Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Villa Florentina outra vez
Hoxe, como noutras ocasións anteriores, achegueime a Cecebre para participar nas tertulias organizadas todos os primeiros domingos de mes pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez. Na casa coñecida como Villa Florentina e da que xa teño falado algunha vez.

Hoxe falouse sobre Concha Espina, escritora interesante da que se sabe moi pouco. E aínda menos mal que unha das rúas que rodea o Santiago Bernabeu leva o seu nome, senón aínda se falaría menos.

Chamoume a atención que no ano 27 levou o Premio Nacional de Literatura ex-aequo con Wenceslao e Ramón Pérez de Ayala. E nos anos 26, 27 e 28 foi a candidata española ao Premio Nobel de Literatura.

Nos meses anteriores foi sobre Otero Pedrayo, Risco, Emilia Pardo Bazán, etc. O vindeiro mes será sobre Blanco Amor. E dentro de pouco será sobre Alexandre Bóveda, xa que me pediron que vaia un día por alí falar del.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-09-2007 01:08
# Ligazón permanente a este artigo
Con ollos de neno
No último momento, apurando as últimas pedaladas, conseguín ler un libro máis. Se non conto mal, o décimo do verán. Non fixen trampas, o libro era breve e moi doado de ler. Falo de "Con ollos de neno" de Pere Tobaruela.

Pois iso, moi salientable. Supostamente un libro para rapaces, e que cumpre a súa función. Pero tamén amable para adultos, moi intelixente, nada ñoño. Breve, moi doado de ler, son uns dez relatos. E hai que salientar que é un autor catalán, que sempre escribiu en catalán e que supostamente escribiu esta obra directamente en galego, por primeira vez na súa vida.

Impresionante o relato onde un neno disecciona a letra da canción "Antes muerta que sencilla". Criticándoa, por suposto. Se neste país houbera moitos nenos e nenas así........

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-09-2007 01:02
# Ligazón permanente a este artigo
4.48 psicose
Sábado 1 de setembro. Primeira obra de teatro da tempada. Espero que o nivel vaia subindo, porque senón, malo.

Obviamente o traballo de todo o mundo é moi respectabel, pero está claro que eu non conecto demasiado con este tipo de teatro. Fun ver "4.48 psicose" de Nut Teatro ao Fórum Metropolitano da Coruña.

Dous actores dos cales un ten unha participación testemuñal (ou sexa, que case é un monólogo da actriz), texto moi obsesivo, recurrente, existencialista. Unha muller que desexa morrer e intenta explicar as causas que a levan a esa situación. De feito, a autora Sarah Kane morreu uns meses despois de escribir a obra (non sei en qué circunstancias, pero despois de ver a obra dá que pensar).

Forma parte da conmemoración dos 125 anos de teatro galego, con 125 funcións gratuítas por todo o país. Para min non foi a mellor inauguración pero hai que abrirse a todos os tipos de teatro.

Pero vexo por aí que hai versións en castelán, creo que en portugués tamén. Debe ter certo éxito.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2007 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Non quero ser Doris Day
Como me prometín a min mesmo e un pouquiño a Doris Dei, a/o visitante máis asidua/o deste blog nos últimos tempos, lin "Non quero ser Doris Day" de Inma López Silva.

Está ambientada en París, cousa sempre moi positiva, e non escribe nada mal, pero a historia non me chama moito. Ao comezo si pero o final é un pouco caótico e pouco crible, supoñendo que pretendera iso, claro.

Foi finalista do Premio da Novela por Entregas da Voz de Galicia, se cadra por iso lle pasou así. Está editado en Biblos, que codirixe Tucho Calvo, e rescata para esta colección os finalistas dese certame. Creo que o primeiro ganador foi el, e pode que agora sexa quen o organice.

Pásase un bo rato en calquera caso.

Non sei por que, pero a min Inma López Silva lémbrame moito a Ariadna Gil, vexo moito parecido físico.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2007 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
Estradas e camiños de Galicia
Apurando este esprint final do verán, fun ver outra exposición máis que me atraía dende algún tempo atrás.

No Arquivo do Reino de Galicia haberá ata finais de setembro unha exposición sobre a planificación e construcción de estradas e camiños en Galicia.

Mapas curiosos, algunha que outra maqueta e documentos sobre os trámite para realizalas. Interesante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2007 16:40
# Ligazón permanente a este artigo
100 posters para un século
Neste esprint final do verán de 2007 fun hoxe ver unha exposición á que lle tiña ganas dende hai tempo. Pero con iso de que me queda cerca e de que ía estar dous meses, funme demorando.

Titúlase "100 posters para un século" e está na sede da Fundación Barrié da Coruña, aínda que xa estivera antes na de Vigo.

Consiste nunha escueta selección entre os máis de 330.000 exemplares de carteis que existen no Museum für Gestaltung Zürich (Museo de Deseño de Zúrich).

A verdade é que a maioría son alucinantes, incrible ver como un deseñador foi capaz de transmitir tanto en tan pouco espazo, e de atopar metáforas visuais tan impactantes. Como exemplo, poño este da revolución rusa promulgando a igualdade entre todos os seres humanos.

Saúdos.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2007 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Literaria varia
Neste final do verán de 2007 estou que me saio. Estou descansando como Dios manda e estou dedicándome a un dos meus vicios favoritos: ler. Pena que xa vai durar pouco isto.

Nestes últimos días caeron outros dous. Breves pero que tiñan algo que contar. Sigo avanzando, ós poucos, naquela famosa Biblioteca 120 que sacou A Voz de Galicia no ano 2002 precisamente celebrando os seus 120 anos de vida. Vounos lendo cronolóxicamente e con estes xa levo 62, pasei da mitade. Obviamente, nestes cinco anos lin moitas máis cousas que non están nesa colección, pero tempo non teño demasiado.

Pois, como dicía, estes días caeron dous máis: "O sol na crista do galo" de Manuel Lueiro Rey, e "Náufragos en terra" de Xosé Manuel Martínez Oca (na foto, non moi actual, por certo).
O primeiro son uns contos ambientados principalmente na guerra civil. E o segundo son seis historias sobre amores e parellas que non funcionan demasiado ben.

Obviamente, estas obras non cambiarán a historia da literatura pero claramente estamos ante dous narradores ben hábiles, dos que saben contar unha historia. Seguramente con máis criterio e recursos que moitos deses que venden milleiros de exemplares e que non son máis que uns "xuntaletras", tan abundantes hoxe.

Saúdos.
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2007 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
A Illa de Cortegada é nosa outra vez
Que puto país!!!!

A comezos do século XX os vilagarcianos "cedéronlle" a illa de Cortegada a Alfonso XIII para que viñera veranear. Patético.

A finais dos anos 70 o pai do actual rei vendeu a illa a unha inmobiliaria por 60 millóns de pesetas. Negocio redondo.

E agora Vilagarcía mércalle a illa á inmobiliaria por 1,8 millóns de euros (uns 300 millóns de pesetas). Negocio redondo.... para a inmobiliaria.

Manda carallo. A quen se lle conte. E agora pasará algo parecido con Caixa Galicia e a illa de Sálvora. E tamén co Pazo de Meirás e a familia Franco. Manda carallo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2007 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Cinefilia varia
Últimamente vin varias películas interesantes na televisión ou saíron en conversacións algunhas outras que me interesaron no seu momento.

Falaremos primeiro de "Diario de un skin". Interesante novela baseada nun "xornalista" que se infiltra nun grupo de neonazis en Madrid (hai moito ultrasur por alí) para desenmascaralos e sacar á luz o que hai detrás, que supostamente é gordo. Como foi un superventas fíxose unha película protagonizada por Tristán Ulloa. Como a experiencia era moi perigosa, o libro está asinado co pseudónimo Antonio Salas.

Cal non sería a miña sorpresa hai uns minutos ao enterarme que o do pseudónimo é unha patraña. Que está bastante demostrado que detrás dese nome está o fantasmón Manuel Carballal, no seu momento ufólogo de salón, e agora "xornalista de investigación" que tampouco fai demasiado por ocultarse senón todo o contrario. Naceu na Coruña. Agora entendo porqué moitas das esceas exteriores da película están rodadas nesa cidade (a pesar de estar ambientada en Madrid). Hai varios actores galegos máis ou menos coñecidos e incluso un colega meu fai un papeliño que ten unha certa relevancia.

Tamén vin hai uns días "O indomable Will Hunting". Non me chamou demasiado a atención. Como últimamente teño unha crise que me obsesiona pola divulgación científica, tiña ganas de que o "golfillo" interpretado por Matt Damon acabara de xenio matemático, pero que lle imos facer... E Robin Williams, unha vez máis, de xenio incomprendido que vai de mesías doutros xenios incomprendidos. Resulta algo patético, a verdade.

Para rematar, recomendo dúas películas que me viñeron á mente nestes últimos días.

Unha é "O tormento e a éxtase". Película de 1965 que fala da tormentosa relación entre o Papa Xulio II (Rex Harrison) e Michelangelo Buonarrotti (Charlton Heston) cando o primeiro lle pide ao segundo que pinte a Capela Sixtina. Como estiven alí hai pouco non podo evitar lembrar esta película.

E a outra é "A xeración perdida". Creo que o título traducido era ese, o orixinal é "Heart Beat", é de 1980, e os actores principais son Nick Nolte, Sissy Spacek e John Heard. Fala das relacións entre Jack Kerouac e os seus colegas, o seu estilo de vida, a escritura da súa obra mestra "On the road", etc.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2007 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Tiruleque e o Bar Galego Maeloc
Hai uns días estiven vendo ao grupo coruñés de folk Tiruleque actuando nun dos seus templos, o Bar Galego Maeloc, que estaba celebrando os seus 10 anos de vida.

O concerto non estivo nada mal, bastante calor debido ao bastante público en pouco espazo, pero moi interesante. Podedes saber máis do grupo en www.tiruleque.com

En canto ao Bar Galego Maeloc (rúa Maxistrado Manuel Artime, xusto a carón de Soweto) e o seu propietario Alberto, alédome moito de que leve tanto tempo e perviva, pero está claro que perdeu algo do que o caracterizaba antes, como o toque folk (que agora xa non é tan forte como antes), o concurso cultural e todo iso. Pero vale moito máis a pena que a maioría dos locais que hai na cidade.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2007 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal