Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cancións para Manuela
O outro día celebrouse un acto ben emotivo, e xa non sei cantos van, en torno á figura do noso querido e socio de honra Jenaro Marinhas del Valle.

Pablo González Mariñas (sobriño del), Lino Braxe e Alexandrina Fernández (amigos del e promotores da edición da súa obra) presentaron no local da A. C. Alexandre Bóveda unha pequena obra (dicían por alí que un opúsculo, porque no mundo editorial chámanlle libro cando chega ás 50 páxinas) cuns poemas que parecían ir dedicados a unha muller chamada Manuela.

Houbo unhas intervencións moi acertadas pero a parte máis aprezada foi a lectura ou recitado dalgúns dos poemas a cargo de tres alumnas do Instituto do Monte das Moas e de tres actrices do grupo de teatro de Narón. A xente saíu moi contenta da actuación das seis mulleres.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Outras miradas que nos fagan mulleres
Hai unhas semanas, a Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda celebrou no noso local un pequeno ciclo de conferencias titulado "Outras miradas que nos fagan mulleres".

Na primeira das charlas interviron Pura Ferreño (concelleira do BNG en Coirós), Ermitas Valencia (concelleira do BNG na Coruña) e Ana Pontón (viceportavoz do BNG no Parlamento Galego). Estivo moi interesante, con diferentes perspectivas como a da muller rural (Pura sabe moito dese tema), da que non se escoita falar demasiados nas urbes.

A segunda conferencia foi a cargo de Lupe Ces, presentada pola nosa directiva Carmela Garrido. Nesta ocasión, tristemente, non puiden quedarme ata o final ao ter outro compromiso inaprazable, pero deume moita mágoa, porque a media hora que puiden estar foi de fábula. E o que me perdín non foi peor, polo que me dixeron. Foi facendo un percorrido sinxelo, con mosaicos de fotografías, de persoeiros galegos (uns máis coñecidos e outros menos) que poden axudar, en maior ou menor medida, a que a situación da muller en Galicia non mellore, a pesar de que sexa difícil captar esas percepcións.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
XIII Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
Onte celebramos nun Teatro Rosalía de Castro con moi boa entrada a 13ª edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro.

O programa penso que era bastante atractivo:

- Dúas obras do noso grupo de teatro, dirixido polo actor Xoán Carlos Mexuto e tituladas "Unha misión humanitaria" e "Un feliz día de compras". Penso que o resultado final foi ben digno e valorado polos asistentes.

- Unha homenaxe ao grupo de teatro Airiños, de Asados (Rianxo), que levou o III Premio de Teatro Amador Ibán Toxeiro convocado por nós. Proxectouse parte dun documental que se fixo hai varios anos sobre este grupo e a entrega foi ben emotiva. Hai que ter en conta que o grupo foi fundado en 1933 e sempre representou en galego, incluído nos momentos máis duros da dictadura.

- Actuación da excepcional cantante galega Ugía Pedreira acompañada do gran guitarrista brasileño Fred Martins. Foron moi aplaudidos na súa actuación, que se fixo algo curta.

Lembrar tamén quen era Ibán Toxeiro. Ibán Toxeiro ía para grande figura do teatro galego. Comezou no teatro amador coruñés, entre outros no grupo da nosa asociación e xa destacaba poderosamente. Marchou durante varios anos a Barcelona cunha bolsa da Deputación da Coruña. E cando xa estaba introducíndose no teatro profesional e contaba só 25 anos, deixounos unha noite despois dunha actuación no xa lonxano 1996. Só tres días máis tarde había unha actuación xa prevista do grupo Ollomol-Tranvía co gallo do noso XX Aniversario, e alí mesmo decidiuse que todos os anos por estas datas íamos celebrar o Memorial na súa honra. Esta é a edición número XIII. E nunca faltaremos á nosa cita.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-11-2009 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
Nova páxina web da A. C. Alexandre Bóveda
Hai uns días presentamos ao público a nova páxina web da A. C. Alexandre Bóveda. Foi realizada pola empresa Bulideiro de Edicións e será mantida por varios dos directivos da agrupación.

Aínda non está completa porque o noso arquivo histórico é moi denso e o noso nivel de actividade tamén é bastante intenso. Entre varias persoas aínda dá traballo, e por esa razón a anterior foi esmorecendo aos poucos.

En canto ao arquivo histórico pensade que dende o ano 1997, cando eu cheguei á asociación (e creo que varios anos antes xa era así), mantemos unha media aproximada duns 60 actos culturais ao ano. Se botades a conta saen uns 700 ou 800 eventos dos que informar, e non é ningunha broma.

Recomendámosvos entón que, se estades interesados no que facemos, poñades o noso enderezo entre os favoritos para poder ser informados fielmente de todas as nosas actividades. Ademais podedes suscribirvos a diferentes boletíns de novas por seccións, temáticas, etc.

O novo enderezo é:

http://www.acalexandreboveda.org/

Púxenvos aí abaixo un enlace a ela e, obviamente tamén estará na sección de recomendados da esquerda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Nova páxina da A. C. Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-11-2009 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con Ana Pontón e a violencia contra a muller
O outro día tivemos unha nova edición do Faladoiro e Farra no Club do Mar. Esta vez a invitada foi a parlamentaria do BNG Ana Pontón e a temática era todo o que xira en torno á violencia contra a muller.

Foi, coma sempre, unha agradable tertulia que se prolongou máis alá das dúas da madrugada nun ambiente distendido e nun lugar privilexiado.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-11-2009 00:22
# Ligazón permanente a este artigo
Artjazz

O outro día inauguramos no local da A. C. Alexandre Bóveda outra exposición colectiva organizada pola activa Asociación de Amizade das Artes Galego Portuguesas, presidida por Xulio Villaverde.

Titúlase "Artjazz" e consiste nunha serie de cadros de cinco autores diferentes sobre a temática do jazz. A foto que poño corresponde a un cadro que non está nesta exposición (nin o autor pertence á AAAGP) pero ilustra moi ben a temática e o estilo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-11-2009 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
Samaín na Cidade Vella da Coruña
Un ano máis, e xa van SEIS, celebrouse o Samaín na Cidade Vella da Coruña. Como sempre, celebrouse na Praza da Fariña xunto co magosto organizado pola A. VV. da Cidade Vella.

Este ano houbo outras actividades, auspiciadas pola Concellería de Mocidade e NL. Por exemplo, veu Pepe Carreiro, o autor dos Bolechas, a asinar libros para os rapaces. Tamén houbo unha actuación do grupo de monicreques Danthea, que foi contratado polos veciños.

A mágoa é que o tempo non foi bo e caeron varios chaparróns ben fortes pola tarde. Pero cara ás sete da tarde o tempo calmouse algo e voltaron os rapaces, e houbo a procesión de cabazas alumeadas, e as castañas, o viño e a queimada de rigor.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-11-2009 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto de Ramón Carnota
Como xa anunciabamos hai poucos días, remataríamos o V Ciclo de Concertos de Outono organizado pola A. C. Alexandre Bóveda cun concerto solista do fenomenal guitarrista Ramón Carnota.

E así foi, unha delicia. Os que xa tivéramos a posibilidade de disfrutar sete días antes do seu dúo co violinista Javier Cedrón, fixémolo esta vez con pezas de Marco Guiliani, José Luis Evangelista (compositor coruñés que estaba presente no concerto), Manuel María Ponce e Leo Brouwer.

A ver se o vindeiro ano temos a sorte de xuntar un elenco e un público tan numeroso como o deste ano.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-11-2009 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Carnota e Javier Cedrón na Orde Terceira
O venres 30 de outubro tivo lugar o segundo dos concertos do Ciclo de Outono que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda está celebrando na igrexa da Orde Terceira.

Por desgraza, eu non puiden chegar ao comezo, e debín perderme facilmente os 15 ou 20 primeiros minutos do concerto, que consistiron na "Chacona" de Johann Sebastian Bach, tocada unicamente polo violinista Javier Cedrón (irmán de Rosa Cedrón e, como ela, no seu día, membro de Luar na Lubre durante varios anos).

Eu cheguei cando estaba comezando a segunda peza, de Mauro Giuliani, con catro movementos, xa tocados por Javier Cedrón ao violín e Ramón Carnota á guitarra española.

Despois tocaron a Suite popular española de Manuel de Falla e a Historia do tango de Astor Piazzolla.

Impresionante, coa igrexa case chea e sen ningún tipo de megafonía, vaia acústica!!!

O vindeiro venres, para rematar, un concerto solista con Ramón Carnota, profesor de guitarra do Conservatorio Superior da Coruña, e virtuoso dese instrumento a pesar de ter só 32 anos (na foto).

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-11-2009 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
Cea anual da Orquestra Tombalobos

Onte pola noite asistín á Cea anual da Orquestra Tombalobos en calidade de presidente da A. C. Alexandre Bóveda.

Para os que non a coñezan, é unha formación amadora de músicos tradicionais, que interpretan música popular galega, dando lugar a uns concertos moi amenos e divertidos. Básicamente, pásano ben amenizando festas e outros saraos.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

PD: Na foto aparecen moitos dos seus integrantes ou membros principais, pero algunha das persoas que aparece non forma parte do grupo.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2009 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [7] [8] [9] 10 [11] [12] [13] ... [21]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0