Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Kepa Junkera na Coruña
Non sabedes o que vos perdestes. Os que xa o coñecedes, si o saberedes, e os demais deberíades saber que este bilbaíno é un dos maiores virtuosos do mundo do acordeón diatónico (en éuscaro, trikitixa).

Se ao ler a palabra "acordeón" pensastes automáticamente en María Jesús e "El Baile de los Pajaritos" nin o intentedes: estades totalmente imposibilitados intelectualmente para aprezar o virtuosismo desta máquina e correríades risco de sufrir un derrame cerebral nun dos seus concertos.

Impresionante espectáculo. Aínda que claro, eu non son obxectivo. Eu son un dos seus fanáticos.

Incrible un grupo de seis músicos no que a mitade da xente toca a percusión. A batería normal da música moderna non sorprende. Pero os dous xenios que tocan a txalaparta (conxunto de tablóns e pedras golpeados perpendicularmente con cilindros de madeira) son para flipar.

Se tedes un mínimo de interese xa sabedes: ides a Youtube e poñedes "Kepa Junkera". Xa hai bastantes videoclips e fragmentos de concertos. Que o disfrutedes.



Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-05-2007 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
A emigración galega en Venezuela (ou en toda Sudamérica)
Hai pouco coñecín a alguén moi moi interesante.

No colexio no que traballo estabamos desenvolvendo actividades en torno á emigración. E decidimos que para os máis maiores o máis interesante sería traer a algún emigrante-inmigrante, por exemplo un galego retornado.

E chegounos o contacto dun responsable de CIG-Migración chamado Xurxo Martínez Crespo. Veu ao noso colexio e contoulles unhas cantas cousas aos alumnos de 4º ESO e 1º Bacharelato.

E ademais agasallounos cun exemplar do libro e do video coa investigación que estivera realizando nos últimos anos. O libro fala, en forma de biografías, da emigración galega en Venezuela, Nicaragua, Dominicana e Panamá. E o video céntrase no país venezolano.

Non sabedes vós que cousas tan interesantes se contan alí. Por exemplo, que varios miles de traballadores galegos, con moi bo prestixio por construír a rede de ferrocarril en Cuba, foron levados dende alí para facer o Canal de Panamá.

E algunha das anécdotas que contou sobre a emigración foi ben curiosa. Como a de aquel matrimonio de uruguaios xa maiores que decidiron vir á Coruña, cidade na que non coñecían a ninguén, porque nunha consulta do Hospital do Centro Galego de Montevideo viron un cartel que poñía "La Coruña, ciudad en la que nadie es forastero".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-05-2007 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
Catalunya is fine
Fontes de Montjuïc
Ola xente, xa estamos aquí de novo. Estivemos por Catalunya, onde todo andaba un pouco húmido, pero xa voltamos para que non vos sintades tan sós.

Para que non digades que mentimos, deixaremos probas de que realmente estivemos alí. Esta foto que vedes foi sacada na Fonte Máxica de Montjuïc na noite do venres 6 de abril, cerca das 9 da noite.

Saúdos. Cabañas & Catoira Travels.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-04-2007 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
Freedom for Catalunya
Viaxes O Lóstregho volta á estrada. O venres 30 de marzo, se Deus quixer, desprazámonos dende a Gallaecia ata a Tarraconensis, para facer unha severa inspección dos "conventus provinciais" de Barcino e Tarraco.

Para os estudosos en estratexia viaxística, a nosa idea é aloxarnos en Martorell, a uns 20 quilómetros de Barcelona, na confluencia dos ríos Llobregat e Anoia, cidade industrial (alí esta á SEAT) e importante nudo de estradas que nos permite saír en todas direccións de xeito doado.

En 20 ou 30 minutos situámonos en Barcelona capital por varias vías de tren diferentes (Renfe e Generalitat). Ou sexa, que estaremos na gloria.

Ata o luns 9 de abril probablemente esta será a última comunicación.

Saúdos. Cabañas & Catoira Travels.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-03-2007 17:11
# Ligazón permanente a este artigo
Algo interesante na televisión, incrible

Obviamente, esta opinión é tan subxectiva como todas as demais pero este da televisión sempre é un tema candente. En todo caso, como tampouco teño maior interese en que este blog se convirta nun foro de opinión sobre o divino e o humano, e seguramente á xente non lle interesa en absoluto o que eu opino sobre ningún tema (e non lles culpo), simplemente comentarei algo que vin hoxe e que pode resultar interesante.

Eu xa case non vexo a televisión. Agás algún partido de fútbol (cada vez menos), algunha película (gravada, aínda que eu estea libre á hora na que a emiten) só vexo algún que outro documental. Por exemplo, "Al filo de lo imposible". Pero agora non está na programación. Botaron hai pouco unha serie de 6 capítulos sobre a Antártida, pero xa rematou.

O único programa ó que son relativamente fiel é "Redes" de Eduard Punset. Como o cambiaron de día, últimamente bótano despois de "Estravagario", razón pola cal nos últimos tempos tamén vexo este, porque gravo os dous xuntos.

Onte xoves (eu vino hoxe venres) botaron unha interesantísima entrevista con Benoit Mandelbrot, o descubridor dos fractais. Como tiña certa fama, por suposto pensei que xa estaba morto. E non. Ten algo máis de 80 anos, pero aí sigue o tipo.

Contaron cousas alucinantes, como que se pode aplicar a xeometría fractal ás fracturas das minas de Riotinto, ó comportamento da Bolsa, á forma do brécol. Alucinante.

Saúdos. Ignatius J. Reilly.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2007 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
U-las fotos do Salnés? di o outro
Vista da Illa de Tambo dende o Mosteiro de Poio
Pois si, hai que recoñecelo. Viaxes O Lóstregho desprazouse durante as vacacións de Entroido de 2007 ó Salnés, que fora sacudido polas cheas en novembro. Intentamos botarlle unha man á súa hostelería e comercio, tomándolle unha. O campamento base estaba en Vilagarcía e dende alí facíamos as nosas incursións. Xa sabedes que calquera lugar a menos de 200 quilómetros de onde pernoctemos pode ser escenario dos nosos saqueos.

Incluso saímos algo da nosa zona para pasar por Catoira (FALTARÍA MÁIS), Valga (sendeirismo), Caldas (papeo), Pontevedra (paseo), Poio (papeo tamén) etc. O tempo non foi moi bo, que digamos, pero fixemos o que puidemos.

Como mostra diso, deixamos unha curiosa foto. Casualmente é de fóra do Salnés. Estabamos no Mosteiro de Poio e vendo a fermosa estampa da Illa de Tambo que tiñamos diante, decidín inmortalizala. Eu son un fotógrafo bastante cazurro pero, por sorte, a miña cámara toma decisións independentes cando lle parece. Esperamos que vos guste.

Saúdos. Cabañas & Catoira Travels.

PD: Obviamente, reanudamos a serie de fotografías do País Leonés coa que levamos dende o 1 de xaneiro. Acabamos de entrar en Zamora capital. Visiten a FOTOBLOGOTECA.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2007 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
Os rebeldes estratosféricos
Este é un pequeno fragmento dun traballiño que fixemos unha vez para unha xente especial (que seguramente o merecía). Pasádeo ben, aínda que só algúns entenderán do que se trata.

Saúdos. Can de Palleiro Productions.

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-02-2007 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
Inauguración do novo local
Cabañas & CatoiraOla outra vez, querida audiencia.

Xa sabíamos que había inquietude por coñecer cal sería a nova chabola de Viaxes O Lóstregho. Pois xa estades nela.

Esta mensaxe supón o nexo de unión entre o "vello" Fotolog brasileiro e a "nova" Blogoteca galega. Esto que estades lendo tamén está colgado na nosa antiga páxina para confirmar o peche dunha gloriosa época que durou xustamente un ano. Efectivamente, hai un ano colgamos a célebre foto que nos sacaron no Urriellu (Naranjo de Bulnes).

E celebrámolo poñendo unha foto que se sae dos cánones que normalmente nos guían á hora de tutelar a vosa instrución, que tanto nos preocupa. Pero tamén é certo que é a única foto que queda na que aparecemos Cabañas e Catoira xuntos. Xa sabedes que ese é un privilexio que poucos poden disfrutar. Foi a última vez que xogamos un partido de fútbol.

Xa avisamos que voltaremos á nosa disciplina "colgadora" diaria o día 1 de xaneiro de 2007. ¿De onde serán as fotos coas que comezaremos? Pois nunca se pode asegurar, pero non sería raro que se tratara das fotos que sacamos no verán de 2001 no antigo país leonés (León, Zamora e Salamanca). A parte desa viaxe xa levamos cámaras boas. Xa veredes como se nota.

Nada máis. A ver se vos gusta, e a ver se escribides máis, carallo, que parece que vos cortaron as mans.

PD: Se queredes visitar as fotos antigas, sabede que non temos previsto pechar o outro flog:

Fotos antigas: www.fotolog.com/viaxesolostregho

Fotos novas: www.blogoteca.com/viaxesolostregho
Antiga páxina nosa que imos abandonar
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2006 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal