Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Polaroid
Sigo avanzando, aos poucos, na lectura do Colección 120 de Literatura Galega de La Voz de Galicia. Esta colección editouse no 2002, foi un fito no seu momento, e deille bastante duro ao principio. Pero levaba uns anos coa súa lectura parada, e reanudeina este ano. "Polaroid" de Suso de Toro xa é o número 69 (e como descubriredes pronto, xa lin un par deles máis).

Penso que esta "novela" (se se lle pode chamar así, que non creo) xa a lin máis ou menos no seu día, cando se publicou a mediados dos 80, creo.

Foi unha das primeiras obras do autor, que comezou a ter éxito axiña, e esta obra concretamente foi moi rompedora porque a súa estrutura é bastante estraña.

Son moitos capítulos, bastante breves a maioría. Algúns ocupan varias páxinas, outros ocupan 1 ou 2, e hai incluso algúns que ocupan só 2 ou 3 liñas, e resultan bastante enigmáticos e transgresores.. Hai algúns que parecen ter certa relación con outros, pero moitos semellan estar totalmente illados. Pero vanse vendo certos fíos condutores, e está escrito dun xeito que resulta bastante atractivo.

A min non me deixou moita pegada, en canto á temática (non sabería dicirvos xa de que trata, e só hai unhas semanas que o lin, só lembro algún que outro relato curto), pero si a súa estrutura, como me pasara hai unhas décadas, na súa primeira lectura.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
Mercedes Peón
Aínda que xa a vira actuar nas festas de María Pita neste pasado mes de agosto, asistín tamén ao Ágora hai unhas semanas para ver a Mercedes Peón presentando o seu novo disco "Déixaas".

Estaba coa formación que agora é habitual no seu grupo, acompañada por Mónica de Nut e Ana Fernández, que forman un trío cunha potencia tremenda. No verán tamén saíron en varias ocasións un par de músicos, tocando a guitarra e os saxofóns, e Yolanda Castaño recitando nunha das cancións, e María Reimóndez tamén facendo coros ou algo así. Nesta ocasión non, estiveron só elas tres, que se bastan e sobran para sacalo todo adiante.

Pois nada, todo bastante espectacular e vangardista, a súa música vai bastante por diante do país, e sospeito que por aí adiante, por exemplo en Europa, onde sempre gustou moito a súa música, deben estar flipando bastante. Mercedes xa non é aquela rapaza nova de pelo longo que presentaba ás cantareiras no Luar. Decidiu dar un grande salto adiante e hai moita xente que aínda non conseguíu asimilalo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal 2018

Pois alá foi xa outra edición máis do Culturgal, a gran feira da cultura galega.

Como devoto que son desta temática, pasei alí boa parte do sábado e trouxen unhas cantas cousas que tiñan moi boa pinta. Segue tendo a boa saúde habitual, aínda que este ano botei en falta algúns postos de venda de música que levaban moitos anos, e que ocupaban bastante espazo. Non sei se o negocio non lles ía tan ben, ou se faltaron por outra razón, pero vaia, que sempre resulta interesante atopar á xente que está intentando saír adiante dedicándose á cultura galega ou algo que se lle parece.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Arnoia, Arnoia, o circo da casa pequena

E a segunda fantástica obra de teatro galego que vimos hai unhas semanas na Coruña foi "Arnoia, Arnoia, o circo da casa pequena". Lera un artigo en Sermos Galiza que me fixo interesarme pola obra, e o acerto foi total.

Dende logo, a aposta era ben arriscada, por moi singular. Era unha coprodución do Centro Dramático Galego con Pistacatro (que se dedican ao circo). Dirixía Quico Cadaval (que sempre é unha garantía, e despois de ver isto, nin che conto) e a trama está baseada nunha novela de Xosé Luís Méndez Ferrín que non lin, pero ten pinta de ser bastante surrealista e non doada de seguir.

Así que todo pintaba regular, pero o resultado é fascinante. Actuaban xente bastante descoñecida na escena galego, como Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio. Algúns destes nomes sóanme algo do circo e da danza contemporánea, pero obviamente, non chegan habitualmente aos grandes mercados.

Pero xa digo, un espectáculo marabilloso, sobre todo dende o punto de vista visual e acrobático, está claro que o punto de circo lle dá moito valor. E gustoume moito máis do que esperaba.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2018 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Commedia, un xoguete para Goldoni
Hai unhas semanas, tivemos unhas moi boas sesións de teatro galego na cidade. Constateino con outra xente que non é tan fanático do teatro galego coma min, e que tamén fliparon bastante.

A primeira delas foi "Commedia. Un xoguete para Goldoni". Esta obra xa foi un éxito do teatro galego hai 25 anos. Decidiron recreala e repetiron case todos os actores e actrices orixinais, e iso xa ten bastante mérito. Pero tanto a veteranía como a xuventude marinaron sen problema, e o resultado foi espectacular, como case todo o que toca Cándido Pazó, que era o director.

Os actores e actriz eran Víctor Mosqueira, Nuria Sanz, César Goldi, Marcos Orsi, Avelino González e Serxio Zearreta. Cantaban e tocaban en directo, e é unha obra moi divertida do estilo da Commedia dell'arte italiana, así que é imposible aburrirse.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2018 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
XXII Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebrou unha edición máis do seu Memorial de Teatro Amador, que se celebra todos os anos en outono, lembrando a Ibán Toxeiro, xoven actor e socio de honra da Agrupación, que morreu cuns vintecinco anos cando formaba parte do grupo de teatro da asociación.

En todos estes memoriais, mestúranse actores e actrices profesionais e amadores para presentar pequenas obras ou fragmentos doutras máis grandes que nos fan reivindicar esta noble arte, tantas veces anunciada a súa morte pero que segue moi viva.

A gala estivo dirixida por Lino Braxe, como é habitual nos últimos anos, foi presentada por Sabela Hermida, e contouse coa colaboración especial de Bucanero Teatro, formado por Pedro Picos e Xosé Bonome. O Premio Ibán Toxeiro neste caso foi para Begoña Llamosas, directora do Fórum e do Ágora, que coa súa xestión tanto apoia ao teatro amador.

As catro breves obras que se puideron ver, todas creadas por mulleres, e representadas por integrantes do grupo de teatro da A.C. Alexandre Bóveda, foron:
- Nas nubes, escrita e dirixida por Bego Lomba
- Músculo de sal, escrita por Imma Antonio e dirixida por Manuela Varela
- Conversas, escrita por Rebeca Montero e dirixida por Amalia Gómez
- Calíope, escrita por Lucía Iglesia e dirixida por Lino Braxe

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2018 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
Das cousas de Ramón Lamote

No ano 1986, nada menos, o escritor chairego Paco Martín levou o Premio Nacional de Literatura (Nacional de España, ollo) por esta obra de literatura infantil e xuvenil.

Para a literatura galega, e tamén para a infantil e xuvenil desta terra, foi un "bombazo". O país estaba comezando a erguer a cabeza despois da dictadura, a literatura galega amosaba potencial e apuntaba boas maneiras, e comezábamos a parecer a potencia infantil e xuvenil que din que somos agora. E aquelo puido ser o principio.

Pois eu lino hai uns días, máis que nada polo ben que me teñen falado desta obra. Está claro que a min este tipo de literatura non me interesa demasiado, e ao non ser profesor de galego (podía interesarme como lectura para o alumnado, entón), cáeme un pouco máis lonxe.

Pero teño que recoñecer que pasei un rato ben divertido léndoa, porque é moi simpática e inxeniosa. Sospeito que á rapazada debe gustarlles bastante, aínda que sigo sen saber exactamente para que idade pode ir mellor dirixida.

É un libro moi breve, con oito historias curtas vividas por Ramón Lamote, que é un curioso personaxe, xa de certa idade, e que gana a vida dando clases particulares de idioma chairego. Iso é simplemente unha especie de definición, non temades ningunha temática lingüística.

As historias son ben curiosas, coa aparición do Reparante (unha especie de dragón do tamaño dun can, ao que lle gusta pasar discretamente), coa aparición sorpresiva nunha rúa dun tubo de grandes dimensións, ou da estraña organización dunha "corrida" de nubes, que ninguén sabe exactamente o que é, pero que Ramón consegue argallar co apoio das autoridades, polo medo destas a facer o ridículo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Pepe Vaamonde Grupo
Hai uns días tocaba no Garufa Club da Coruña o grupo de Pepe Vaamonde, un gaiteiro galego que me gusta moito (o grupo todo, non só el). Así que non faltei, aínda que só estabamos unhas 15 persoas nese local de marabillosa calidade de son.

Fixo un repaso polos seus catro discos editados. O último deles editouno hai un par de anos, e presentouno na Coruña nunha das homenaxes anuais que se lle fai en setembro a Manuel María, co Teatro Rosalía petadiño de xente.

En calquera caso, sonou de marabilla, como sempre, e nesta ocasión viña de acompañante o gran cantante e bailador Xisco, e iso sempre é un plus.

Remataron o concerto, no bis, tocando esta canción de hai 10 anos, que eles consideran o seu gran "hit".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Pioneiras do deporte en Galicia

Hai algún tempo xa oíra falar deste libro, e nas últimas semanas, tiven a sorte de que houbo unha presentación do mesmo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, o meu ateneo cultural de referencia.

O libro deste título foi escrito por Cristina López Villar, profesora da UDC na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física (antes coñecido como INEF) e publicado pola Deputación da Coruña.

A presentación estivo moi ben, con powerpoint e moitas fotos do libro e da investigación na que naceu. Hai que ter en conta que o tramo temporal investigado vai de 1850 a 1936.

Os deportes que máis practicaron as mulleres nos primeiros tempos da súa práctica deportiva foron a ximnasia, a hípica, a patinaxe, o tenis, o esquí, a vela, o ciclismo, o xoquei sobre herba (foi moi potente no seu momento), a natación, o remo ou o excursionismo.

Despois chegaron outras disciplinas máis masculinizadas como o fútbol, a aviación, o automobilismo ou o circo.

Falaron bastante dun fenómeno dos anos 30, Emilia Docet, que facía natación e xogaba ao xoquei sobre herba, foi Miss España, e tiña certas simpatías polo incipiente galeguismo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Fraquezas
Sigo avanzando pola colección que editou Biblos Clube de Lectores nos primeiros anos do seu traballo. Xa vou polo número 43, só quedan 7 da colección convencional e 3 máis que sacaron do seu premio para escritores novos.

Nesta colección hai obras mellores e peores, como en todas. A que lin nesta ocasión non é das mellores que vin, pero algún destello interesante había, como pasa sempre.

Titúlase "Fraquezas", e o autor foi Xosé Díaz Díaz, un xoven lucense que é profesor de Matemáticas na Secundaria, e que ten como afección esta de escribir.

O libro está formado por seis relatos totalmente independentes. Todos menos dous deles foron premiados en diferentes certames galegos, destacando o Certame Modesto R. Figueiredo, no que acadou galardóns en dúas edicións consecutivas.

Agora xa pasaron varias semanas dende a súa lectura e apenas os lembro (iso xa debe ser indicio de algo). Pero lembro que a súa lectura me resultou bastante complicada, porque case todos contiñan flash-backs e narracións non lineais que eran complicadas de seguir, con cambio de narrador e técnicas similares. Non estou en contra diso, nin moito menos, pero tamén digo que hai que saber facelo moi ben, porque senón, o efecto é totalmente contraproducente.

A que máis me gustou foi a última, titulada "O ollo alleo", que levou o V Premio Os Viadutos, e que trata sobre uns palestinos que deciden converterse en terroristas suicidas (así, simplificándoo moito).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [144]
© by Abertal