Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XVI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
Onte fomos, como todos os anos, ao Teatro Rosalía para asistir ao XVI Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro, que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda leva anos organizando en lembranza daquel magnífico actor.

O acto, de novo foi conducido por Lino Braxe, e contou coas seguintes actuacións:

- O grupo de teatro da Agrupación representou un fragmento da obra que están ensaiando, a "Ópera do Patacón" de Roberto Vidal Bolaño. Xa a puxeran en marcha antes de saberse que ía ser o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2013.

- Casahamlet representou dúas obras. Santiago Fernández leu a aterradora "O corazón delator" de Edgar Allan Poe, e Manuel Lourenzo representou unha obra breve e moi divertida titulada "Boznia".

- Teatro Proscrito, nesta ocasión formado por Xoán Carlos Mejuto e Manuela Varela, representaron "Inverno occidental". Esta obra de micro-teatro xa foi representada en La Tuerka 27 en setembro.

- Rematou Caramuxo Teatro cun fragmento de "E de maior quero ser.......".

- E todo aderezado coa música do "grupo" Factoría de Subsistencia, que en realidade é o actor e músico Josito Porto tocando a guitarra.

Entregámoslle a Manuel Lourenzo o V Premio de Teatro Amador Alexandre Bóveda - Ibán Toxeiro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2012 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
Marrocos

O outro día, na A.C. Alexandre Bóveda, o noso amigo e colega Manolo Graña fixo outra das súas fantásticas proxeccións de fotografías de viaxes.

Neste caso foi da viaxe na Semana Santa deste ano a Marrocos. O seu periplo foi por Rabat, Casablanca, Fez, Marrakech, Meknes e algunhas vilas bereber do Atlas.

Déixovos unha foto aérea da máis grande cidade do país, Casablanca, con 6 millóns e medio de habitantes, e a impoñente mezquita que construíron hai pouco.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-06-2012 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
Silencios na memoria
Onte fomos, representando á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a un fermoso acto á vila pontevedresa d'A Estrada.

Primeiro había a proxección dun video homenaxeando ao alcalde republicano e aos seus compañeiros fusilados na Guerra Civil.

Despois presentouse o noso libro de artigos sobre Bóveda, presentado a comezos deste ano 2012. Tamén se presentaron as actas do Congreso sobre a guerrilla organizado en 2009 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica d'A Coruña.

Todo rematou da forma idónea, cun concerto do grupo A Quenlla, moi comprometido coa memoria histórica. Déixovos coa música de "Silencios na memoria", unha das súas moitas cancións míticas sobre esta temática.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 10-06-2012 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
A Orquestra Tombalobos
Onte, no Fórum Metropolitano da Coruña, a A.C. Alexandre Bóveda organizou un acto máis, que nesta ocasión foi un concerto dos nosos amigos da Orquestra Tombalobos. Como teloneiros estiveron varios deles xunto con outros amigos formando un grupo chamado Parabéns. Destacaban nesta formación cinco dos irmáns Seixo.

Déixovos un vídeo dunha actuación no Parque de Santa Margarida para que vos fagades idea da boa foliada que monta este grupo de música tradicional.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-06-2012 15:28
# Ligazón permanente a este artigo
Valentín Paz Andrade, empresario galego
Onte tivemos a sorte, os que asistimos á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, de escoitar ao eminente profesor da USC Xoán Carmona falando sobre Valentín Paz-Andrade.

Falou del sobre todo como empresario, asesor xurídico e de comunicación dos empresarios vigueses.

Resultou tremendamente interesante a súa conferencia e comentou cousas que non sabíamos e que moita xente non sabe. Porque el sabe moitas e porque estuda unha disciplina que non ten moitos seguidores, como a historia económica e industrial.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 24-05-2012 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
A historia do cine na Galiza
Onte veu José Manuel Sande, programador do CGAI, a falar á A.C. Alexandre Bóveda sobre "A historia do cine na Galiza".

Moita xente non houbo, pero os que estivemos aprendemos moito e ben gracias á erudición do poñente a aos documentos que trouxo, como os fragmentos de "Miss Ledya" (1916) de de José Gil e "Un viaje por Galicia" (1929) de Luis R. Alonso.

Estas eran mudas, pero despois tamén vimos os oito minutos sonoros que se conservan de "Galicia", de Carlos Velo. Desta dixo que hai pouco atoparon en Moscú vinte minutos, pero sen son nin créditos, que estaban feitos por Castelao.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 09-05-2012 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
Os Mártires de Carral e a Cova Céltica

O outro día o profesor Anxo Gómez Sánchez veu á A.C. Alexandre Bóveda a falar da relación entre o monumento dos Mártires de Carral e a Cova Céltica.

Como sen dúbida saberedes, en 1846 comezou unha revolución liberal (unha máis) en Lugo comandada polo coronel Miguel Solís, en contra da ditadura do Xeneral Narváez, con tintes claramente galeguistas (a revolución, refírome).

Foi severamente reprendida na batalla de Cacheiras (concello de Teo) debido á amplísima superioridade en efectivos das forzas do goberno ditatorial. Para que non tiveran moitos apoios, en troques de ser xulgados en Compostela ou A Coruña, foron xulgados e fusilados en Carral, en total 12 militares. Era o 26 de abril de 1846.

Poucos anos máis tarde, a raíña Isabel II xa destinou un xeneroso orzamento para facerlles o monumento conmemorativo pero, como tantas outras veces, non se levou a cabo. Case 60 anos despois, en 1904, grazas ao impulso da xente da Cova Céltica, tertulia galeguista que se reunía na librería de Uxío Carré Aldao, na rúa Rego da Auga da Coruña, púidose finalmente levantar o monumento.

Déixovos unha emotiva foto que, se non entendín mal o outro día, é de cando se inaugurou o monumento. O home que sae no centro é Manuel Lugrís, homenaxeado nas Letras Galegas de hai uns anos (creo que no 2006, por iso a Real Academia Galega, que daquela cumpría 100 anos, editou esta magnífica fotografía). E tamén creo que o discurso que deu alí aquel día foi o primeiro discurso en galego da historia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira (e de Carral).
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 05-05-2012 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Día Internacional da Poesía
O 21 de marzo a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebrou o Día Internacional da Poesía cun recital poético no Fórum Metropolitano en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos, do que aqueles días se cumprían uns 20 anos da súa morte.

Como vedes no video, noutros lugares, como Noia, a súa terra, tamén se fixo o mesmo.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 14-04-2012 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
Mesa redonda dos medios de comunicación en galego
Ante a crise de medios de comunicación en galego (que xa está comezando a superarse) decidimos, dende a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, convocar unha mesa redonda que falara da súa situación actual.

Viñeron representantes de "De luns a venres", "Galicia confidencial", "Radiofusión" e "Sermos Galiza" (teoricamente ponse en marcha un día destes), e o moderador foi Álex Sanjurjo.

Houbo moita menos xente da que pensabamos. Ata hai pouco, estes temas congregaban a moitas persoas, se cadra xa comezan a ver a luz ao final do túnel e están menos preocupadas por esta eiva, que semella comezar a superarse.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 14-04-2012 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Mercedes Queixas e a presenza da muller na literatura galega
Hai xa algún tempo, a insigne profesora, escritora e activista Mercedes Queixas veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a falar de "A presenza da muller na literatura galega".

Como era previsible, a charla foi unha delicia e aprendemos moito coa súa gran oratoria e capacidade de convicción.

Déixovos coa súa voz falando da súa obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 14-04-2012 22:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal