Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entroido en Compostela

E xa non sei cantos van, deben ir 6 ou 7, e os que faltan... Un ano máis, fun pasar o Entroido a Compostela, porque odio esta "festa", porque na miña cidade non podo case saír á rúa sen ser recoñecido, pero a 70 km case non me coñece ninguén (aínda que sempre atopo a alguén polas rúas), e porque alí teño uns cantos amigos aos que apenas vexo, e é un bo momento para velos.

O primeiro día deste ano foi bastante fóra do convencional. Subín o sábado pola mañán a ver exposicións á Cidade da Cultura. Nunca subira ata agora nestas estancias (estivera un par de veces alí, pero fora por outras razóns) porque ese lugar me parece un fraude, pero había algunha cousa que estaba alí e que podía merecer a pena, e aproveitei para ver algunha cousa máis que andaba por alí.

A razón principal era ver a exposición "Castelao maxistral", na que se atopaba o cadro "A derradeira leición do mestre", que homenaxea a Alexandre Bóveda. Faltaban só dous días para clausurar a exposición, que era moi pequeniña.
Na planta de abaixo estaba "Valor e mestría. Galicia como fútbol" que fala sobre a historia do fútbol galego. Tema bastante máis irrelevante, pero con cousiñas de aquí e cousiñas de alá, acaba facéndose agradable, e leva varias horas vela, pero aínda vai estar uns cantos meses máis.

Despois de xantar fun ao Panteón de Galegos Ilustres porque había unha exposición sobre a "Alba de Gloria" de Castelao, da que tamén falaban moi ben, e que tamén se clausuraba un par de días despois. Interesante nalgúns aspectos e noutros menos (unha sección con gafas de realidade virtual que non era para tanto). E rematamos o sábado facendo a típica visita ao CGAC, xa que está ao lado, pero xa hai anos que non vemos por alí nada interesante, que mágoa!!!

O resto dos días pois xa se sabe, paseo, lectura e moita auga, como sempre por alí. Nesta ocasión lin a novela "Laín, el bastardo" de Francisco Narla. Era bastante longa e non me deu tempo a máis. Tamén levaba "O exército de fume" de Manuel Gago, e "El misterio de los mil soles" de Fernando Baztán, pero non fixen máis que pasealos dun sitio para outro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Edipo Rei
Supostamente tamén no ciclo do CGAI "Tan poderoso como o amor" (pero moi collido con pinzas nalgúns títulos) proxectaban "Edipo Rei", dirixida por Pier Paolo Pasolini en 1967 (ao mellor é a primeira película de Pasolini que vexo, non estou seguro).

A verdade é que a vin por ser esta traxedia grega e ser de Pasolini. Pero decepcionoume bastante. A actuación do elenco, a ambientación, e outra serie de cousas, non me chamaron demasiado a atención. Pero a traxedia de Edipo é unha desas historias marabillosas daquela época, polo seu tremendismo.

O feito de que Edipo, fillo do rei de Tebas, o abandonen no monte porque se coñece a profecía de que matara ao seu pai e xacerá coa súa nai. Pero quen debe matalo non o fai, simplemente o deixa alí, e un pastor que o atopa, o leva a Corinto, onde tamén será coidado en moi boas mans, e obviamente, sen saber nada do que dicía aquela profecía. Esa é a razón pola cal despois se cumpre todo iso, e acaba tolenado e arrincándose os ollos cando descubre en que consistía a profecía (para el descoñecida) e como a cumpriu.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
Perdición
Creo que foi nun ciclo que están botando no CGAI nestes últimos tempos, que se titula "Tan poderoso como o amor", igual que o último libro do poeta César Antonio Molina, que foi presentado alí. Pois con esa escusa, están botando moitas películas nas que o amor (supostamente) ten moito peso, e unha delas foi "Perdición".

Eu creo que "Perdición" xa a vira hai moitos anos, pero obviamente, esquecera por completo a trama (mellor, para poder disfrutala de novo coa sorpresa). Foi dirixida por Billy Wilder en 1944 e protagonizada nos principais papeis por Fred MacMurray, Bárbara Stanwyck e Edward G. Robinson. Actores fantásticos pero xa un tanto esquecidos, por desgraza. E outra curiosidade máis é que o título orixinal era "Double Indemnity" (Dobre Indemnización), que ten moito máis sentido, dende logo moito máis que a tradución española, como case sempre.

A historia está moi ben, e non teño eu moi claro que o amor teña tanto peso, a non ser que nos refiramos ao "amor polos cartos", que está moi estendido nestes tempos.

Un axente de seguros vai á casa dun bo cliente para renovar as pólizas dos seus coches, que van caducar. O home non está, porque traballa moito, pero atópase coa muller. Ela pregunta se existen as pólizas por accidentes no traballo, porque ela está moi preocupada, xa que o marido está sempre traballando e implícase moito no traballo físico, a pesar de ser o rico capitalista.

O axente de seguros interpreta estas preguntas da muller como que quere desfacerse do seu marido e ademais levarse os cartos da póliza, porque a muller insiste en tramitar todo isto sen que o marido o saiba, xa que se negaría en redondo a asinala, porque non cre que lle vaia pasar nunca nada. E ademais, a muller gústalle moito, e cre que está flirteando con el.

O caso é que a suposición do axente é certa, namóranse e planean todo xuntos para desfacerse do marido nunhas determinadas circunstancias, despois de facerlle asinar a póliza sen que se decate. As determinadas circunstancias son que o accidente ten que ser no tren, porque así cobrará "dobre indemnización", por unha estraña política da súa compañía de seguros.

O seu retorcido plan lévase a cabo sen maiores contratempos, agás algún pequeno detalle como algunha medio-testemuña que está a piques de estragalo todo. Pero cando chega o momento de cobrar, chega o axente de seguros máis sagaz, que se encarga de investigar os casos estraños e que, obviamente, máis caros poden saírlle á aseguradora, e ponse a fisgonear, porque hai algúns detalles que non lle convencen.

Non vou contar o final, aínda que a película ten xa 75 anos, pero como vedes, a trama é moi retorcida, e cada minuto pasan moitas cousas que non che dan un respiro.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
Da avaricia, a luxuria e a morte
Valle-Inclán escribía moitas das súas obras formando triloxías. Aínda que é certo que, precisamente as triloxías non son as súas obras máis célebres, pero fixo unhas cantas.

Como hai uns anos se cumpriron os 80 anos da súa morte e a súa familia xa non pode opoñerse de forma absurda á prohibición de traducir as súas obras ao galego, pois agora é bastante habitual que as compañías galegas se lancen a representar obras de Don Ramón, que sempre dan moito de sí.

E a veterana compañía Teatro do Noroeste animouse coa triloxía coñecida como "Da avaricia, a luxuria e a morte", formada polas obras "Ligazón", "A cabeza do bautista" e "A rosa de papel". A montaxe completa era unha hora e media, e recoñezo que non lin as obras, pero só vendo a súa representación non son capaz de entender por que se titulan así.

O elenco estivo moi ben con Luma Gómez, Manuela Varela, Imma António, Fernando Tato e Miguel Pernas (que no saúdo final lembrou que o seu irmán Gustavo, recentemente falecido, adoraba o Teatro Rosalía no que tivo lugar a función).

Non é moi doado explicar de que trataban as obras, pero estaba moi presente o esperpento e o mundo sórdido do autor, sempre con personaxes moi escuros, unha grande sensualidade e sexualidade, ata en situacións desbordantes.

"Ligazón" trataba dunha rapaza nova e moi fermosa que non podía darse ningunha alegría e vivía oprimida pola súa familia. Ela flirtea cun afiador que pasa pola casa, e convénceo para matar a un comerciante rico con quen a súa familia quería acordar un casamento (ou algo así, porque a requintada linguaxe do autor non é doada de comprender en ocasións). Obviamente, a rapaza fai o acto sexual cos dous (como é marca da casa).

"A cabeza do bautista" trata dun taberneiro que recibe a visita dun vello amigo doutro lugar, que lle lembra que lle debe cartos e que debe pagar. A moza do taberneiro urde un plan para deitarse co novo visitante e que o taberneiro o mate nese momento (como vedes, non falta o importante).

"A rosa de papel" trata dunha muller piadosa que está no leito de morte e lle di ao seu marido que nun atado no colchón hai un bo feixe de cartos. Cando ela morre e as plañideiras rodean o cadáver, o marido bótaas da casa e realiza o acto sexual coa morta (nunca é tarde).

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
Matar a un ruiseñor
O outro día por fin conseguín ver unha mítica película da que todo o mundo fala moi ben. Refírome a "Matar a un ruiseñor", dirixida por Robert Mulligan en 1963 e protagonizada por Gregory Peck.

Pero a verdade é que non me chamou demasiado a atención. Ao mellor é que as expectativas estaban demasiado altas, pero pareceume que a historia estaba a medio camiño de moitas cousas, pero non culminaba ningunha.

Por unha banda, está o papel principal, do avogado Atticus Finch, un tipo boísimo e exemplar que incluso me chirría un pouco. Por outra banda, suponse que a base principal da historia é o xuízo no que este avogado defende a un negro ao que acusan de violar a unha branca. Vale, ben, pero esa parte ocupa só como unha terceira parte da película, así que non é unha película de xuízos. Despois está a rareza da familia Radley e o seu xoven e escurridizo exemplar Boo Radley, ao que case ninguén viu, que só sae de noite, e que aparece só ao final, nunha fugaz e estelar aparición do actor Robert Duvall (xunto a Gregory Peck, o único que se fixo famoso posteriormente no cine). Pois iso, que estivo ben, pero que iniciou varios fíos e pareceume que non concluíu ningún.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-03-2019 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
Turbo
Sigo avanzando na lectura da Biblioteca Galega 120 que hai anos editou A Voz de Galicia. Esta vez foi a quenda de "Turbo", unha novela que tivo un certo éxito no seu momento. O seu momento foi na segunda metade dos 80, ou sexa, hai algo máis de 30 anos. O autor foi Miguel Suárez Abel, que morreu hai pouco. Non estivo mal, aínda que tampouco foi para tanto.

Está ambientadas no Salnés, e a historia é un pouco rara. Por unha banda, está unha parella formada por un ex-cura e unha prostituta, que traballa nun local que se chama "Turbo".

Por outra banda, para intentar mellorar na vida, a rapaza pídelle ao mozo que intente falar cun antigo compañeiro do seminario no que estudou, e que acaba de chegar a Conselleiro da Xunta de Galicia. E a raíz diso, o ex-cura vai lembrando as cousas que pasaban no seminario, e que o agora conselleiro non era trigo limpo. Ao mellor consegue algo se dá falado con el, pero non se fía demasiado e non sabe cal será a súa reacción despois de anos sen velo.

Despois hai varias persoas que se dedican ao contrabando ou narcotráfico que intentan involucrar nalgunha das súas operacións a estes personaxes, e a outros secundarios, como o pai da moza, que tamén parece boa peza.

En definitiva, unha historia bastante sórdida, con personaxes bastante canallas e un final bastante raro, todo macerado polo ex-cura, que non encaixa demasiado ben con toda esta fauna.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2019 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
Carmina Burana, de La Fura dels Baus
Pois digamos que a combinación resultaba moi atractiva: unha obra maxistral como Carmina Burana posta en escea por uns vangardistas e innovadores como La Fura dels Baus.

Pero dame a impresión que este grupo catalán xa non é nin a sombra do que era cando comezaron, hai uns 40 anos. Seguen facendo cousas moi espectaculares, pero son menos transgresores do que eran, semellan algo brandos.

O máis espectacular desta montaxe era unha estrutura metálica en forma de aro, da que colgaban cortinas que tapaban a toda a orquestra, que estaba no interior. Ese aro subía, baixaba e se inclinaba, dando lugar a paisaxe totalmente diferentes. Ademais, na parte dianteira da cortina tamén se proxectaban imaxes.

Nos laterais desa cortina estaba o Coro, importantísimo nesta obra. Os homes á dereita e as mulleres á esquerda, que ían despregando diferentes formacións e incluso actuando nalgúns números, ademais de cantar.

De vez en cando aparecían elementos típicos desta compañía, como grúas que elevaban a algúns dos intérpretes, tanques de auga, etc. Pois si, todo bastante chamativo, pero deixoume algo frío, por momentos parecíame que aínda desaproveitaran eses impactantes recursos.

Non menos interesante é a orixe da obra "Carmina Burana". Son uns cantos dos séculos XII e XIII, principalmente e latín pero algo hai en alemán e francés, compostos polos goliardos, uns clérigos que estaban estudando e que tiñan unha moral algo relaxada e que satirizaban á Igrexa Católica. Estaban recollidos nunha abadía alemá e recolleunos Carl Orff nos anos 30 do século XX. E vaia descubrimento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-02-2019 00:09
# Ligazón permanente a este artigo
Jane Eyre: Unha autobiografía
Hai pouco pasou pola Coruña a compañía de teatro catalá Teatre Lliure para representar a obra "Jane Eyre: Unha autobiografía", baseada na novela de Charlotte Brontë. Os papeis principais estaban protagonizados por Ariadna Gil e Abel Folc.

Sempre me chamou a atención o caso das irmás Brontë, tres irmáis inglesas de mediados do século XIX, que deron lugar a novelas moi destacables, pero que tiveron que publicalas con pseudónimo debido aos condicionantes da época.

Se cadra a máis famosa é Emily Brontë con "Cumios borrascosos", se cadra a menos famosa é Anne Brontë con "Agnes Grey" e poderíamos chamarlle a intermedia a Charlotte Brontë con "Jane Eyre". Casualmente, as tres publicaron con pseudónimos masculinos que tiñan Bell como apelido.

Por esa razón tiña certo interese por coñecer a historia de "Jane Eyre". Tamén é certo que "Cumios borrascosos", da que algún amigo que ten moito criterio me falara marabillas, me decepcionou bastante, pero había que probar.

A verdade é que a historia tamén é moi enrevesada e bastante romántica, con amores rotos, decepcións, e todo iso, tinguido dun tono que non me atrae demasiado. Pero vaia, a interpretación é moi boa, e a pesar de durar dúas horas, a obra resulta áxil e vese con moito agrado. Non vos vou contar a historia completa (nin un resume) porque é moi complexa. Basicamente Jane Eyre foi sempre unha rapaza e muller bastante desgraciada, pero que tiña moita forza de vontade para saír adiante, e conseguiu facelo, e acadou metas que parecían imposibles para ela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2019 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
Trece cancións bonitas
Pois nada, Germán Díaz, que é un cu inquedo, xa está cun novo proxecto. Neste caso é con Benxamín Otero e titúlase "Trece cancións bonitas". Actuaron hai pouco no Teatro Colón e pasámolo moi ben, coma sempre con el. Había pouca xente, pero está claro que isto nunca vai ser música de masas, que lle imos facer.

Para quen non o saiba, Germán Díaz é un magnífico zanfonista vallisoletano que leva xa uns cantos anos vivindo en Galicia. Dedícase sobre todo a tocar a zanfona e todo tipo de instrumentos mecánicos, como caixas de música programables, organo de barbaria, etc. Para os que non saiban que son estas cousas, despois o explico máis en detalle.

Benxamín Otero, o seu compañeiro nesta ocasión, toca oboe e corno inglés. Parece que arranxou moitas das pezas para este disco e estes singulares instrumentos, como eles lles chaman.

Para un informático coma min, ver tocar a Germán os instrumentos mecánicos, é unha delicia. Porque é basicamente o funcionamento dun ordenador: software executado por un hardware.

As caixas de música programables son caixas que fan sons que todos asimilamos co deses artefactos, pero a música que teñen que tocar entra codificada nun cartón por un lateral, e sae pola parte contraria. E cando está dentro, o mecanismo vai lendo as perforacións que hai no cartón e que levan codificadas as notas musicais, e produce eses sons. O órgano de Barbaria e outros instrumentos similares que toca Germán funcionan máis ou menos do mesmo xeito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2019 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Fóra ENCE
O outro día, a Asociación de Veciñas de Oza, Gaiteira e Os Castros proxectou o documental "Fóra ENCE" de Rodrigo Cota, no seu ciclo habitual de proxecións dos luns.

Pois nada, recalcar o de sempre, a reclamación histórica, contra os que queren enriquecerse queimando o país.

Lembrando que Franco construíu a factoría e lle deu licencia por 50 anos, e Rajoy, co goberno xa en funcións, prorrougou a licenza por 60 anos máis. E cando lle preguntaron, dixo que el non tiña nada que ver, que fóra un trámite administrativo e que o fixeran uns funcionarios, que el non sabía nada. Incrible.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2019 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal