínda máis a dieta (comézase a cociñar, esencial na mellora cerebral), e proporcionou luz, calor e seguridade. Chamoume a atención o fincapé que facían en que grazas ao lume ampliáronse as horas "do día" e comezou a incrementarse a vida social, que antes desaparecía en canto se facía de noite. E xa sabemos que a vida social é indispensable para a felicidade e desenvolvemento.

- A autoconciencia: Comezan a ter conciencia de si mesmos e a temer a morte. Comezan os enterramentos e o preocuparse por levar a mellor vida posible.

- Os símbolos: O cerebro comeza a manexar conceptos simbólicos e comeza a arte, en forma de pequenas pezas talladas e pinturas en covas.

Aparte de haber recreacións interesantes, algúns restos, os textos da exposición son moi claros e dan unhas claves moi interesantes para entender por que eses cinco fitos supuxeron evolución da especie, como di o título da exposición.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 30-09-2011 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Libro de Miguel Mato sobre Lois Pereiro
O outro día o escritor Miguel Mato presentou na A.C. Alexandre Bóveda un libro sobre Lois Pereiro, o homenaxeado nas Letras Galegas, titulado "Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro".

No acto houbo moita xente, a pesar de que ese día a esa hora o Deportivo xogaba un trascendental partido para a súa permanencia na primeira división do fútbol español.

Foi o comezo dunha densa semana en homenaxe a Lois Pereiro.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 15-05-2011 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
Cabanillas, segundo Francisco Fernández Rei
No mes de maio veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o académico Francisco Fernández Rei para falar sobre "Cabanillas e o mar de Arousa".

Contounos cousas ben interesantes sobre Cabanillas e a súa poesía dedicada ao mundo do mar de Arousa, que tan ben coñece tamén Fernández Rei.

E non vos digo nada sobre a cea de despois -sempre son tan interesantes ou máis que as propias charlas-, onde nos falou de Cambados e todos os seus mundos. E cando digo todos, quedo dicir TODOS.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 08-07-2009 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Fin da viaxe a Extremadura
Avisamos de que xa están penduradas as 105 fotos prometidas da nosa viaxe a Extremadura na Semana Santa do ano 2002. Mirade na sección de FotoGalerías ou FotoBlogoteca na esquerda.

Tomámonos un descanso ata o comezo do ano 2008, en canto a poñer fotos de viaxes, referímonos. Se non pasa nada en contra, o 1 de xaneiro, coma un cravo, alí estaremos, de novo á tarefa, e xa sabedes que nós somos cumpridores coas datas que prometemos.

Nos últimos días de decembro escanearemos máis fotografías en papel, para penduralas aquí máis ou menos organizadamente.

De que tratarán as seguintes galerías? Pois supoño que das viaxes que fixemos no verán de 2002, seguramente un dos mellores da nosa vida:

- Lisboa e arredores (zona central de Portugal).

- Provincias de Segovia e Ávila (bastante mellor do que algúns estaredes pensando).

- A provincia de Huesca (a mellor zona dos Pirineos, abraiante).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 15-12-2007 15:11
# Ligazón permanente a este artigo
Benvidos a Extremadura
Ola xente.

Lembrade que este blog (aínda que non o pareza ás veces) creouse especialmente para colgar as fotos das expedicións perralleiras de Viaxes O Lóstregho.

Polo tanto, a partir do luns 3 de setembro de 2007 deberíades visitar a sección da fotoblogoteca chamada "Extremadura - Semana Santa 2002" que ilustra o que xa estaredes imaxinando.

Boa viaxe. Cabañas & Catoira Travels.
Comentarios (1) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 03-09-2007 01:16
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal