VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Da caída de Urano, a 2ª xeración de deuses
Despois do nacemento de Xea, esta enxendrou unha nova criatura, Urano, que sería logo pai dunha nova xeración de deuses da mitoloxíoa grega, os denominados TITÁNS e Titánides:

Máis tarde xaceu con Urano e trouxo a Océano o de profundos remuíños, a Ceo e
Crío e Hiperión e Xápeto, a Tea e Rea, a Temis e Mnemósine e a Febe, a de dorada
coroa e a encantadora Tetis. Tras eles naceó o astuto Crono, o
benxamín e máis terrible dos seus fillos, e éste odiou ao seu vigoroso padre.


Teogonía de Hesíodo.

A castración de Urano : O nacemento de da sErinias (ou Furias) e de Afrodita.

Os titáns foron emparellando, procura información para saber como:

Océano: Tetis
Ceo: Febe
Crío: Euribia (Filla de Pontos)
Hiperión: Tea
Xápeto: Clímene (unha ninfa)
Cronos: Rea

Daquelas unións nacerán outros novos Titáns tan portentosos como da parella formada por >Hiperión e Tea que tiveron a Helios (o Sol) ou Selene (a Lúa) que alumearán para sempre ese espazo que separa a Terra do Ceo estrelado.

Das seis Titánides iniciais só Mnemosine e Temis, permanecerán alleas ás vodas cos seus irmáns Titáns. Outros Titáns moi famososo serán os fillos de Xápeto: Atlas, Prometeo e Epimeteo.

Pero agora debemos deter os nosos pasos no matrimonio de Cronos con Rea:

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 29-09-2013 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Mitoloxía grega II : mito, literatura, filosofía, historia e arte

Un exemplo de sincretismo ou fusión das dúas compoñentes(mediterránea e indoeuropea)



QUE VÉN SENDO UN MITO?

Mito é unha palabra grega aplicada a calquera tipo de relato, tanto as alegorías de Platón, como ás fábulas de Esopo, pero o termo especializase ao designar narracións dunha época ideal transmitidos por tradición oral inicialmnete, en todo caso de época remota e imprecisa, cuxos protagonistas son seres divinos ou semidivinos.

Hoxe consideramos mitos:

O mito propiamente dito: protagonizado por deuses relacionado coa relixión. O exemplo máis evidente o mito cosmogónico do principio do mundo.

A lenda heroica: relatos protagonizados por heroes ou semideuses sendo estes dunha orixe e natureza diferentes aos dos relatos de deuses. Son feitos históricos deformados, chegando estes a relatar acontecementos pertences ao segundo milenio a. C. Un exemplo serían os Heraclidas, considerados os derradeiros heroes, por ser o seu relato o que tivo menos tempo para cargarse de elementos inverosímiles.

O conto popular: relatos que en orixe non teñen nada que ver coa mitoloxía pero que se incorpora a esta porque se diviniza o seu protagonista. Un motivo como a esposa que espera ao seu home ausente e asediada de pretendentes é o que se incorpora na lenda de Odiseo.

MITO E HISTORIA

Unha parte importante da mitoloxía semella ser historia máis ou menos desfigurada, especialmente na lenda heroica existe unha certa veracidade. Segundo Julia García Moreno hoxe contamos con máis recursos por ver se podemos a través da mesma reconstruír o pasado ao que fai referencia(no caso da guerra de Troia comprobaremos que é posible afirmar isto moi sucintamente). O mito en todo caso non é historia. A historia vén despois do mito…
Mito e tradición titula Julia García Moreno, unha parte da súa introdución a tradución de Apolodoro. En Grecia non hai nada máis tradicional que o mito. As súas raíces de entrada están na época micénica. Na súa esencia está a súa forma de transmisión: a tradición oral.
Os seus cantores eran os Aedos transmisores profesionalizados que culminan na figura (de dubidosa existencia para algúns) de Homero coas primeiras obras escritas en occiente: A Ilíada e a Odisea.Obras da épica que relatan mitos.

Existe unha verdadeira poética mitolóxica rica expresión oral e plástica que a partir da época escura, desaparecida a época micénica vai perdendo o seu carácter oral de relato tradicional (e individual o que dá pé a versións e adaptacións do relato) ata entrar na literatura: na épica, lírica, no drama ou mesmo no pensamento filosófico, un camiño do mito ao logos, do tempo/espazo mítico ao tempo/espazo real, como comenta Ricardo Olmos no seu traballo "Mito e ritos en Grecia".

No momento que se converte en escrita comeza a súa fosilización garantindo a súa conservación e permitindo unha recreación e dando pé á vez a interpretacións (un sentido, unha xustificación) diversas en función da época/sociedade que os lea.

Se cadra unha das primeiras interpretacións veu dada polos filósofos que lles dan un valor alegórico: a forza cósmica do amor (eros) era un neno alado con coroas de flores que aluden a súa capacidade fecundadora ou con cintas para atar aos mortais, esta interpretación foi provocada pola personificación que dende moi antigo se viña facendo de conceptos abstractos como a Fortuna ou o Soño ou a mesma Morte (Thánatos).

Un marcado antropomorfismo da mitoloxía que vai ter continuadas formulacións estéticas plásticas cada vez máis próximas ao mesmo home/muller.

O mito na literatura é frecuentemente usado como argumento probatorio (desde os códigos de conduta ata fines políticos).

Mito e razón. Os chamados mitos platónicos son mitos no sentido etimolóxico non de feito.

No século IV. A C. se estaba xa deixando de crer… mito era fórmula de sociedade remota e primitiva…hai outra fórmula de coñecemento a racional, (corrente que comezara dende o VI a. C.).

Pero o mito ten outra característica: a flexibilidade para adaptarse. De aí o salto á traxedia no século V a. C. outro gran invento grego ( mito versus os inventos do logos: olimpíadas, teatro, filosofía, arte plástica…)

No IV verá a humanística e a literatura mitolóxica fundamental… (Isócrates) e logo Alexandría dos Tolomeos. De aí pasará cara a Roma (poetae novi). O mito canto máis se desprende do sentido relixioso máis ten de motivo estético, cousa que manténdose ata os nosos días.

Mito e arte. En cerámica, templos e estatuaria non eran considerados ata hai moi pouco tempo unha lectura diversa dos mitos. Pero Carl Robert é o primeiro en marcar as diferenzas e autonomía da linguaxe oral da figurada que utilizan cadanseu as súas leis. Como exemplo moi coñecido, o vaso de "françois" no que Clitias 570 a. C. recrea personaxes distintos dos homéricos nas carreiras dos funerais de Patroclo. Hai mitos que só coñecemos pola plástica, outros que datamos grazas a ela, Aquiles come entrañas de osos, xabarís e leóns datado no século VII a. C. cando xa se cría que era unha medio invención helenística.

Lembrando o que é máis importante:

Como definirías un mito?
Que tipos de mitos podemos diferenciar polo seu contido?
O mito é historia, que relación teñen?
Quen son os aedos? Que sabes de Homero?
Que lle pasa ao mito ao perder o seu carácter oral?
Define o paso do mito ao logos filosófico.
En que xénero literario se instala cara o século V a.C.
Por que é tan importante a expresión plástica dos mitos?
Que lle ocorre ao mito finalmente?

LEMBRA: Por que é orixinal a mitoloxía grega?

Por conservarse dun xeito tan completo.
Pola complexidade dos seus contidos.
Por entender a cosmogonía dun xeito diferente ao común noutras moitas mitoloxías.

Comentarios (1) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 23-09-2013 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
Achegándonos á Mitoloxía Grega: Espazo e relixión
Imos logo con esta primeira reflexión da nosa unidade cero do curso na que comezaremos por preguntarnos sobre a relación dos deuses e os mortais, a orixe e sentido do mito na Grecia Antiga.
Fíxate na fotografía desa estatua grega que acompaña esta entrada. Podería ser unha muller, pero se trata dunha deusa. Esta escultura é produto dunha fonda reflexión que protagonizou a civilización grega na antigüidade na fermosa travesía na procura do saber, no descubrimento da verdade do ser e a súa relación coa natureza e cos deuses que eran concibidos como homes ou mulleres perfectos, de aí o gusto polo espido na escultura grega.

Comezamos o curso facendo caso do lema e botando unha ollada cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte...

A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente:

Que debemos saber antes de ler mitos?

I-UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO

A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.

Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa)e outras circunstancias provocaron a creación de numerosos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.

Reparemos moi rapidamente en dous Santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) ou ben cun sentido máis pacífico o santuario de Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, pero sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).

A mitoloxía mantén coa relixión grega unha vinculación dificilmente separable. Podemos dicir que a mitoloxía en principio era relixión.

O estudoso e autor literario Robert Graves deixou dito na introdución ao seu trabalo sobre os Mitos Gregos: “Un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas políticos e relixiosos que prevalecían en Europa antes da invasores procedentes do norte e do este”

Estes invasores son os pobos indoeuropeos que procedentes do centro de Europa se farán donos axiña ao longo do II milenio antes de Cristo dos territorios da antiga Hélade, tras provocar a caída dunha gran civilización, a civilización cretense de orixe mediterránea.

II-DÚAS COMPOÑENTES NA RELIXIÓN GREGA

1ª) Ctónica ou Mediterránea: centrada nas divindades da fertilidade da terra propia dos pobos agrarios do Mediterráneo.

2ª) Olímpica ou Indoeuropea: de deuses celestiais e guerreiros, traída á Hélade polos invasores do Norte e do Este.

A relixión na antigüidade era un fenómeno ligado intimamente tamén ao propio goberno das comunidades primitivas.

Nota:Antes de continuar debemos saber que:
- matriarcal: –mater “nai” + arkhé: goberno, mando, poder.

- patriarcal: -pater “pai” + arkhé: goberno, mando, poder.

J.García Lopez no seu estudo sobre a Relixión Grega di: “O encontro dunha civilización de tipo patriarcal e pastoril cunha civilización matriarcal e agrícola presidiu e determinou o desenvolvemento das grandes civilizacións de Exipto e Anatolia, Mesopotamia e Xudea. A elas hai que engadir a civilización grega”

O SINCRETISMO DA RELIXIÓN DA ANTIGA GRECIA

Di Robert Graves que un acontecemento como que a antiga deusa da Sabedoría, Metis embarazada de Zeus, fose tragada por este e que logo da cabeza do deus nacese Atenea pode asociarse á aparición dos aqueos, primeiros invasores indoeuropeos no segundo milenio (do 1800 a. C. en diante) que debilitaron a tradición matrilineal. Atenea era a filla partenoxénica de Metis, a máis nova da Tríada encabezada pola súa nai. Zeus tragou a Metis, é dicir, os aqueos suprimen o culto a deusa atribuíndo toda a sabedoría a Zeus, deus patriarcal, pero manteñen os templos de Atenea a condición de que os seus adoradores acepten a soberanía de Zeus.
Efectivamente a configuración do Olimpo é produto da fusión das dúas compoñentes. Que Zeus sexa o Deus Supremo, deus do raio e do tormentas, non impedirá certa equidade, por exemplo, no número de deusas e deuses ou no gran poder que aínda conservan. Todos os deuses terán atributos animais, un elemento mediterráneo.

Fronte a deusas feraces e fértiles como Deméter, Hera ou Afrodita, haberá deusas indoeuropeas en canto a que son celosas da súa virxinidade e guerreiras como Atenea ou cazadoras como Artemisa, aínda que iso non impedirá a existencia dunha Artemisa como a de Éfeso dotada de numerosos peitos que é claramente unha deusa con marcado carácter mediterráneo, unha mostra máis da complexidade e evidencia do sincretismo na mitoloxía grega.

CUESTIONARIO
Indica agora cal destes trazos é mediterráneo e cal é indoeuropeo:
Atenea é unha deusa virxe da guerra e o seu animal é a curuxa.
Afrodita ten un amante chamado Adonis que morrerá…
Dioniso é un mozo deus do viño que nacía e morría anualmente.
Hera é a deusa de ollos bovinos ou de vaca.
Ártemis é unha deusa cazadora e virxe, pero o seu símbolo é unha lúa .
Hermes nace nunha cova no monte Cilene igual que Zeus.
Zeus ten innumerables amantes, divinas e mortais.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 19-09-2013 06:46
# Ligazón permanente a este artigo
Consurge, aliter potest videre
Permitide botar man de dúas citas para iniciar este novo curso:

Nunca máis escaparemos a eses Gregos” Murilo Mendes, Poliedro

Se regresamos a Grecia non é en busca dunha cultura do pasado, mais si en busca do noso estar actual na Terra”.
Sophia de Mello, O nu na antiguidade clásica.

Imos logo comezar esta andaina pola Cultura Clásica sabendo que esta achega ao mundo grecolatino non é máis que a procura dunha nova mirada, unha mirada moi sensible ao propio mundo no que habitamos e no que vivimos día a día, ese que non é quen de se librar da súa dependencia, da súa ineludible herdanza clásica. Se somos galegos, se somos europeos, é en gran medida grazas a Grecia, e o legado dos gregos non chegaría a nós se non tivesen mediado os romanos. En latín están as verbas que dan título a esta entrada, que son o lema do presente curso: Consurge, aliter potest videre que significa "Esperta, outra mirada é posible".

Botémoslle unha ollada a unha das estatuas máis coñecidas do mundo clásico:





e finalmente falaremos da mitoloxía

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 17-09-2013 19:06
# Ligazón permanente a este artigo
Consurge, aliter potest videre
Expergiscere! Aliter potest videre!



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 07-09-2013 08:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal