Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Gladiator
Eu xa a vira no seu momento, pero hai uns días botaron "Gladiator" na televisión, sen cortes, e pareceume interesante repetir a experiencia.

Deume certa sensación de que o ritmo da película era bastante fluído e pasaba rápido, porque dura case 2 horas e media, e fíxoseme incluso algo curta.

Sempre me chamou algo a atención é que o protagonista da película fora un xeneral das lexións romanas que ía substituír ao emperador Marco Aurelio, e que era orixinario da Bética, cerca de Emérita Augusta.

Na película cóntase que o seu fillo Cómodo matou a Marco Aurelio ao enterarse que tiña previsto volver ao réxime da República e deixar a Máximus, ese xeneral, ao mando do Imperio, debido a que non confiaba demasiado na pericia do seu fillo. Parece que na realidade morreu na actual Viena, e que durante os últimos anos compartiu o cargo de Emperador co seu fillo Cómodo. Pero que en canto Marco morreu, viuse claramente a personalidade paranoica do fillo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2019 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión a Madrid 2019
Un ano máis (xa é o sétimo consecutivo e o oitavo total, porque tamén fora a algo similar no ano 2004), tocoume ir de excursión a Madrid co meu alumnado.

Cando se vai a unha excursión destas, sempre poden pasar cousas, que os grupos de adolescentes teñen as súas cousiñas. Pero esta transcorre nun entorno bastante controlado, e sempre se desenvolve sen maiores problemas. Podemos presumir de ter un alumnado fantástico que o demostra ano tras ano.

Nesta ocasión houbo varios cambios con respecto a anos anteriores. O máis salientable é que tivemos que cambiar o Museo do Prado polo Museo Arqueolóxico (semella que o Prado estaba pechado ou cheo, aínda non o teño nada claro). Segue gustándome máis, para a xuventude, o Prado. Tendo en conta o difícil que é motivalos para entrar nun museo, no Prado sabes que van ver cousas que coñecen e lles chaman a atención. No Museo Arqueolóxico apenas hai nada que lles atraia. Sospeitábamolo, e así foi.

E o outro cambio é que pasamos do Parque de Atraccións ao Parque Warner, que parece que agora tamén abre os venres na primavera, e iso permítenos visitalo. Non me interesa nada ningún destes parques, pero para os adolescentes, semella que os dous están bastante ben, e a min pareceume que o Parque Warner estaba algo mellor. Ten algo máis de variedade, xa non só nas atraccións, senón que tamén hai espectáculos, máis restaurantes e tendas, etc.

Polo demais, o resto foi coma sempre:
- Musical do "Rei León", xa é a sexta vez que o vexo gratis (subvencionado polos alumnos aos que teño que aturar)
- Hard Rock Café, tan chapuzas coma sempre
- Museo de Cera, non é gran cousa pero sácanse fotos cos seus ídolos e coñecidos
- Esquí en Xanadú, este ano foi moi ben e non houbo nin o máis mínimo incidente

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2019 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
FSO: segunda parte da homenaxe a John Williams
Tres meses despois da anterior visita, voltou a Film Symphony Orchestra á Coruña, para levar a cabo a II parte da súa homenaxe a John Williams. Dende logo, se se dedican a tocar música de cine, moito lle deben a este compositor, o máis destacado nesta disciplina.

Como sempre, esta orquestra española, dirixida por Constantino Martínez-Orts, un showman pero moi didáctico director que ilustra e presenta moi ben todas as pezas, deixa un gran sabor de boca.

Nesta ocasión tocaron a fanfarria olímpica de 1984, e pezas das películas "Cabalo de batalla", "Indiana Jones e o reino da calavera de cristal", "Memorias dunha geisha", "Encontros na terceira fase", "Munich", "O patriota", "ET", "Parque Xurásico", "A batalla de Midway", "As cinzas de Ánxela", "O violinista no tellado", "JFK", "As aventuras de Tintín: o secreto do unicornio", "A terminal", "As bruxas de Eastwick", "Indiana Jones: en busca da arca perdida" e, obviamente, remataron coa "Guerra das Galaxias" e a súa Marcha Imperial.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2019 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Un americano en París
A verdade é que non estaba previsto, e tampouco era unha cousa que me quitara o soño, pero o caso é que hai unhas semanas vimos na casa a película "Un americano en París".

Eu pensaba que a vira hai moitos anos, pero a verdade é que as imaxes non me soaban demasiado. Seguramente a estaba confundindo con "Bailando baixo a chuvia". Esa si debín vela, polo menos algunha parte.

Pois non me chamou demasiado a atención. Transmitiume a mesma idea que todo este tipo de películas. As tramas son moi febles e simples, e están pensadas simplemente para que os bailaríns se luzan nos seus números, que están ben, pero que en moitos casos están metidos na historia con calzador (ao mellor a historia é a que está metida con calzador entre os números de baile, máis ben debe ser iso).

Como curiosidade, unha canción coa que me crucei máis veces. É a canción "I got rhythm", de George Gershwin, que compuxo toda a banda sonora. Esta canción coñecina hai uns cantos anos na versión de Mike Olfield, e eu tan ignorante, tardei anos en saber que tiña xa 40 ou máis anos de antigüidade cando a utilizou o músico inglés.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2019 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
Nao
Hai unhas semanas pasou Nao pola Sala Mardi Gras da Coruña para despedirse dos seus seareiros nesta cidade.

O grupo de rock duro máis sobranceiro do país deixa a escena, e xa avisaron con varios anos de antelación. Sacaron varios discos para "celebralo". E o último deles é o que tocaron o outro día nesta sala, titulado "Ata que o lume se apague".

Estes últimos discos están ben, pero non me pareceron tan brillantes como algúns dos anteriores. Pero o indudable é que deixan unha carreira ben valiosa que nunca esqueceremos. Seguiremos escoitando e pinchando a súa música.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2019 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
Galván en Saor
Acabo de ler hoxe outra novela da Biblioteca Gallega 120 da Voz de Galicia (xa vou polo 73). Esta vez tocaba "Galván en Saor" de Darío Xohán Cabana.

Xa teño lido algunha obra máis deste autor, como "Morte de Rei". E ademais, tiven a fortuna de coñecelo en persoa hai uns anos (non teño trato con el, simplemente coincidín con el nun evento, presentáronos e estivemos falando durante unhas horas). E sei que lle encanta a Idade Media galega (ou europea), e case sempre escribe sobre ese tema.

Neste caso, o protagonista é Galván, o Gawain do Ciclo Artúrico (seguro que ten máis nomes), o sobriño de Arturo que atopa o Santo Grial.

Nunha estraña historia parece chegar a Galicia (ainda que non se sabe exactamente onde está), porque está descansando aquí da búsqueda do Grial, que xa non lle convence e no que non cre, antes de volver á Bretaña xunto co seu tío Arturo para morrer na última batalla contra o exército de Mordred.

Algúns dos personaxes e das esceas parecen estar ambientadas no mundo máis ou menos actual (motos, paraugas, cristais nas fiestras...), pero todo o demais está ambientado na Idade Media, salvando un castelo do asedio de sete malvados irmáns, e liberando á dama, da que namora, aínda que esa dama tamén parece rexentar unha taberna na aldea veciña á que existe no momento actual ¿¿?? Si, resulta un pouco estraño, pero como sempre neste autor, as historias resultan atractivas e están moi ben contadas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2019 00:51
# Ligazón permanente a este artigo
Erin Brockovich
Hai uns días vin esta película, dirixida por Steven Soderbergh no ano 2000 e interpretada, como saberá todo o mundo, por Julia Roberts, que naquela década estaba moi de moda, sobre todo despois do super-éxito de "Pretty woman", en 1990.

Sempre tiven un certo interese por esta película, pero non conseguira vela ata agora. Non sei, non me cadraba demasiado esta actriz para este papel, sobre todo porque a presentan en toda a súa beleza e exuberancia. Vendo información sobre a Erin Brockovich real, pois quen sabe, ao mellor tamén era así ela na vida real. Estráñame un pouco, pero ... nunca se sabe.

Erin Brockovich é unha muller xoven cunha vida algo ou bastante caótica, con tres fillos, sen traballo, que sufre un accidente de coche e perden o xuízo para conseguir unha indemnización (na película, en parte, por ser bastante bocazas no xuízo).

Ofrécese a traballar case gratis para o bufete de avogados para pagar a súa factura, pois non ten cartos. Non se sabe moi ben como, pero aceptan, e a relegan a organizar o arquivo. E cando está facendo iso, descubre que nun pleito que está parado e esquecido hai unhas coincidencias moi raras, xa que é un pleito por temas inmobiliarios pero o expediente está cheo de informes médicos.

Vai tirando do fío, e descubre que unha empresa química contamina a auga da zona cun isótopo do cromo. Vai coñecendo aos afectados e dándolles ánimos, en nome do bufete, para denunciar á super-empresa. E o bufete, que era pequeno, gaña o pleito e convértese nun bufete moi prestixioso. É dicir, esas cousas que pasan en Estados Unidos que lles fan crer que viven nunha democracia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2019 00:41
# Ligazón permanente a este artigo
Breve encontro
Tamén dentro dese famoso ciclo do CGAI tan presuntuosamente titulado "Tan poderoso como o amor", proxectaron "Breve encontro", película dirixida por David Lean en 1945. Pero esta si xa me parecía moi acaída para este ciclo. Tamén debín vela hai moitos anos, pero tiña moitas ganas de repetir.

Trata dos breves encontros entre unha muller e un médico nunha estación de tren inglesa, mentres esperan os seus respectivos trens, que van en direccións contrarias, e pasan con poucos minutos de diferenza, e que lles permiten atoparse cada xoves nese lugar.

O primeiro encontro é totalmente casual, pero aos poucos comezan a estar xuntos moi a gusto, e semella que o home é o que toma a iniciativa e declara o seu amor pola muller. Por certo, os dous están casados con outras persoas e teñen dous fillos, con matrimonios felices.

Esta película si me gustou, e pareceume interesante, sobre todo a forma de narrar da muller, que parecía quedar sumida nos seus pensamentos cando estaba na casa, e comeza a contar a historia en modo "flashback".

Unha cousa curiosa desta película é a traxectoria dos dous protagonistas. A muller, Celia Johnson, non me soa de nada, e non coñezo ningunha das outras películas nas que actuou. E aínda máis curioso é que por este papel foi nominada ao Óscar a mellor actriz de reparto, cando é a protagonista principal sen dúbidas.

Trevor Howard é un nome de actor que me soa moitísimo, pero que non vexo que tivera moitos papeis estelares. Parece que este puido ser o máis destacado. Tamén foi actor de reparto en "O terceiro home", "A filla de Ryan", "O motín da Bounty", "Superman", etc.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2019 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Historias de Filadelfia
Hai pouco botaban na 2, sen cortes (moi importante para min, porque son moi pesados de Dios coa publicidade) unha película da que oíra falar moi ben, "Historias de Filadelfia". Foi dirixida en 1940 por George Cukor, e é considerada unha das mellores comedias alocadas daquela época.

Pois non sei se me colleu en mal día, se estaba espeso, ou se foi outra cousa, pero non me gustou nada, non conectei para nada coa película dende o primeiro momento. Supostamente ten uns diálogos moi chispeantes e intelixentes, e non o dubido, pero paréceme que son sobre temas que non me interesan en absoluto.

Falando con colegas que a viron (incluso moitas veces) dinme que estou equivocado, que eu son demasiado racional, que hai que deixarse levar, e todo iso. Pois pode ser, pero creo que hai outras películas relativamente parecidas ás que si me enganchei e que poderían ser parecidas. Por exemplo, as de Ernst Lubitsch, que me parece un dos mellores directores da historia.

Unha cousa que me chamou a atención é que, ao rematar de vela (ou se cadra xa polo medio, do aburrido que estaba, quen sabe) mirei comentarios nalgunhas webs, e resulta que as persoas que lle daban unha nota mediocre, que non eran poucas, usaban exactamente os mesmos argumentos que usaría eu.

A historia vén sendo que se vai casar unha rapaza da alta sociedade de Filadelfia que acaba de divorciar. E a ela non lle gusta nada saír nas revistas do corazón, quere evitalo e ten moito caracter. E o seu ex-marido, como vinganza, auto-invítase á voda e infiltra na mesma a un xornalista e fotógrafa dunha revista do corazón aos que lles vendeu a exclusiva. E a partir de aí é un carrusel melo-romántico sobre as idas e vidas, cambios de parecer, trucos e trampas, verdadeiros sentimentos que hai nas diferentes parellas que se forman (non sé a que supostamente ía casar).

Xa digo, desconectei dende o comezo, nada me parecía crible nin interesante, e ningún chiste me facía a máis mínima graza. Alégrome moito que este película faga moi feliz a moita xente, pero eu non estou nese grupo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2019 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Laín, o bastardo
Pois este foi o libro que lin paseando por Compostela no último Entroido. É do autor galego Francisco Narla, que é unha persoa razonablemente xoven (uns 40 anos), pero que é piloto de avión, escribe novelóns, e semella algo erudito en cuestións de historia, pois xa o escoitei nalgún programa da Radio Galega falando sobre eses temas.

Como saberedes, o tema medieval interésame moito. Debeu ser unha época terrible de vivir, pero moitas das cousas que pasaban daquela, teñen un indudable encanto vistas dende a actualidade, na miña opinión.

E a novela, dunhas 750 páxinas, máis ou menos, ten de todo. Tamén me gusta moito que teña lugar en moitos escenarios diferentes, e neste caso é así.

A historia fala de Laín, o bastardo dun señor da fortaleza de San Paio, cerca de Lugo (en Friol hai unha torre medieval que se chama de San Paio de Narla, como o nome artístico deste autor, que non se chama así na vida real). Ese señor marcha para as Cruzadas e non volve, e dise que está preso en Terra Santa.

O bastardo Laín decide ir nunha expedición que pretende ir buscalo, na que vai o escudeiro máis querido do señor, un gascón, de quen Laín aprende moito.

Podedes imaxinar xa as moitísimas aventuras, que terán lugar en sitios como Venecia (coa familia do futuro Marco Polo), en San Xoán de Acre, na costa do Mar Roxo, en Samarcanda e Qara Qorum, onde coñecen a Hulagu, un dos netos que sucederon a Genghis Khan.

E supostamente o narrador desta historia, aínda que só nalgúns capítulos soltos se presenta como tal, é o trovador Martín Códax, que se cruz con Laín no final dos seus días e coñece a súa fascinante historia, que a el como trovador gústalle moito coñecer e cantar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal