Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Villa Florentina

Hoxe estiven en agradable compañía. Como non tiña nada moi moi urxente que facer, decidín achegarme a Villa Florentina (Cecebre-Cambre), que é a sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

Todos os sábados ás 7 da tarde teñen algún acto. Hoxe tiñan unha lectura dramatizada sobre a conmemoración do Día da Lingua Materna. Leron fragmentos de diferentes documentos importantes da lingua galega.

O Foro do Burgo de Castro Caldelas (1228), Cantigas de Santa María, cartas dun Conde de Gondomar do s. XVII que eu descoñecía pero parecía moi interesante, deron noticia dunha condesa de Altamira de principios do s. XVI que se negou a asinar un documento en castelán porque non o entendía, textos do Padre Sarmiento, do Catecismo do Labrego, de Wenceslao (fomentando o achegamento ó portugués)...

En definitiva, moi agradable, e ó rematar, como sempre, o café, as pastas e os biscoitos cos que agasallan a todos os que se achegan por alí os sábados. Hai outros mundos, pero están neste.

A ver se dende a A. C. Alexandre Bóveda podemos facer algunha cousa conxuntamente con esta xente tan esforzada e loitadora.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Fundación Wenceslao Fernández Flórez
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-02-2007 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
A deusa Kaissa
Custoume bastante atopar unha imaxe da deusa Kaissa, pero creo que esta o é. Creo que é unha divinidade hindú. Considerada a deusa do xadrez.

O outro día lin unha agradable noveliña editada por Biblos, titulada "O xuízo de Kaissa". O autor é Pablo Roibás Painceira. Foi finalista hai un par de anos na novela por entregas da Voz de Galicia. Iso condiciona que non sexa moi longa (lese nun par de horas) e que estea dividida en 31 capítulos breves.

Trata dunha partida de xadrez na cal un dos xogadores fai de narrador. O comezo de cada capítulo amosa un taboleiro onde acaba de facerse un movemento. Mestúrase historia e mitoloxía do xadrez, táctica e estratexia e moitas outras cousas que non teñen que ver co xogo. Incluída unha sinxela trama pseudo-policial. Agradable.

Foi presentada no ano 2006 na Coruña no local da A. C. Alexandre Bóveda. Eu asistín e foi daquela cando souben da existencia de Kaissa. Paréceme estraño que cos certos achegamentos que tiven ó xadrez (que xa deixei, é un xogo moi complexo para a miña mente tan simple) e coa cantidade de xente que hai alí que está en contacto co tema nunca oíra falar desa deusa. Serei despistado!!

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Biblos Clube de Lectores
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 24-02-2007 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Comeza a Era de Xéminis
Representación medieval de XéminisXeroglífico:

É posible que o xoves 8 de febreiro comece a Era de Xéminis.

Non o entendedes?

Pistas:
- Quen fai este blog?
- Cando naceu? (é dous tercios da Bestia).
- Que pasa o xoves 8 de febreiro?
- Que tipo de novas aparecen NESTA SECCIÓN do blog?

En galego creo que se di "Xemelgos" pero a min gústame máis "Xéminis". A ilustración saqueina da wikipedia en bable (ast.wikipedia.com).

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

PD: Eu non dixen que o xeroglífico fora doado de acertar.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-02-2007 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
A amarga emoción do perdido
Cartel de "A amarga emoción do perdido"
O mércores 17 de xaneiro de 2007, ás 20:30 h, no Forum Metropolitano do Parque Europa da Coruña, terá lugar a representación da obra teatral ?A amarga emoción do perdido? que o grupo teatro Proscrito estreará en Galiza.


?Teatro Proscrito? está dirixido por Lino Braxe e os actores son: Flor Maceiras, Xavier Deive, Rebeca Montero e Silvye Juncal.


O prezo é de 6 ? para público en xeral e 4 ? para socios da agrupación, maiores de 65 anos e carnet xoven.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (3) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-01-2007 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Xelamonite
Luís Paradelo
Este artigo tamén inaugura outra sección "secundaria" deste blog relacionada co asociacionismo cultural galego.

Formo parte dunha asociación cultural da Coruña chamada a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Como saberedes, este insigne galeguista foi fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936. Por iso, moitos consideran ese día como o da Galiza Mártir. Espero que iso tamén explique o nome que lle puxemos a esta sección: "Os Mártires da Caeira".

Cando fagamos algunha cousa interesante -e penso, humildemente, que iso pasa con certa frecuencia- avisaremos aquí. En todo caso, a páxina web da asociación é "acab.fiestras.com". Alí está todo máis e mellor explicado.

Pois este venres 12 de xaneiro de 2007, no noso local (moi céntrico na Coruña, a un minuto do Obelisco) vai haber un acto que parece moi chulo. Vai ser simplemente a presentación dun libro, pero é un que despertou moito interese, sorprendeu a moita xente e ademais, polo que me dixeron, era o propio autor quen quería presentar o libro na Coruña, e por inescrutables camiños, chegou a nós. E nós, encantados, claro.

Trátase de "Xelamonite" de Luís Paradelo. Un autor xa dunha certa idade que se estrea con esta obra, dunha temática moi suxerente que non vos vou desvelar. Investigade vós.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-01-2007 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0