Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sansón e Dalila
Seguindo co ciclo de Cecil B. de Mille no CGAI, outro día fun ver a mítica "Sansón e Dalila" con Víctor Mature e Hedy Lamarr nos papeis principais. Lembro ter visto o final da película (como mínimo) hai moitos anos.

Sansón era o líder dunhas aldeas na Palestina bíblica (ou máis ben antes diso). Aos mandatarios daquelas terras non lles facía nada de graza, e era un líder moi temido e respectado.

Sansón estaba namorado de Semadar (protagonizada por Angela Lansbury), pero mentres se daba ese proceso de seducción, a irmá dela, Dalila, tamén se prenda de Sansón, pero el non lle presta demasiada atención.

O caso é que a historia vai avanzando e morre Semadar, e Sansón pasa a ser perseguido polas forzas da orde, pero é moi difícil de coller porque todos os habitantes das súas terras o protexen e ocultan.

Pero Dalila, de forma moi intelixente, consegue dar con el e erguer certa relación de confianza, para que lle diga cal é o secreto da súa inconmensurable forza. Como todos saberedes xa, confésalle que é o cabelo, e ao día seguinte desperta aturdido (botoulle un somnífero no viño) con boa parte do pelo cortado.

Déixano cego e lévano á capital para que a xente poida burlarse del dando voltas a un muíño. Ela o ve alí nesas condicións e apénase moito porque estaba namorada del, e intenta defendelo.

A película remata indo ao templo, supostamente para participar nun espectáculo no que se van burlar del, pero como está recuperando a forza (xa que o pelo volve crecer), consegue empurrar dúas das columnas principais do templo, e derrubalo case por completo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 04-03-2017 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
A flor de pel
Acabo de ler outra novela á que lle tiña bastantes ganas dende había algún tempo. Titúlase "A flor de pel", foi escrita por Javier Moro, e trata sobre a "Expedición da Vacuna" que saíu do porto da Coruña hai dous séculos, unha historia ben bonita e bastante descoñecida na propia cidade.

A finais de 1803 saíu do porto da Coruña un buque, chamado María Pita, que levaba unha expedición científica dirixida polo médico alicantino Francisco Xavier Balmis, que era secundado por Josep Salvany, un médico catalán, varios enfermeiros e axudantes, unha muller que era a rectora do Hospicio da Coruña, e 22 nenos.

A finais do século XVIII, a epidemia de variola (en español viruela") dezmaba as poboacións de case todo o planeta. Un médico rural inglés chamado Edward Jenner descubriu que as mulleres que muxían as vacas en Inglaterra nunca collían esta enfermidade. Investigou, e descubriu que as vacas tiñan unha variedade de viruela similar, pero máis feble, e que podía pasar aos humanos. Pero ao contraer esa variedade, xa quedaban inmunizados contra a variante humana, que era letal naquela época.

De todo isto enterouse Balmis, que levaba algún tempo traballando no tema, e propúxolle a Carlos IV esta expedición. O obxectivo era levar cepas "frescas" da variola a América, por onde se extendía boa parte do imperio español "onde non se poñía o sol", e despois a Filipinas.

A forma de levar cepas frescas da variola era levar nenos que aínda non a sufriran, inocularlles unha dose leve do virus, e uns días máis tarde, cando as pústulas estiveran recheas e a punto de caer, ir pasando ese virus "fresco" a outros nenos. Por iso ían calculando cando nenos necesitaban para cada travesía en barco, dependendo do tempo de navegación. Escollían principalmente nenos pobres, de hospicios ou inclusas, moi novos, que non tiveran aínda a enfermidade, etc.

A odisea foi xigantesca. Nalgúns lugares os recibían como heroes e propagaban moi ben a vacuna (por certo, chámase así porque comezou coas vacas), pero noutros lugares chocaban con gobernadores ou virreis totalmente corruptos que non os aceptaban, que levaban moi mal que alguén alleo levara tanta fama, e dificultaban moito o seu labor.

Deu a volta ao mundo facendo este labor (levoulle uns 4-5 anos) e cando voltou a país estaba sendo invadido polos franceses, e o imperio víñase abaixo.

A historia da expedición é esa. O que xa non teño tan claro é se o deseño dos personaxes principais é tan real como o contan alí. Os tres personaxes principais foron Balmis, Salvany e a rectora, que coidaba dos nenos, chamada Isabel Zendal.

Tal como o contan na novela (pero non sei se é real), parece que Balmis tiña moita ansia de ser recoñecido publicamente, pero que non se preocupaba demasiado polas persoas, só lle preocupaba o éxito da súa expedición e o prestixio social que podía derivarse diso.

Pola contra, Salvany parecía ser moito máis humano, cariñoso e emotivo, pero tiña tise e era de saúde algo fráxil, aínda que sempre saía adiante. En Venezuela dividiron os seus camiños, Balmis seguíu cara a México e Salvany con varios axudantes máis encargouse de boa parte de Sudamérica.

Pero a figura central da novela é Isabel Zendal, que nace nunha aldea de Ordes, vén a servir á Coruña, ten un fillo de solteira por culpa dun militar andaluz que desaparece, e acaba de rectora no Hospital de Orfos que fundara Teresa Herrera.

Estiven case toda a novela, sobre todo ao principio, que é parte que transcorre en Galicia, pensando que o autor non se documentara demasiado ben.

A razón era que non me parecía moi lóxico que unha rapaza de Ordes tivera un apelido como Zendal, que non está claro de onde é, pero non semella galego para nada. O seu pai chamábase Jacobo, que non é un nome nada habitual no rural galego, polo menos nesa variante. Os apelidos de moitos dos que trataban con ela na Coruña tampouco eran galegos ou non o parecían. Segundo o autor, a choiva lixeira de Galicia é "sirimiri" (sen comentarios). En definitiva, dábame a impresión de que nesta parte se relaxara un pouco e se documentara a medias.

Pero ao final da novela explica de onde sacou os datos, todo o que se sabía do tema, consulteino en Internet e, ou escribiu el mesmo artigos da Wikipedia ou doutras webs (que tampouco é imposible), ou a cousa parece bastante fiable.

Con respecto a Isabel, que era o personaxe máis claramente coruñés, e do que máis parecía investigar, parece que ultimamente se averiguaron máis cousas, pero van nesa liña. Atopáronse unhas 35 versións posibles do seu apelidos, con pequenas variantes, e non teñen nin idea da súa orixe, pero semella que non era galega.

Parece que os personaxes que participaron na expedición foron exactamente eses, que Isabel tivo un fillo de solteira con ese soldado andaluz bala-perdida.

Incluso di ao final que "finalmente na Cidade Vella da Coruña lle dedicaron unha rúa". E aí xa foi cando flipei, porque a min non me soaba absolutamente de nada. Pero resulta que é certo (vaia, constatareino en persoa esta mesma tarde). Hai unha pequena rúa na Cidade Vella chamada Isabel López Gandalia (xa vedes que o apelido cambiou bastante dende Zendal) que está dedicada a ela.

En definitiva, para coruñeses ou para calquera outra persoa, unha historia fantástica, que partiu da nosa cidade (porque tiñamos moito comercio marítimo con América, unha das causas principais do enriquecemento da cidade), e que case ninguén coñece. Un pequeno monumento nos xardíns do Parrote lembra esta historia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 03-01-2017 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición sobre George Melies
Case todos os anos, CaixaForum organiza nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña unhas magníficas exposicións en carpas que están alí instaladas durante un mes, case sempre pola época do Nadal.

As temáticas son variadas. Lembro unha moi interesante de tipo científico que houbo hai 1 ou 2 anos. E este ano tocou unha sobre George Melies, o primeiro director de cine absolutamente xenial que facía auténticas virguerías a comezos do século XX.

Agora xa foi clausurada na Coruña, pero como supoño que esas carpas serán itinerantes, seguro que poderán verse nalgún outro lugar da xeografía española.

Pois nada, se non o coñecedes, anímovos a indagar sobre a figura deste xenio, a ver películas del (por exemplo en Youtube), porque ides filpar bastante.

Xa saíu neste blog hai algún tempo este autor porque proxectaron na Coruña a súa mítica película "Viaxe á Lua" xunto con algunhas máis (porque todas eran de breve duración naquela época) con música en directo. Póñovos agora un vídeo doutra das súas películas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 31-12-2016 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
O nome da rosa
Hai xa unhas cantas décadas, un intelectual italiano moi eminente chamado Umberto Eco escribiu unha novela titulada "O nome da rosa".

A mediados dos 80, o director francés Jean Jacques Annaud (que daquela apuntaba unhas maneiras espectaculares) rodou unha película baseada nesa novela, protagonizada por Sean Connery e Christian Slater.

Dese xeito, esta novela fíxose mundialmente coñecida e admirada. Eu lina durante este Entroido, mentres pasaba uns días de descanso en Compostela.

Non lembraba case nada dela, só algo da trama criminal que se producía no mosteiro, nalgún sitio do norte de Italia sen identificar. Revivina estes días con moito agrado.

Non lembraba que outra das partes importantes da novela trataba sobre un cisma na Igrexa Católica e as disputas entre o Papa de Roma (daquela en Avignon) e o emperador bávaro.

Unhas partes resultaban máis amenas e fluídas que outras, pero en xeral a historia está moi ben. Ademais ler unha novela ambientada no Medievo nunha cidade cun pasado medieval tan glorioso senta moi ben.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 26-02-2015 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Maratón de lectura sobre Rosalía de Castro
Un ano máis, os alumnos dos Escolapios da Coruña fixeron un maratón de lectura sobre a obra de Rosalía de Castro no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Foi a finais de febreiro, data de nacemento da poetisa, pero este ano conmemóranse os 150 anos da publicación de "Cantares gallegos", así que os poemas lidos eran todos desa obra.

Como sempre houbo moita participación, cerca de 70 alumnos nun venres pola tarde, fóra do horario lectivo. A tarde rematou cunha charla do poeta e profesor Miguel Mato sobre a autora.

Déixovos cun video doutro recitado que atopei na rede.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 02-03-2013 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
Con acuse de recibo
Onte estiven lendo unha obra máis da magnífica colección editado polo clube de lectores Biblos.

Nesta caso foi a quenda de "Con acuse de recibo" de Alberto Ramos. Este rapaz xa fora o segundo gañador do concurso para xoves escritores que organiza Biblos, e semella que apunta boas maneiras. De feito, esta novela breve, foi a gañadora do premio de Novela por entregas de La Voz, así que ten 31 capítulos que foron publicados en tantos días do mes de agosto de hai varios anos.

Non vou desvelar moito pero a idea principal está moi ben. Un home suicídase e xusto antes de facelo envíalle ao seu irmán, con quen había tempo que non se falaba, un paquete no que van cartas a unha serie de persoas importantes na súa vida (do falecido), para que o seu irmán llas entregue en persoa.

Debido a iso, coñece a unhas persoas de caracteres e reaccións moi variadas, incluso recibe unha malleira, pero resulta unha historia moi sinuosa e orixinal.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 13-10-2012 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Cupula Mundi
Hai un par de semanas tiven a posibilidade de volver ler un novelón, ganas non me faltaban. Aproveitando unha ponte festiva de catro días, sacaba horas para ir lendo unha novela. Non é que me chamara especialmente a atención, o caso era volver ler, que podo facelo moito menos do que me gustaría.

Pois a elixida foi "A cúpula do mundo", do profesor e historiador andaluz Jesús Maeso de la Torre. Ten moitos trazos do típico best-seller, pero o vocabulario é bastante rico, o que xa di moito e bo do seu autor. E o caso é que eu precisaba ler algunha historia que me transportara a outros mundos e épocas, e conseguiuno moi ben, aínda que seguro que non foi o mellor libro que lin. Pero as súas horas de placer deunas.

Trata sobre a peripecia da princesa Kristín de Noruega, que no século XIII europeo veu do frío norte escandinavo ao cálido sur de Castela e Andalucía para desposarse cun irmán de Alfonso X O Sabio. Era unha alianza estratéxica para intentar que Alfonso X fora coroado emperador do Sacro Imperio Xermánico, pasando por diante de Ricardo de Cornualles. A Igrexa de Roma pretendía alongar o debate para non perder a súa hexemonía. Así que media Europa estaba enleado para saber quen podía ser o sucesor de Carlomagno.

Polo que parece, algúns dos persoeiros e das tramas son inventados, pero moitos deles son históricos e verdadeiros. A princesa Kristín, eixe da historia, existíu, e está soterrada na Colexiata de San Cosme e San Damián, en Covarrubias (Burgos). Creo que alí hai unha estatua na súa honra, que se fixo non hai moito tempo, e xuraría que a vin cando estiven alí. Chamoume a atención que alí estivera enterrada unha princesa noruega, pero con esta novela xa captei a temática.

O título fai referencia a unha estraña "entidade" que pretendía unir a persoeiros das tres principais relixións monoteístas para acadar a paz na convulsa Idade Media, entre outras cousas acuciados pola ameaza dos mongois, que xa estaban ás portas de Europa, e que eran moi temidos. Polo visto existíu, pero fracasou e quedou esquecida.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 12-11-2011 21:34
# Ligazón permanente a este artigo
Ela, unha moza chinesa
Onte pola noite fun ao Fórum Metropolitano para ver, como sempre sucede alí, unha película que transitou por fóra dos círculos comerciais.

Titulábase "Ela, unha moza chinesa" e foi realizada pola directora chinesa Xiaolu Guo no ano 2009, e levou algún premio nalgún certame de cine independente.

A verdade é que a min non me gustou excesivamente, son cousas que pasan. Non me identifiquei demasiado co personaxe principal, e os xiros que daba a historia semellábanme algo estraños.

A película conta unha parte da vida recente dunha moza chinesa chamada Li Mei, máis ben guapiña, coméntoo porque marca bastantes acontecementos.

En primeiro lugar, vémola na súa pequena aldea, cercana á unha grande cidade da que logo falaremos. Traballa como empregada nun pequeno bar dunha estrada que ten billares. A súa nai quéixase de que non traballa nada e que non se preocupa polo seu futuro, e seguramente razón non lle falta. Atrae ao "tipo máis chulo" da aldea, que traballa nesa gran cidade e aparece alí cunha moto, pero tampouco lle fai moito caso. E acaba sendo violada no campo por un camioneiro que parecía ser un dos seus mellores amigos, levábaa ao cine, etc. Cando volve polo bar, ármalle un bo escándalo, e suponse que a botan do traballo.

Porque a seguinte escea preséntaa a ela e á súa mellor amiga, que tamén traballaba no bar, camiño de Shenzhen, esa megalópole de case 10 millóns de habitantes da que vivían tan cerca. Comezan traballando xuntas nunha fábrica téxtil, pero a ela bótana ao pouco tempo, por coser mal (resulta moi cruel a escea onde a humillan en público e a despiden por esa razón, en China non se andan con ostias). Consegue traballo botándolle bastante cara nunha perruquería-burdel (si, si, curioso). Xusto ao lado vive un home do que se namora, pero que ten un traballo bastante perigoso, é un asasino a soldo. Nunha destas, volve a casa malferido e morre na cama na que durmían.

E de aí aparecemos en Londres, vaia salto, a que si? Alí vai facendo varios traballos precarios, ata que nun salón de masaxes (de verdade esta vez) coñece a un xubilado do que se fai amiga. E na seguinte escea aparece casándose polo xulgado con el ¿¿¿??? Despois dalgúns desencontros acaba deixándoo.

Durante esta época coñecera a un hindú que repartía comida a domicilio. E vaise a vivir con el. Como vedes, non tiña moitas dificultades para cambiar de vida e lugar. Tamén despois dalgúns desencontros (como vedes, era algo-bastante caprichosa) descubre que está embarazada de 10 semanas.

A película remata vendo como tamén deixa ao hindú (que raro nela!!!) e marcha andando, xa cunha panza prominente de embarazada, cara a unha praia. E o final abertísimo é que se lle ve mirando cara ao ancho mar, e xa está. Non me desagradan os finais abertos, en absoluto, pero me gustan máis cando a película me engancha máis, que non foi o caso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 23-10-2011 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Orixes: cinco fitos da evolución humana
Esta semana inaugurouse nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, nunha carpa, unha magnífica exposición organizada pola Obra Social de La Caixa (esta xente si que sabe montar estas cousas) co título que vedes neste artigo.

É magnífica. Os cinco fitos aos que se refire e que cambiaron a historia do xénero humano e das especies antecendentes foron:

- O bipedismo. Sorprendeume algunha cousa que din aquí, como que unha das vantaxes do bipedismo é que os órganos vitais se afastan do chan e do seu calor (non sabía que iso era un defecto, está ben sabelo) e que, obviamente, vese mellor o territorio circundante, importante cando a supervivencia está en perigo.

- As ferramentas: ata un determinado momento, a dieta era principalmente vexetal, pero ao crear algunhas armas cortantes, iso permítelles matar animais e romper os seus ósos, o que trae un aporte de proteínas, e con iso o maior desenvolvemente cerebral, que dirixe a evolución posterior.

- O lume: permitiu mellorar aínda máis a dieta (comézase a cociñar, esencial na mellora cerebral), e proporcionou luz, calor e seguridade. Chamoume a atención o fincapé que facían en que grazas ao lume ampliáronse as horas "do día" e comezou a incrementarse a vida social, que antes desaparecía en canto se facía de noite. E xa sabemos que a vida social é indispensable para a felicidade e desenvolvemento.

- A autoconciencia: Comezan a ter conciencia de si mesmos e a temer a morte. Comezan os enterramentos e o preocuparse por levar a mellor vida posible.

- Os símbolos: O cerebro comeza a manexar conceptos simbólicos e comeza a arte, en forma de pequenas pezas talladas e pinturas en covas.

Aparte de haber recreacións interesantes, algúns restos, os textos da exposición son moi claros e dan unhas claves moi interesantes para entender por que eses cinco fitos supuxeron evolución da especie, como di o título da exposición.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 30-09-2011 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Libro de Miguel Mato sobre Lois Pereiro
O outro día o escritor Miguel Mato presentou na A.C. Alexandre Bóveda un libro sobre Lois Pereiro, o homenaxeado nas Letras Galegas, titulado "Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro".

No acto houbo moita xente, a pesar de que ese día a esa hora o Deportivo xogaba un trascendental partido para a súa permanencia na primeira división do fútbol español.

Foi o comezo dunha densa semana en homenaxe a Lois Pereiro.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 15-05-2011 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal