Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda en Raxó (Poio)
Foi un grande orgullo para o grupo de teatro da A.C. Alexandre Bóveda representar a obra "Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda" no novo Centro Sociocultural de Raxó (Poio).

Foino, entre moitas outras cousas, porque estaba entre o público Amalia Bóveda (filla póstuma del) e Valentín García Bóveda, fillo dela e polo tanto neto do noso persoeiro.

O público foi numeroso e aplaudiu moito ao final. Polo que se comentaba ao final, a xente quedou moi contenta coa obra e sorprendeu o estilo da obra para tratar unha historia tan dramática como esta.

A ver se temos a posibilidade de vela en máis sitios. Poñemos unha foto ao final da representación, con todo o grupo e os familiares de Bóveda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
Samaín 2011
Un ano máis, celebrouse o Samaín da Cidade Vella, xunto co magosto que organizan a Asociación de Veciños e a Asociación de Comerciantes dese barrio.

Para min foi esta unha edición importante. Porque vai ser a última na que participe e porque foi a primeira na que se fixeron cargo da festa os alumnos do ciclo formativo de Educación Infantil do Instituto Ánxel Casal, de Monte Alto, feito este último que case garante a pervivencia da festa, que nos últimos anos xa estaba desbordando á A.C. Alexandre Bóveda, que a puxo en marcha no ano 2004.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ángeles Dorrio e Sergio Delgado nos Concertos de Outono
Nunha nova edición dos Concertos de Outono organizados pola A.C. Alexandre Bóveda, o primeiro dos concertos do ciclo deste ano foi protagonizado pola fantástica cantante coruñesa Ángeles Dorrio e o fenomenal pianista cubano Sergio Delgado.

Foi, como habitualmente, na Igrexa da Orde Terceira, coa súa marabillosa acústica, e congregou a numeroso público.

Déixovos un par de vídeos deles dous. Un deles é dunha actuación no Pazo da Ópera. E o outro é un pequeno vídeo moi emotivo para algúns.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.






Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Haberá primavera
Hai varias semanas o profesor e cantautor César Morán veu á A.C. Alexandre Bóveda a presentar o libro-disco que acaba de saír en Galaxia en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, co gallo do centenario do seu nacemento. O seu título é "Haberá primavera".

Está de máis dicir que a xente que veu ao acto marchou encantadísima. Aquí vedes un vídeo dunha das cancións interpretada xunto ao seu irmán Afonso. É a canción "Pau Casals en Prada". É unha poesía que durante o franquismo dedicou Cunqueiro (máis ou menos afecto ao réxime) a Pau Casals (nada querido polo franquismo), que xa estaba exiliado en Prada, na Catalunya francesa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.



Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Celso Sanmartín presenta "Gratas e boas novas"
A semana pasada, o magnífico contacontos e poeta Celso Fernández Sanmartín presentou o seu libro "Gratas e boas novas" no local da A.C. Alexandre Bóveda.

É un libro con postais antigas e textos escritos nelas, e poemas xurdidos a partir de imaxes coma esas. A poética e sensibilidade de Celso fixeron o demais, coa súa impresionante lírica enchendo o local.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-10-2011 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación na Coruña de Sermos Galiza
Onte houbo un abarrote histórico (outro máis) no local da A.C. Alexandre Bóveda para a presentación na Coruña de "Sermos Galiza".

As dúas caras máis visibles do proxecto na nosa cidade, Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato, presentaron ante un concurrido público (podería haber unhas 70 persoas) a iniciativa.

Para quen non ouvira falar do tema, "Sermos Galiza" é unha sociedade anónima que está creándose para poñer en marcha un xornal galego e en galego. Polo que comentaron, a idea era comezar cun diario dixital, para despois pasar tamén a un semanario en papel, e se a cousa fora moi ben, rematar cun diario en papel.

Nos últimos meses desapareceron moitas das cabeceiras en papel e tamén dixitais que facían ese labor, e non pode ser. Será un proxecto se cadra algo romántico, pero ten que ir adiante.

Pódense mercar accións, que son a 100 euros, e expresar a intención de facerse subscritor do semanario en papel, que sairía por un prezo duns 156 euros anuais. Como o ano ten 52 semanas, serán 3 euros cada exemplar, digo eu.

Póñovos un debuxo alusivo de Xose Lois "O Carrabouxo" e tamén vos poño o enlace do blog onde podedes atopar a información.
Sermos Galiza
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 23-09-2011 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Dezasete letras na brétema
O outro día o escritor Alberte Suras veu á A.C. Alexandre Bóveda veu dar unha charla sobre a vida e obra de Manuel María, un dos nosos socios de honra.

Estivo cerca de dúas horas debullando moitos aspectos da poética de Manuel e das súas circunstancias, e tamén das de Saleta, a súa compañeira.

O título de "Dezasete letras na brétema" vén de contar o número de letras dos nomes de Manuel María e Saleta, e de unilas á brétema, unha das figuras e das palabras máis presentes na poesía do autor.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-09-2011 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Anónimas, de Mon Lendoiro
O outro día inauguramos no local da A.C. Alexandre Bóveda unha exposición de cadros de Mon Lendoiro titulada "Anónimas".

Mon Lendoiro é un pintor nado en Carballo que decidiu pintar ás súas amigas non como son realmente, senón como el as ve, segundo nos comentou na inauguración da mesma.

Estará visible todo este mes de setembro no noso local, por se queredes pasar a vela.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 03-09-2011 14:12
# Ligazón permanente a este artigo
Día da Galiza Mártir
Un ano máis, celebráronse por toda Galicia, a mediados de agosto, diferentes actos de lembranza a Alexandre Bóveda, asasinado polos golpistas fascistas que despois mandaron durante 40 anos (e aínda teñen moito peso neste país) o 17 de agosto de 1936, é dicir, que este ano cumpríanse os 75 anos daquel fatídico acontecemento.

Non hai que deixar de lembralo, basicamente porque aínda existe na nosa sociedade actual moita xente que ten moito poder (e que acaba de conseguir máis nas últimas eleccións municipais) que añora aquela época e ese réxime dictatorial apoiado na violencia e na ignorancia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 20-08-2011 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Formas de ver a Bóveda
Onte inauguramos no local da A.C. Alexandre Bóveda unha emotiva exposición que reúne a obra pictórica (máis unha escultura) dun grupo de 18 artistas que, animados por Sabela Baña e Nolo Suárez, fixeron unha obra inspirada na figura de Alexandre Bóveda.

Vai estar exposta no noso local durante os dous meses de verán, ata o 31 de agosto. E esperamos que xire durante moito tempo polo noso país. Para moitos deles era a primeira vez que oían falar de Bóveda, ou case non sabían nada del.

Os artistas foron os seguintes: Anxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, José Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, María Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.

Moitas grazas a todos eles pola súa inspiración.

O que vedes na foto é a obra de Sabela Baña, titulada "As sementes de Bóveda".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2011 15:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal