Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Latexo Trío na Orde Terceira
E se a semana anterior estivera Fuxo Xabier na Orde Terceira como parte do Ciclo de Concertos de Outono, nesta ocasión tocáballe a Latexo Trío, que é unha parte do grupo coruñés Duploson.

Concretamente o formado polo guitarrista Jorge Peña, o teclista Serxio Moreiras e o percusionista Víctor Echave.

Tocaron adaptacións de pezas do propio repertorio de Duploson e moitos estándares de jazz. A xente quedou moi contenta.

Déixovos cun video dun ensaio de Duploson.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 04-12-2010 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe a Amsterdam e os Países Baixos
Hai unhas semanas o profesor e fotógrafo Manolo Graña, directivo da A. C. Alexandre Bóveda, proxectou unhas fotografías sobre a súa última visita a Holanda e Bélxica. Inicialmente a idea era ver Amsterdam, pero despois tamén nos amosou outras cidades.

Deste xeito puidemos ver fermosas paisaxes e estampas de Amsterdam, Bruxelas, Bruxas e coido que algunha outra cidade belga que agora mesmo non lembro, co seu peculiar xogo coa auga en diques, canais e ríos, tan típico dos Países Baixos.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 04-12-2010 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Fuco Xabier na Orde Terceira
Onte comezou o ciclo de "Concertos de Outono" que todos os anos organizamos dende a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na igrexa da Orde Terceira, na cidade vella da Coruña.

O primeiro concerto estivo a cargo de Fuco Xabier, dúo formado polo propio Fuco Xabier, á voz e guitarra, e o pianista Jorge Felpeto.

Non soou nada mal, sobre todo a privilexiada voz de Fuco. Penso que foi a segunda vez que levamos cantautores, a primeira fora con Xoán Curiel e Carme Dor, hai xa 4 ou 5 anos.

Déixovos un video que atopei na rede.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-11-2010 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
Onde houbo lume, de Marica Campo
Hai poucos días presentamos no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o último libro de Marica Campo, "Onde houbo lume", editado por Biblos.

Á presentación asistiron persoas moi queridas na casa, como a propia autora, Pilar García Negro e o editor Tucho Calvo. Como sucede sempre que Marica vén presentar un libro, o cheo foi apoteósico.

Déixovos cun vídeo dela guiando a excursión polo Incio que non hai moito fixeron os nosos amigos da Asociación Cultural Monte da Estrela, de Arteixo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 29-10-2010 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Libro sobre os aspectos xurídicos do Decreto do Galego
Hai uns días tivemos o privilexio na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda de asistir á presentación na Coruña do libro "Aspectos xurídicos do Decreto sobre o plurilingüísmo", coordinado por Luís Villares e editado por Laiovento.

Estivo o coordinador Luís Villares, xuíz moi novo e de grande proxección, que fixo un grande esforzo para vir dende Barcelona, Carlos Amoedo e o editor Pancho Pillado.

Foi unha exposición moi rigorosa e amena, cando o tema non o presaxiaba así, e sobre todo Luís Villares, na súa exposición, resultou tremendamente convincente.

Déixovos cun vídeo que atopei na rede que pode permitirvos comprobalo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 29-10-2010 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
Día da Galiza Mártir
Hoxe, 17 de agosto de 2010, cumpríronse 74 anos do fusilamento de Alexandre Bóveda na Caeira (Poio) a mans dos golpistas.

Como todos os anos, conmemorouse a data cuns discursos e ofrenda floral no lugar onde está o monumento conmemorativo (coido que o lugar exacto onde o fusilaron non é exactamente aí, pero non está lonxe e é complicado chegar agora alí). Foi a última hora da mañá.

A continuación houbo un xantar no Pazo da Cultura de Pontevedra, cunhas 85 persoas, onde se homenaxeaba ás xuventudes do Estatuto do 36, concretamente nas persoas dos catro que aínda seguen vivos: Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Xaime Illa Couto e Francisco Fernández del Riego. Só os dous primeiros puideron asistir (e xa teñen os seus achaques propios da moita idade) mentres que os dous últimos xa nin sequera puideron. Comentaron por alí que entre os catro sumaban 377 anos de vida.

A media tarde houbo unha misa na pequena capela do cemiterio de San Mauro, e a continuación outro discurso de Camilo Nogueira e ofrenda floral no panteón onde está o seu corpo.

E pola tarde (aí xa non puiden asistir) había a última homenaxe do día na Praza de Curros Enríquez, como todos os anos. Penso que ía falar o alcalde de Pontevedra.

O día anterior a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda fixera a súa homenaxe en Catro Camiños, na Coruña, onde está o monumento conmemorativo (feito por Pérez Porto) e a carón do paseo que leva o nome do galeguista. E o mesmo día 17, en Oleiros, tamén fixemos outra pequena homenaxe en Oleiros xunto co BNG da localidade e a Asociación Cultural Vieiros.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 17-08-2010 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Lois Peña Novo
Nestes últimos días fixémoslle unha homenaxe consistente en varios actos diferentes a Lois Peña Novo, o primeiro político nacionalista elixido democráticamente que falou en galego nunha institución pública. Concretamente foi como concelleiro na Coruña o 7 de xullo de 1920, hai xa 90 anos.

O primeiro dos actos foi a colocación dunha placa conmemorativa do feito na rúa coruñesa que leva o seu nome, que non é precisamente moi céntrica, está alá no Martinete, entre o Birloque e o polígono industrial POCOMACO.

E hoxe Manuel Roca Cendán, profesor de Economía no coruñés Instituto de Zalaeta e o maior estudoso da obra de Lois Peña Novo, deu unha amena charla no local da A. C. Alexandre Bóveda para lembrar ao persoeiro e a efeméride.

Tivo unha vida máis ou menos paralela á de Alexandre Bóveda pero aínda que el tamén foi condenado a morte, tivo a sorte de poder salvarse, e rematou os seus días como modesto avogado a finais dos anos 60, moi lonxe da escena pública para a que nacera e para a que estaba tan dotado. Fixo moi interesantes aportacións e propostas para a economía galega no primeiro tercio do século XX.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2010 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Larrosa e o cambio climático
Hoxe rematou o ciclo de conferencias sobre o "Cambio Climático" que tivemos na A. C. Alexandre Bóveda.

Falounos o meteorólogo Xosé Larrosa, que traballou en Barcelona e na Coruña en predicción meteorolóxica, e é directivo da agrupación, sobre "O clima na Galiza".

Como se fan as medicións meteorolóxicas (hai moito voluntarismo aínda, polo que dixo, nalgunhas das estacións medidoras), a importancia dos rexistros da Coruña, polo lugar privilexiado que ocupa, e moitas outras cousas interesantes.

Xa saen evidencias de cambio climático e acción antropoxénica, como por exemplo que nos últimos 50 anos a temperatura media na cidade subiu aproximadamente un grao e medio, que é unha barbaridade.

Déixovos cun novo video sobre cambio climático relacionado con estudios feitos no mar galego.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-06-2010 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
Verónica Campos e o cambio climático
Na segunda conferencia do ciclo sobre o cambio climático que organizamos na A. C. Alexandre Bóveda, veu falar Verónica Campos (do CEIDA ubicado no castelo de Santa Cruz).

Incidiu sobre todo nos aspectos divulgativos do fenómeno, chegando á conclusión de que a xente está bastante informada sobre o mesmo, pero xa hai unha certa saturación. Aínda que a xente sabe o grave que é a situación, non actúa porque non parece estar convencida de que pode ter influencia na solución.

A verdade é que o tema deprime bastante.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2010 15:58
# Ligazón permanente a este artigo
Salvador Fojón e o cambio climático
Tamén na A.C. Alexandre Bóveda, uns días máis tarde, o médico e biólogo Salvador Fojón veu falarnos sobre os aspectos xerais do cambio climático. Fíxoo de xeito maxistral e cunha capacidade didáctica e estruturación do discurso excepcional.

Tristemente, a mensaxe que nos transmitiu foi de total alarma. Está claro que o proceso de quecemento acelerouse hai uns dous séculos, cando comezou a Revolución Industrial, e debido ao estilo de vida no que estamos inmersos e os cambios que habería que facer para deter o problema, case pode dicirse que o proceso é imparable, irreversible e que moi pronto notaremos consecuencias moi graves.

Comezou ben forte, dicindo que se collemos a progresión na poboación humana e a capacidade de rexeneración da biomasa, todo indica que, como moito, en dúas xeracións (uns 50 ou 60 anos) producirase un colapso total da vida humana na Terra. Obviamente, moitos antes diso xa notaremos anomalías moi importantes que nos farán a vida moi difícil.

Dos moitos procesos químicos implicados na vida, o ciclo do carbono, que é un dos máis importantes e coñecidos, xira en torno ao CO2. E os dous recursos naturais que podían deferdernos da súa acumulación e, polo tanto, do "Efecto Invernadoiro" están degradándose e desaparecendo a unha velocidade inusitada. Son os bosques primarios (como a Amazonia) e os arrecifes de coral.

Comentou cantidade de consecuencias catastróficas que van producirse, ou xa comezaron, como desprazamento de especies animais (xa hai mosquitos da malaria en altitudes maiores, insectos que saíron do Ecuador e chegaron a Europa), maior virulencia en catástrofes climatolóxicas, como chuvias, secas, furacáns, etc. Maior desertización, dixo, por exemplo, que hai 50 anos a única zona catalogada como deserto en España era unha pequena comarca de Almería chamada o Deserto de Tabernas, e que agora esa zona xa chega a Ciudad Real, e que avanza 30 km. ao norte cada ano.

Unha das cousas que máis me chamou a atención foi o da tundra e a taiga. Son ecosistemas moi extensos que ocupan Siberia e Canadá. Antes eran árbores sobre xeo. Baixo as árbores había materia orgánica conxelada, pero non en putrefacción. Como se está derretindo ese xeo, as árbores están caendo e a materia orgánica ten dous camiños: ou podrecer ou converterse en metano, que é un gas aproveitable como combustible PERO que provoca un efecto invernadeiro 20 veces máis forte que o C02.

Pois nada, para botarse a tremer.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 11-06-2010 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [21]
© by Abertal