Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Antonio García Allut e o movemento Slow
O outro día trouxemos á A. C. Alexandre Bóveda a Antonio García Allut, filósofo, antropólogo e emprendedor social, para que nos falara do Movemento Slow, xa que el é un dos principais representantes en Galicia.

O movemento Slow pretende reducir o ritmo de vida actual, acompasalo e facelo máis respectuoso coa natureza. Unha das súas principais polas é a Slow Food, tendencia que fala de facer comidas lentas, de preparado laborioso, con longas sobremesas de tertulia, para acadar unha maior calidade de vida.

O movemento está organizado en pequenos grupos chamados "convivium", que teñen que ensalzar, protexer e fomentar a defensa e revalorización de sementes, especies animais ou agrícolas que foran tradicionais do lugar e que estean desaparecendo. O único que existe en Galicia podería chamarse "Convivium Galicia" ou "Convivium Costa da Morte" e defende a centola de Lira e o porco celta, entre outros produtos. E están conseguindo avances para os seus produtores, de forma que xa se están recuperando.

Pero sorprendeunos moito que unha charla en principio gastronómica derivou a argumentos filosóficos, económicos e sociais moi profundos.

Antonio García Allut destaca tamén como emprendedor social. Unha das súas iniciativas máis coñecidas é Lonxanet, unha plataforma que vende por Internet peixe e marisco galego de calidade, sen intermediarios. Xa son socios dela varios centos de pescadores galegos que están obtendo máis beneficios do seu traballo debido a que se lles paga máis xustamente o que pescan.

Aquí tedes un video onde falan da fundación Lonxanet.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 11-06-2010 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro con Carlos Vales sobre o cambio climático
Hai unhas poucas semanas tivemos de novo o pracer de compartir un faladoiro no Club do Mar, o que facemos sempre o primeiro venres de cada mes.

Esta vez o tema era o cambio climático e o experto invitado era Carlos Vales, director do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), con sede no máxico castelo de Santa Cruz.

Como é habitual, saímos marabillados do encontro, e aprendemos moito sobre este fenómeno que leva tempo afectándonos (provocado por nós) e máis que nos afectará.

Por certo, aproveitamos para avisar que no mes de xuño, concretamente os días 10, 17 e 24 (sempre en xoves) na A. C. Alexandre Bóveda faremos un ciclo sobre Cambio Climático, do que xa informaremos.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
CEIDA
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-05-2010 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
Paulo Carril e a situación laboral na comarca da Coruña

Hai unhas semanas, Paulo Carril, responsable da CIG na comarca da Coruña, deu unha charla na A. C. Alexandre Bóveda na que informou sobre a situación laboral na comarca da Coruña.

Falou de temas moi interesantes como o conflito de Caramelo, o de Sykes e algúns outros. Desmitificou moitos aspectos sobre a crise e deixou ver aínda máis claramente o que xa todos vemos ou intuímos, que segue habendo ricos que seguen enchendo os petos a conta dos demais, e aínda din que son as víctimas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-05-2010 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro sobre a igrexa galega con Victorino Pérez Prieto
O mes pasado tivemos o habitual faladoiro-tertulia, esta vez foi co eminente teólogo Victorino Pérez Prieto, que falou sobre "O movemento cristián galego: unha igrexa de base que existe e resiste".

Basicamente tratou de facer patente que existe un movemento cristián galego e galeguista que, por todas estas características, ten unhas relacións moi tirantes coa xerarquía católica.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-05-2010 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
Tres tres tres
Hai xa tamén algún tempo o grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda, dirixido polo actor Xoán Carlos Mexuto (na foto) representou no Fórum Metropolitano unhas obras de teatro.

Concretamente son tres obras cortas escritas polo director do grupo, tituladas "A consulta", "Un día de compras" e "Unha misión humanitaria". Agora esas obras estanse escoitando tamén na súa versión radiofónica no programa de radio "Recendo", que facemos todos os martes de 7 a 8 da tarde na emisora CUAC FM. Se queredes escoitar os programas xa emitidos podedes facelo en "recendo.podcast.es".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Podcast de "Recendo"
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-05-2010 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación na Coruña de Urco Editora
Hai uns días invitamos dende a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda á nova editorial Urco Editora a que se presentara na Coruña.

Xa estiveran aquí varias veces previamente, que eu saiba, no Cultur.gal do 2008 e no Achegarte de 2009.

Viñeron dous dos seus integrantes (un deles está na foto, que é dun acto en Santiago) e contaron como son as súas coleccións, a súa aposta cultural e o seu modelo de negocio.

Basicamente podemos dicir que editan traduccións ao galego de obras (unhas máis coñecidas e outras menos) de ciencia ficción, fantasía e gótica. A verdade é que é unha aposta innovadora e arriscada.

Como produtos "estrela" teñen "O retrato de Dorian Gray" de Oscar Wilde, e "O corvo" de Edgar Allan Poe, en edición bilingüe galego-inglés e con debuxos da época.

Recoméndovos que visitedes o seu catálogo, podedes levar algunha sorpresa importante. Eu, de momento (calquera sabe cando poderei lelo), merquei "Planilandia" de Edwin Abbott, unha mítica obra de ciencia ficción do século XIX escrita por un teólogo e matemático que pretendía explicar como sería un mundo de 3D para un ser que vivira nun mundo 2D.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Urco Editora
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 03-04-2010 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos galego outra vez
Pois nada, ante as novas estupideces da Xunta actual con respecto á lingua galega , houbo que concentrarse de novo para plantarlles cara, nas principais cidades e vilas galegas.

Eu fun á da Coruña, na Praza de Pontevedra, un luns ás 8 da tarde, e aínda había xente, varios centos, polo que escoitei das máis numerosas.

Saúdos. Queremos Galego.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-03-2010 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Especial en CUAC FM sobre o Día da Muller
O martes 9 de marzo emitiuse un programa especial na emisora CUAC FM conmemorando o Día da Muller Traballadora, que se celebraba o día anterior.

Digo esto porque a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ten o seu programa de radio semanal nesta emisora, chamado "Recendo", todos os martes de 7 a 8 no 103.4 na comarca da Coruña. Tamén pode escoitarse por Internet na páxina da emisora, da que puxen un enlace aí abaixo, neste mesmo artigo.

E, obviamente, implicámonos a fondo nese programa, especialmente a nosa Comisión da Muller.

Se queredes escoitar o programa, que durou case catro horas, podedes ir á páxina da emisora e alí hai enlaces a podcasts onde pode escoitarse. Tamén hai enlaces a videos de Youtube a unha das partes máis "divertidas", unha tertulia dramatizada para amosar as diferentes posturas machistas e feministas chamada "O debate a hostias".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
CUAC FM
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-03-2010 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con Pablo González Mariñas sobre o posicionamento da Galiza na nova Europa
Este día tivemos unha edición máis dos "Faladoiro e farra" que organiza a A. C. Alexandre Bóveda no Club do Mar o primeiro venres de cada mes.

Nesta ocasión o introductor e poñente do tema era Pablo González Mariñas, parlamentario na lexislatura anterior e Conselleiro de Presidencia e Administración Pública na Xunta presidida por Fernando González Laxe.

Como especialista en Dereito e gran coñecedor de Europa (incluso se presentou a unhas eleccións europeas) falounos sobre o posicionamento de Galiza na nova Europa.

Como sempre, resultou unha experiencia moi agradable.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
En clave de sol, de Rosalía Fernández Rial
Hai moi pouco presentouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o primeiro poemario de Rosalía Fernández Rial, titulado "En clave de sol".

Resulta unha voz moi innovadora, e estivo acompañada no seu recitado polo guitarrista Brais Morán, do grupo Loretta Martin.

Na presentación tamén estivo Victoria Louro, da Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda, e as poetas coruñesas Emma Pedreira e Olga Patiño.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [21]
© by Abertal