VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A COSMOGONIA seguindo a Hesíodo
Estaría ben que buscarades quen é o autor e a quen representa este cadro barroco.

Hai outro cadro dun pintor posterior co mesmo tema, pero seguramente é máis coñecido. Trátase dun cadro de Goya, o seu famoso
"Saturno devorando aos seus fillos".

Esta historia remóntanos á Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) o libro que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos(universo ou natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.

Máis tarde, Ovidio, un poeta romano do século I, nas súas Metamorfoses dicíao así:

Ante mare et terras et, quod tegit omnia, caelum
unus erat toto naturae uultus in orbe,
quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles...


"Antes do mar e das terras e do ceo que todo o cobre, a natureza tiña un só aspecto en toda a súa extensión, á cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta..."

O propio Ovidio tras narrar a Titanomaquía da que falaremos en profundidade na próxima entrada, a guerra entre os Titáns e os Olímpicos, di sobre Saturno:

Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...

Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundo estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).

Bótalle agora unha ollada ao vídeo (parte 1/2 e 3) logo resúmeas:

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 26-09-2014 06:57
# Ligazón permanente a este artigo
Todo cambia...omnia mutant...πάντα ρεῖ...
πάντα ρεῖ καὶ οὐδὲν μένει...

Todo cambia nada permanece...

Omnia mutant, nihil interit...



"Ὁ βίος βραχὺς, ἡ δὲ τέχνη μακρὴ,...

"Vita brevis, ars longa...

A vida é breve, a arte é longa...


O que se move en ti, móvese contigo...




"ὁ δὲ καιρὸς ὀξὺς, ἡ δὲ πεῖρα σφαλερὴ, ἡ δὲ κρίσις χαλεπή."

"occasio praeceps, experimentum periculosum, iudicium difficile."

a ocasión fugaz, a experiencia confusa, o xuízo difícil."

se crítico!

Permitídeme botar man, unha vez máis de dúas citas para iniciar este novo curso:

Nunca máis escaparemos a eses Gregos” Murilo Mendes, Poliedro

Se regresamos a Grecia non é en busca dunha cultura do pasado, mais si en busca do noso estar actual na Terra”.
Sophia de Mello, O nu na antiguidade clásica.

Imos logo comezar esta andaina pola Cultura Clásica sabendo que esta achega ao mundo grecolatino non é máis que a procura dunha nova mirada, unha mirada moi sensible ao propio mundo no que habitamos e no que vivimos día a día, ese que non é quen de se librar da súa dependencia, da súa ineludible herdanza clásica.

Se somos galegos, se somos europeos, é en gran medida grazas a Grecia, e o legado dos gregos non chegaría a nós se non tivesen mediado os romanos. En grego e en latín están as verbas que dan título a esta entrada, que son o lema do presente curso: "vita brevis, ars longa... iudicium difficile"


Botémoslle unha ollada a unha das estatuas máis coñecidas do mundo clásico:


Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 17-09-2014 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
PAUCA SCIO... Vita brevis, ars longa...iudicium difficile
Pauca scio, é dicir, "ben pouco sei" que evoca palabras sabias de Sócrates, o filósofo da Grecia Clásica que camiñando pola Atenas do século V a. C. e cun gran sentido crítico ía dándolle resposta á vida. Foi un mestre, ségueo sendo pasados máis de 2500 anos daquelas reflexións. A Cultura Clásica é o que ten, baséase nesa mirada cara o pasado, consciente do paso do tempo, do pequeno que é o home, do difícil que é pensar ben pois as experiencias vitais poden ser confusas e a propia fugacidade das cousas (lembrade aquilo de que nunca te bañarás na mesma auga, todo flúe) pesa moito á hora de reflexionar, de chegar a coñecer quen somos, aquela sentencia lapidaria do coñecerse a un mesmo gnosce te ipsum, segundo rezaba no famoso templo en Delfos, o embigo do mundo helénico.

E aquela sabedoría grega, a dos atenienses e espartanos, tamén dos tebanos ou macedonios, que axiña entrou en crise pola ambición de crear un imperio, atopouse, pouco máis tarde, co poderío dun pobo menos culto, máis belicista,con máis capacidade para facelo, pero que no seu devir soubo integrar unha parte daquel legado grego como acerbo propio para dar lugar ao mundo greco-latino. Roma, antes de ser a cidade eterna, foi efectivamente un imperio que dominou Europa. Os seus exércitos, manchados co sangue das guerras de conquista, estenderon á vez polo continente, polo mundo coñecido, a lingua do amo da que nacerían as linguas romances, esas que logo asentarían os cristiáns pacíficamente. Grecia e Roma chegaron a cada territorio de xeito peculiar ao fundirse coas culturas indíxenas, como a nosa no Finisterrae, a Castrexa, que tamizarían ese cúmulo de particularidades. Este proceso de séculos que constitúe a base e o celme do que hoxe somos, serán obxecto ineludible de estudo no presente curso.

Que a viaxe sexa longa e rica en experiencias!



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 09-09-2014 07:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal