Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Confusión sen fin, de Fernando Gago
Hai moi poucos días inaugurouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a exposición fotográfica "Confusión de fin", do fotógrafo Fernando Gago, leonés afincado en Lugo dende hai décadas.

Consiste nunha serie de obras surrealistas, que recorda algo a Dalí, cun elemento recurrente que é o paso do tempo, xa que forman unha especie de bodegóns con froitas que teñen no seu interior mecanismos de reloxos.

Pódese ver durante todo o mes de marzo de 2010.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
María Wonenburger
Hai poucos días tiven a fortuna de poder coñecer en persoa á que seguramente é a mellor matemática galega da historia. Funlle facer unha entrevista para a emisora CUAC FM, que se vai emitir nun especial de 3 horas sobre o "Día da Muller Traballadora". Terá lugar o martes 9 de marzo de 2010, aproximadamente de 4 a 7 da tarde.

A muller chámase María Wonenburger, vive na Coruña dende hai case 30 anos, e tivo unha vida dedicada á ciencia de primeiro nivel que, por suposto, é totalmente descoñecida por case toda a poboación.

Naceu a finais dos anos 20 en Oleiros. Como a súa familia era algo liberal e tiñan unha fundición, chegaron con ela ao acordo de que estudiara Matemáticas (o que ela quería) e despois Enxeñería Industrial (para levar a industria familiar). Só se cumpriu a primeira das dúas fases.

Xa bastante nova conseguiu unha bolsa para ir a estudar a Estados Unidos. Agás tres anos, non volvería máis a Galicia ata os anos 80. Traballou en varias universidades estadounidenses e canadianas, con matemáticos de primeiro nivel, como Nathan Jacobson e Stephen Berman. Incluso dirixiu a tese doutoral de Robert Moody, que deu lugar á teoría Kac-Moody.

Pero tamén tivo sensabores na súa vida matemática. Fixo dúas teses doutorais: a primeira en Estados Unidos, que non lle foi validada aquí, e a segunda aquí, que non lle serviu para obter o título de doutora.

E o máis duro foi o final: cando tiña uns 55 anos, a súa nai enfermou e tivo que vir a Galicia a coidala. Segundo ela mesmo di, amaba moito as matemáticas, pero ante esa encrucillada, non dubidou o máis mínimo sobre o camiño que tiña que coller.

Agora segue vivindo na Coruña e é doado que nos crucemos con ela pola rúa.

Póñovos unha foto de María Wonenburger sacada por Quique Pujales, sostendo na man un número da revista matemática Tetractis, editada por Gonzalo Temperán no Instituto de Monelos da Coruña.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
Deconstruçom, de Susana Sánchez Aríns
Hai uns días, algúns (poucos) tivemos o privilexio de asistir a unha das presentacións de libros máis divertidas que teño visto.

A escritora da Estrada pero asentada e traballando no Salnés Susana Sánchez Aríns presentaba na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o seu primeiro poemario "Deconstruçom", obra ganadora do XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé.

Claro, pensando fríamente alguén podería ser presa dos prexuízos típicos, que se o primeiro poemario dunha autora, que se está escrito en galego reintegracionado, etc. Pois nada máis lonxe da realidade. Moi ameno e sorprendente.

Obxectivo da obra: a muller mercou unha casa de aldea e decidiu facer algo así como un diario da obra de reforma ou construcción da casa, incluíndo poemas aos tixolos (ladrillos), uralitas, etc. Todo o que se puxera a tiro na obra. Casualmente a obra rematouse moito antes que a casa, que aínda está nacendo.

Presentación: despois de contarnos todo isto Susana cunha graza e simpatía inhabitual, organizou un xogo. Repartiu entre o público pequenos papeis onde ían palabras que aparecen na súa obra (de dubidoso significado) con tres posibles acepcións, e había que acertar co correcto. Ao que acertaba (aínda que fora a terceira, a mestra de ceremonias non era moi esixente, a verdade) dábaselle como agasallo un tixolo de gominola.

Déixovos un pequeno vídeo da presentación que fixo coa A.C. Vagalumes, na Estrada. Por certo, na nosa presentación tamén estaba o editor da obra en Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
Carpeta de Arte en homenaxe a Uxío Novoneyra
O outro día disfrutamos na A. C. Alexandre Bóveda dun acto ben fermoso. Foi a presentación da reedición corrixida e aumentada dunha carpeta de arte en homenaxe a Uxío Novoneyra que xa se fixera no ano 1999, ano da súa morte.

Como este ano 2010 o Día das Letras Galegas está dedicado a el, aprovéitase esta efeméride para facer esta reedición e para intentar poñer en marcha a Fundación Uxío Novoneyra.

Aparte dalgúns mecenas que axudan no proxecto, quen está detrás de todo isto, incriblemente, é a activa empresa galega Rei Zentolo, coñecida polo deseño de simpáticas camisetas de mensaxe e sabor galego.

Estiveron connosco Salva "Zentolo" Vázquez (Director Xeral de Rei Zentolo) e Uxío Novoneyra Jr. (socio da empresa), que presentaron o interesante proxecto. Ademais tamén se proxectaron fotos de Uxío, se reproduciron varios fragmentos de audio coa voz do poeta recitando (algún deles inédito) e léronse espontáneamente (non estaba preparado nin ensaiado) poemas a cargo dos asistentes.

Un acto fermosísimo, sen dúbida.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
Muller-Mulher coa AAAGP
O outro día inauguramos nas instalacións da A. C. Alexandre Bóveda unha nova exposición promovida pola Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa, presidida polo activísimo Xulio Villaverde.

Esta titúlase "Muller-mulher" e está formada por cadros de socias deste colectivo, tanto galegas como portuguesas.

A colaboración entre as dúas entidades, cada vez máis estreita, dará lugar a novos froitos nos tempos vindeiros, xa o veredes.

Poño unha foto da inauguración dunha exposición deste colectivo en Figueira da Foz.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
Begoña Caamaño e Circe ou o pracer do azul
Hai varias semanas tivemos o privilexio na A. C. Alexandre Bóveda de asistir á presentación dunha novela moi interesante, titulada "Circe ou o pracer do azul", da xornalista Begoña Caamaño.

Trata dun xiro moi interesante na historia da Odisea de Homero. Resulta que Ulises (tamén chamado Odiseo) xa non ten tanta presa por voltar á Ítaca na que o espera Penélope, e queda con Circe. Pero tampouco Penélope ten maior interese en que Ulises chegue, e cando recibe novas de Circe de que Ulises está con el establécese unha magnífica relación entre elas. En definitiva, é unha visión feminista do mito homérico.

O que non podo asegurar, xa que non tiven a sorte de poder ler aínda a novela, é se está ambientada na antigüidade ou na actualidade. Xuraría que a historia é máis actual e que hai referencias ao mito grego, pero aínda non puiden concretalo.

Pero, en calquera caso, semella unha visión moi transgresora e innovadora da historia.

Na presentación contamos coa presenza de Xosé Manuel Sánchez Rei, vicepresidente da A. C. Alexandre Bóveda, Goretti Sanmartín, Pilar García Negro e, obviamente, a mesma autora.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con CUAC FM sobre as radios comunitarias

Unhas horas máis tarde que a presentación do libro anterior, tamén o venres 5 de febreiro, celebramos un dos habituais "Faladoiro e Farra" da A. C. Alexandre Bóveda no Club do Mar.

Esta vez foi sobre as radios comunitarias e os expertos foron algúns dos membros máis activos da activísima emisora CUAC FM na que esta agrupación cultural ten o seu programa "Recendo". Foron concretamente:
- Mariano e Beatriz, de "Alegría".
- Lolo de "El salchichón".
- Ozzy de "El desinformativo".

Como sempre, a tertulia estivo moi animada e todos pasamos unha velada deliciosa e moi divertida, onde aprendemos moito sobre esta nova realidade que estamos coñecendo agora.

Póñovos unha foto dun especial que fixeron moitos dos membros da emisora con motivo do 10-D, día da Declaración dos Dereitos Humanos. Dentro de pouco haberá outro especial, no que xa colaborará a agrupación, sobre o Día da Muller Traballadora.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
25 anos de "Amor e desamor"

O outro día celebramos no Teatro Rosalía de Castro os 25 anos da formación do grupo poético coruñés de Amor e Desamor, ao que a A. C. Alexandre Bóveda está moi unida.

Vedes aí unha foto de Xurxo Lobato de hai 25 anos.

O recital co que celebraron a efeméride estivo moi ben. Tristemente, non todos puideron estar presentes. Só puideron vir Lino Braxe, Miguel Mato, Xosé Manuel Pereiro leu poemas do seu irmán Lois, Manuel Rivas e Xabier Seoane.

Agasallaron aos asistentes cun novo poemario do grupo e un CD no que eles len algúns dos seus poemas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-12-2009 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Cea anual da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Na pasada fin de semana, máis ou menos como fixo medio país, celebramos a cea de Nadal da A. C. Alexandre Bóveda.

Como o ano anterior foi na Raxaría As Neves, na Coruña. Xa saberedes que a relación calidade-cantidade / prezo dese local é espectacular. As pegas este ano foron que no local non hai cobertura para os móbiles (para min non é un defecto, nin moito menos, pero para outros si) e sobre todo que había un barullo bestial. Dous dos tres comedores cheos son moita peña falando ao mesmo tempo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
AchegArte
Hai varias semanas celebrouse na Coruña a Feira Cultural AchegArte, "sucesora" da tristemente desaparecida Cultur.gal, debido á miopía e estupidez dos xestores culturais actuais na Xunta.

O traballo que levou a cabo a Concellería de Cultura da Coruña foi incalculable. As poucas persoas das que dispoñían para organizalo (por sorte houbo moita xente voluntaria que botou unha man ben agradecida), os poucos cartos, o pouco tempo, todo ía en contra. Pero o resultado foi máis que digno, e non se atoparon diferenzas moi salientables con respecto ao anterior. Iso fai pensar na xestión doutros. Cando as cousas se fan con cariño e paixón sempre saen ben, non hai fallo.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda tivo a fortuna de poder instalar un posto na feira. Para nós era unha oportunidade irrepetible e penso que a aproveitamos moi ben. Editamos novo material publicitario para entregar aos visitantes, emitimos o noso material audiovisual de tipo científico, fotográfico, etc. Recibimos moitas visitas e cónstanos que sorprendemos a moita xente.

Tamén percorremos todas as casetas entregando as nosas tarxetas e establecendo contactos con todo o mundo, para posibles novas actividades ou proxectos. E o domingo estivemos dando centos de voltas coa nosa nova gravadora dixital facendo entrevistas para o noso programa de radio "Recendo". Debemos ter unhas dúas horas gravadas cos persoeiros máis importantes da cultura galega que pasaron por alí.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal