Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xornada de Normalización Lingüística de FEREGA
Un ano máis (agora celébranse no outono) xuntámonos os profesores máis comprometidos co galego dos colexios relixiosos para coñecernos máis, compartir experiencias e seguir aprendendo.

O programa deste ano era bastante atractivo e xiraba bastante en torno á radio.

Aparte diso, tamén falaba Henrique Monteagudo sobre a situación actual da lingua galega e un colexio do País Vasco contou algo sobre a situación e a defensa do euskera.

En canto á radio, eu mesmo contei a experiencia do programa de radio que levamos ano e medio facendo no noso colexio (chámase "A fume de carozo" e na sección de enlaces de esquerda podedes chegar á páxina onde están todos os programas accesibles).

Tamén falou outro profesor de Ourense que explicou como facer un "streaming" para emitir radio en directo por Internet.

Pero na miña opinión a estrela do día foi Xurxo Souto coa súa amenidade e paixón habitual, que falou sobre a radio en galego.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.

Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 04-12-2010 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Miguel Anxo Murado, gañador do Premio Frei Martín Sarmiento para adultos
Este último venres entregouse no Colexio Nosa Señora do Carme (Atocha) de Betanzos o Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de adultos.

Os finalistas nesta edición eran:
- Miguel Anxo Murado, con Fin de século en Palestina.
- Manuel Lourenzo González, con O xardín das pedras flotantes.
- Inma López Silva, con Memoria das cidades sen luz.

Inma non puido asistir ao encontro e entrega de premios, os outros dous finalistas si.

Contáronnos anécdotas moi interesantes sobre o oficio de escritor, sobre todo Miguel Anxo, que coa súa experiencia de vivir seis anos en Palestina deixounos pampos. Aínda que os seus artigos de prensa xa son dun nivel abraiante.

Finalmente o gañador foi Miguel Anxo Murado, aínda que o importante do premio é o fomento da lectura en galego en todas as idades.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 01-06-2010 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da Lingua en Silleda
Un ano máis, a finais de abril, celebrouse nun lugar central de Galicia a Festa da Lingua, que é onde se entregan os galardóns do Premio Literario "Frei Martín Sarmiento".

Premio literario no que varios milleiros de rapaces galegos, todos eles alumnos de colexios relixiosos, fan de xurados en diferentes categorías (por idades) e deciden cal é o mellor libro galego publicado o ano anterior.

Este ano, por primeira vez, celebrouse no Recinto Feiral de Silleda, que eu non coñecía, pero que é xigantesco e con moi boas instalacións.

Como cousas máis salientables, ademais dos escritores ganadores, estiveron as charlas que deu o actor galego Rubén Riós e a actuación do grupo galego de hip-hop Som do Galpom.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 21-05-2010 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
Orgullos@s do galego
Acaba de saír unha fenomenal campaña audiovisual promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, un grupo de profesores voluntariosos que aman o galego e o defenden con paixón e con argumentos científicos e rigorosos.

Unha das medidas estrela desta campaña son estes vídeos que vos poño aquí. Se queredes máis información da campaña, está en

Orgullos@s do galego

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.



Comentarios (2) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 22-02-2010 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
Posta en marcha da CGENDL
Levaba varios meses xestándose e por fin parece que xa está en marcha a nova Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

A Asemblea fundacional tivo lugar no IES As fontiñas de Compostela e houbo unha abundante participación.

Semella unha plataforma plural, apartidaria, que pretende ser independente e que quere restrinxir o seu ámbito de actuación á defensa do galego no ensino, onde eles son máis coñecedores do entorno e ao que dedican o seu labor profesional.

Agardemos que teñan moito éxito neste momento de tantas complicacións para a defensa da lingua.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-11-2009 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
V Xornada de Normalización Lingüística de Escolas Católicas
O venres 30 de outubro celebramos en Santiago a V Xornada de Normalización Lingüística organizada por Escuelas Católicas, federación que inclúe a uns 125 colexios relixiosos de Galicia.

O programa foi o seguinte:
- Recollida de documentación
- Inauguración
- Relatorio de Anxo Lorenzo, novo Secretario Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia
- Descanso (polo mundo adiante chámanlle "coffee break")
- Relatorio de Antón Reixa sobre "A lingua galega e a produción audiovisual"
- Xantar
- Presentación de experiencias de varios dos nosos centros
- Presentación dunha curtametraxe e proposta de actividade a cargo do actor galego Rubén Riós
- Clausura cunha actuación do contacontos Celso Fernández Sanmartín.

Penso que saíu moi ben e foi moi produtiva para todos.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 01-11-2009 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
A fume de carozo
Durante o mes de maio participei con algúns dos meus alumnos dunha experiencia innovadora: fixemos un programa de radio.

Foi os catro martes de maio, de 17:00 a 18:00, en CUAC FM, 103.4, que se colle, máis ou menos, na comarca coruñesa e incluso chega a zonas de Ferrolterra. O programa chamouse "A fume de carozo".

Esperamos que a experiencia siga nos vindeiros anos, porque quedamos todos moi contentos, pero a verdade é que dá moito curro.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-07-2009 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Festas da Lingua

Últimamente participei ou asistín a varios eventos chamados Festa da Lingua.

No primeiro deles, organizado polos equipos de normalización lingüística dos colexios relixiosos, boto unha man na súa celebración, e este ano foi a entrega de galardóns da V Edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento, que xa comeza a coller certo nome.

Os ganadores foron:
PRIMEIRA CATEGORÍA (1º e 2º de primaria)
RIVADULLA CORCÓN O sorriso de Claudia. Sotelo Blanco
SEGUNDA CATEGORÍA (3º a 5º de primaria)
CASALDERREY, Fina. A lagoa das nenas mudas.Xerais
TERCEIRA CATEGORÍA (6º a 2º de ESO)
CASTRO, Francisco. O ceo dos afogados. Xerais
CUARTA CATEGORÍA (3º de ESO a Bacharelato)
FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN.O único que queda é o amor. Xerais

A entrega destes foi en Vilagarcía o 30 de abril.
Na quinta categoría, para lectores adultos, ganou Marina Mayoral con "Case perfecto" e entregouse nos Salesianos de Ourense o 29 de maio.

A mediados de maio asistín na Coruña a outra gala que tamén recibe o mesmo nome dende o ano pasado, é organizada polo Concello pero non se parece en nada á anterior. Consta normalmente dunha actuación de humor e dunha musical. Neste caso foron José Touriñán (unha das pandereteiras de Ardebullo, non sei se é Mucha ou Nucha) e despois o grupo Malvela.

Que o galego siga sendo unha festa. Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-07-2009 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Cachiños do meu cerne
Hoxe lin un breve feixe de relatos que xa me chegou a finais de 2008.

Titúlase "Cachiños do meu cerne" e está escrito por Fuco Paz Souto, profesor nas Escravas da Coruña e unha das persoas máis simpáticas e agradables que coñezo.

Resulta de doada e amena lectura e axudoume a sobrelevar o meu breve paso de hoxe por Urxencias. Por sorte, non tiven que estar moito alí (en total, hora e cuarto). Xa tiven coidado de escoller a hora á que xogaba o Deportivo. Xa se sabe que a esas horas todo o mundo goza dunha milagrosa saúde.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (6) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 01-02-2009 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
IV Xornada de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA
O venres 16 de xaneiro de 2009 celebramos no Hotel Porta do Camiño, en San Lázaro (Compostela) a IV Xornada de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA (Colexios Relixiosos de Galicia).

Aínda que non son o máis axeitado para dicilo, penso que estivo bastante ben. Aparte da inauguración, cos seus correspondentes discursos, pola mañá houbo dous relatorios:
- Belén Junquera falou de "O galego e as novas tecnoloxías", aínda que algunha das novas tecnoloxías non se deixou manipular con toda a fluidez que a todos nos gustaría.
- Xabier P. Docampo deu unha amena charla sobre "A importancia da lingua oral".

Moitos quedamos a xantar no hotel, e na quenda da tarde houbo varios intercambios de experiencias entre os centros, de todo tipo e para todo tipo de idades. Rematamos cunha sesión do magnífico contacontos Cándido Pazó.

En definitiva, un día interesante no que todos puidemos sacar novas ideas normalizadoras para os nosos centros.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 17-01-2009 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal