Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A historia do Reino de Galiza
O outro día viñeron o historiador Xoán Bernárdez Vilar e Alexandre Banhos, presidente da AGAL e da Fundación Meendinho, a dar unha charla á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda sobre "A historia do Reino da Galiza".

Houbo unha excepcional entrada, xa que o tema e os conferenciates atraían moito interese. Aínda que propiamente o conferenciante ía ser só Xoán Bernárdez, finalmente Alexandre Banhos tamén puido asistir, e entre os dous, dando visións e estilos complementarios na charla, impartiron a conferencia.

Centráronse principalmente nos anos anteriores e posteriores ao Reino Suevo ou Galego, do que se cumpren uns 1600 anos de existencia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-07-2011 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
Uxío Breogán Diéguez e a cuestión estatutaria en Alexandre Bóveda
Para rematar o ciclo de tres conferencias en homenaxe a Bóveda no 75 aniversario da súa morte, tivemos a Uxío Breogán Diéguez, presidente da Asociación Galega de Historiadores, falándonos de Bóveda e a cuestión estatutaria.

Como todos os historiadores, elaborou un discurso moi ben enlazado, onde cada dato e feito estaba perfectamente contextualizado e secuenciado, que causou gran sensación no público. É grande amigo da casa, e seguramente, despois dos familiares, o mellor coñecedor da figura de Bóveda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 23-06-2011 16:29
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Rodríguez e a figura de Alexandre Bóveda
Seguindo co ciclo de homenaxe a Bóveda que comezou a semana anterior Xosé Antonio Pena Beiroa, veu falar Francisco Rodríguez da vixencia da figura de Bóveda na actualidade.

Para non variar, como sempre que vén el, a sala estivo ateigada de público.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Antonio Pena Beiroa e a obra fiscal e económica de Alexandre Bóveda
Comezamos na A. C. Alexandre Bóveda un ciclo de conferencias sobre o persoeiro que nos dá nome, e a primeira delas foi sobre economía.

Sendo un persoeiro galeguista de moito renome e moito prestixio político, semella que moitos esqueceron que se dedicaba profesionalmente á economía. E que foi moi valorado o seu estudio sobre a cuestión fiscal no Estatuto de Galicia do 36.

E diso veu falarnos o economista Xosé Antonio Pena Beiroa, un namorado da figura de Bóveda que de cando en vez escribe artigos no Xornal de Galicia, e que en non poucas ocasións menciona a Bóveda como unha das súas referencias.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
Programa especial de radio sobre Alexandre Bóveda e a memoria histórica
O sábado 4 de xuño (día no que naceu Alexandre Bóveda) fíxose un programa especial na emisora de radio comunitaria CUAC FM da Coruña, que xirou en torno á figura de Bóveda e a Memoria Histórica.

Este espazo estivo dividido en dúas partes. Na primeira hora realizáronse unhas entrevistas a familiares de represaliados ou perseguidos na época da Guerra Civil. No estudio 1 da Radio Comunitaria da Coruña estiveron Pedro Galán (descendente de Pedro Galán Calvete) e Valentín García Bóveda. Tamén foi posible conversar telefonicamente con Mariquiña Villaverde (filla de José Villaverde) e con Xosé Luís Bóveda. Acompañounos durante todo o tempo de emisión Rubén Afonso, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Na segunda parte, e máis centrados noutros aspectos da memoria histórica, Rubén Afonso, o historiador Emilio Grandío e o realizador e fotógrafo Xosé Abad mostraron varias ideas e opinións diante dos nosos micrófonos. O programa completouse cuns audios gravados en CUAC FM acerca da vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, para rematar cunha cita de Castelao.

Na web da emisora (www.cuacfm.org) e no podcast do noso programa de radio "Recendo" (recendo.podcast.es) podedes escoitar ou descargar o programa enteiro, que dura dúas horas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Microtoponimia da Torre de Hércules
Hai unhas semanas presentouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o folleto e o vídeo sobre microtoponimia da Torre de Hércules.

Foi un traballo proposto pola agrupación, levado a cabo baixo a organización de Xurxo Souto, e documentado coa sabiduría do percebeiro Emilio Mariñas.

O folleto pode recollerse no noso local e o vídeo presentouse aquel día, foi realizado polo noso directivo Xosé Cruz.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
Obra de teatro sobre a Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda

Por fin!! 75 anos despois da súa morte, por fin se fai unha obra de teatro sobre a sobranceira figura de Alexandre Bóveda. E tivo que ser o magnífico grupo de teatro da asociación cultural coruñesa que leva o seu nome quen puxera en marcha este proxecto.

A obra dirixida por Xoán Carlos Mexuto, que é unha adaptación do libro do mesmo título escrito por Xerardo Álvarez Gallego, cuñado de Bóveda, foi estreada completa (antes xa se representara un fragmento) o venres 27 de maio de 2011 no Certame de Teatro do Colexio Calvo Sotelo da Coruña.

Foi a obra do certame que máis público reuníu, e deixou un fantástico sabor de boca aos que tivemos a posibilidade de vela aquel día. Agora agardamos que poida facerse unha xira por toda Galicia para seguir espallando a figura deste gran galeguista.

Os actores e actrices da mesma son: Josafat Jose (no papel de Bóveda), Isabel Vidal, Áurea González, Pepe Rodríguez, Moncho Iglesias, Elsa Almenas, Eva Fórneas, Lydia Ramos, Carlos Lauente e Patri Cameán.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
O libro, a canción e a película de Xabier Docampo
Hai xa algún tempo o escritor e querido amigo Xabier P. Docampo achegouse á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para contarnos cal era o seu libro, canción e película favorita. Foi unha velada deliciosa e vouvos contar o que nos dixo.

En canto ao libro, moitos estivemos bastante de acordo con el, polo menos parcialmente, para el o máis importante foi "A illa do tesouro" de Robert Louis Stevenson. Déixovos un fragmento dunha das últimas versións cinematográficas realizadas, no ano 1990.





En canto á película, contounos de principio a fin unha película mítica da que xa oín falar moitas veces, pero que aínda non puiden ver enteira: "A noite do cazador", a única película dirixida polo grande actor Charles Laughton e protagonizada por Robert Mitchum. Déixovos un fragmento.





E en canto á canción, el tiña unha dúbida entre dúas, que vou poñer aquí. Eran "Los ejes de mi carreta" de Atahualpa Yupanqui, e "Ne me quitte pas" de Jacques Brel. Póñovos as dúas.








Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2011 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
Libro de Mercedes Queixas sobre Lois Pereiro
Para rematar a nosa semana densa en torno a Lois Pereiro, Mercedes Queixas presentou o seu libro "Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo". Tanto este como o de Miguel Mato do que falei hai moi pouco tempo foron editados por Laiovento.

Tamén houbo unha boa afluencia de público tendo en conta o tipo de produto cultural que se ofrecía (ensaio sobre tema literario, non é o máis comercial que se diga). Mercedes é unha garantía de éxito neste tipo de obras.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-05-2011 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético e concerto en homenaxe a Lois Pereiro
Esa semana dedicada a Lois Pereiro proseguiu cun interesantísimo recital poético a cargo de varios dos compoñentes do grupo poético de Amor e desamor, do cal Lois Pereiro formaba parte. Estiveron aquela noite Lino Braxe, Xabier Seoane, Miguel Mato, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel.

E completouse o acto cun concerto de Manu Clavijo, cantautor arxentino-coruñés, que acaba de sacar un fermosísimo disco con cancións baseadas en poemas de Lois Pereiro, do que vos deixo unha mostra con este video.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-05-2011 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal