Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sir Thomas Malory
Estou lendo estes días -e está costándome moito máis do que esperaba- "La muerte de Arturo" de Sir Thomas Malory.

A primeira versión en prosa que recolle toda a historia da lenda artúrica ou materia de Bretaña. Escrita a mediados do século XV polo enigmático Sir Thomas Malory.

Está costándome moito porque é bastante extensa e ten moita "palla". Os primeiros capítulos son moi interesantes e forman parte da historia que xa coñecemos: como conciben a Arturo, sacar a espada da pedra para nomealo rei, como coñece a Xinebra, como Lancelot namora dela, a Dama do Lago que lle dá a espada Excalibur, etc.

Pero todo iso transcorre rápidamente e a partir de aí hai páxinas e máis páxinas, capítulos e máis capítulos bastante monótonos sobre xustas, torneos, onde se andan zurrando os principais cabaleiros da lenda: Lancelot, Tristán, Lamorak, Palomides, La Cote Maile Tailé...

Estou comezando o segundo volume, onde se fala da busca do Santo Grial (coido lembrar que ao final era Galahad, o fillo de Lancelot, quen o atopaba).

É case tan interesante o autor da obra. Polo que lin sobre el, parecía levar unha vida de granxeiro normal, camiño de terratenente, con certas ambicións políticas e, de súpeto, con 35 anos, foi apresado catro veces nun ano por delitos como extorsión, roubo, intento de asasinato e violación. A partir de aí pasou a maior parte do tempo en prisión, aínda que conseguiu escapar varias veces en condicións insoportábeis. Estando en prisión foi onde lle deu por escribir esta magna obra. Foi publicada 14 anos despois da súa morte.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2007 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición sobre "O Señor dos Aneis"
Nesta última semana fun visitar as dúas sedes da exposición sobre a película "O Señor dos Aneis". Está "repartida" entre as sedes da Fundación Caixa Galicia da Coruña e Santiago de Compostela.

E digo "repartida" (entre aspas) porque o reparto está bastante desequilibrado. Vin todo o material, lin todas as etiquetas e vin con paciencia todos os fragmentos de video que hai nos dous lugares, e a sede da Coruña levoume unhas dúas horas e media, e a de Santiago escasamente unha hora.

É un aviso para os que pretendades visitala, que saibades dese triste desequilibrio. En Santiago o máis salientable é a maqueta de Gollum e os videos referentes á rodaxe dese personaxe. O demais non ten moita relevancia, moitos debuxos, traxes, cascos e cousas polo estilo... na sede da Coruña hai material máis abundante e máis interesante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2007 21:34
# Ligazón permanente a este artigo
125 anos de teatro galego?
Estiven visitando na Coruña a mostra "Un país desde as táboas" que rememora os supostos 125 anos de teatro galego, é dicir, os 125 anos que pasaron dende que Francisco María de la Iglesia escribiu e representou "A fonte do xuramento" no Liceo Brigantino da Coruña. Obviamente, xa houbera cousas anteriores pero a especial situación da lingua galega nos séculos anteriores non facilitou demasiado o seu progreso.

Exposición itinerante que xa viña de Ribadavia e que irá tamén a Cee, O Carballiño, Vigo, O Barco de Valdeorras, Carballo, Santiago, Lugo, Pontevedra e Narón no que falta de ano 2007.

Non sabendo moito moito sobre o tema semella que o traballo de documentación e preparación da exposición foi moi bo. Hai moitas cousas moi interesantes.

Iso si, teño entendido que a xente do teatro galego (ou boa parte dela, polo menos) está xa algo chea de que se fagan fastos conmemorativos de cousas pero parece que non se apoia demasiado á profesión, que está en permanente crise. Típico dos políticos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2007 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Nómades
Acabo de ver unha modesta pero interesantísima exposición de fotografías a cargo de Manuel Valcárcel.

Titúlase "Nómades" e amosa a vida de nómadas dos cinco continentes (Rumanía, Tibet, Perú, Papúa e o Sáhara).

Poño unha das fotos do Tibet que vin na Aula de Cultura de Caixa Galicia na Coruña (rúa Médico Rodríguez). Espero que o autor non me demande por iso e entenda que aínda lle estou facendo publicidade de balde.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2007 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
Libertango, de D. Astor Piazzolla
Por algunha razón que descoñezo, esta canción persígueme dende hai varios meses, e eu tan encantado, claro.

Hai mes e pico na A. C. Alexandre Bóveda organizamos un concerto a cargo dun grupo formado por varios músicos galego-arxentino-rusos que xiraba arredor do tango. O grupo chámase Buenos Aires Cuatro. Remataron con esta peza.

Uns días máis tarde escoitei na radio unha versión con acordeón e gaita feita por esas dúas máquinas galegas chamadas Daniel Bellón e Diego Maceiras.

E o outro día, na Festa do Lugnasad 2007 da que acabo de falar, o grupo galego-ruso Stranniki tamén a tocou, para o meu contento.

Quen me ía dicir a min hai pouco que ía flipar cun tango. Cosas veredes!!!

Póñovolo para que disfrutedes. Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2007 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
A Festa do Lugnasad en Bretoña
Estes últimos días estiven nun lugar que quería visitar dende hai moito tempo: Bretoña, a parroquia do concello da Pastoriza (Lugo) onde supostamente se instalou o bispo bretón Maeloc cos seus seguidores cando chegaron das Illas Británicas alá polo século V ou VI.

E non estiven un día calquera senón que estiven na Festa do Lugnasad, a festa celta que se celebraba no verán, a comezos de agosto segundo o calendario gregoriano.

Houbo xa actividades pola tarde, como representacións teatrais e concerto de harpa céltiga.

E polo serán ou a noitiña comezou a festa na fraga. Máis ou menos semellante a outros festivais folk ou celtas pero co gran atractivo etnográfico e particular do gran conxuro da queimada con megafonía (xa vin varios nos últimos meses, un deles nunha voda) e sobre todo, o ritual das vodas celtas, a cargo do druida Manuel Aneiros.

Estivo todo moi ben, había xente pero non era agobiante, nin moito menos. Dixeron que este ano (levaban varias edicións sen celebrar a festa) fixérana sen publicitar demasiado, porque a última vez que a celebraran había demasiada xente e moita dela ía a "tomar coca-colas". Ou sexa, macro-botellón insufrible.

En canto ás actuacións musicais, só puidemos ver ao primeiro grupo, pero sorprendeunos gratísimamente. Chámase Stranniki, é de Lugo, e está formado por tres rusos (dous bielorrusos e un ucraíno) e dous galegos (un deles guitarrista flamenco). Os outros dous grupos eran Linho do Cuco e Os Carunchos, que seguro que o fixeron moi ben, como é habitual neles.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2007 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
Roma, cittá aperta
Ola xente.

Viaxes O Lóstregho comeza mañá a terceira fase da súa invasión internacional.

Despois de Londres (2005) e París (2006), e tendo en conta que Portugal é como a nosa segunda casa, mañá mércores 18 de xullo de 2007 comezamos o proceso que nos depositará en Roma durante unha semana.

Marchamos para Santander, onde pasaremos un día e o xoves, dende o modesto pero moi digno aeroporto de Las Parayas, tomaremos o avión de Ryanair (compañía perralleira, desas que nos gustan) que nos deixará en Ciampino, segundo aeroporto de Roma (e porque non ten máis que dous, que se non....).

Estaremos de volta a noite do xoves 26 de xullo.

Esta vez iremos acompañados por un terceiro tripulante. Acompañóunos na nosa primeira viaxe a Portugal. Xa pasaron nove anos diso. Chamarémoslle o señor Pérez.

Todo irá ben. Xa veredes. Saúdos.

PD: Á volta pode que comecemos a colgar unha nova galería de fotos: "Extremadura Semana Santa 2002".
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2007 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
Sesenta galegos ilustres
E seguimos coa xeira.

Agora estou cun libro que recolle os artigos escritos por Francisco Fernández del Riego no xornal "Vida Gallega" entre 1956 e 1962.

Debía ser un número mensual e a última páxina conformábaa unha sección chamada "Perfiles Gallegos" que era sempre escrita por el baixo o pseudónimo de Cosme Barreiros.

Titúlase "Sesenta gallegos ilustres", está case todo en castelán e a edición de Alvarellos é primorosa.

Gran labor a de Don Paco, moi calada pero importante naqueles duros momentos.

Acabo de ler unha cousa nalgures que me sorprendeu: os pseudónimos de Paco del Riego. Sabía o de Salvador Lorenzana (como naceu en Vilanova de Lourenzá era previsible), o de Cosme Barreiros descubrino lendo este libro, e polo visto tamén debeu utilizar algunha vez o de Adrián Solovio. Este último seguro que merece unha investigación da súa relación con Otero Pedrayo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Medidas preventivas
Isto é preocupante: estes días estou lendo xa bastante. Non sei se non terei que irme mirar.

Esta tarde algo de teatro: "Medidas preventivas" de Gustavo Pernas Cora, editado por Biblos. Cinco pezas curtas onde se fala, ante todo, desta ansia preventiva das autoridades de non permitirnos facer cousas por medo a que poidamos pensar e expresarnos.

Tamén lin o poemario de Eva Veiga "Desconcerto" pero provocoume iso mesmo. Son un nefasto lector de poesía a pesar dos intentos que fago.

Esta foto que atopei de Gustavo gústame moito.

Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Cara a Times Square
Lin estes días unha novela que ten certa sona na literatura galega do século XX, ten fama como de ser "novela de culto". É "Cara a Times Square" de Camilo Gonsar.

Intrigante, curiosa. Sorprendente que enganche tanto cando aparentemente non conta nada en especial, cando parece narrar algo circunstancialmente mentres fai tempo para coller o suposto fío principal da historia, que ao final nunca aparece.

Tampouco é que me apaixoara pero hai que recoñecer que para o ano 80 na Galiza debeu ser algo totalmente rachador.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2007 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal