VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NARCISO NA PROCURA DO EU

…pide que o camiño sexa longo, rico en experiencias, en aprendizaxes
Konstantínos Pétrou Kaváfis



Estreamos hoxe venres 29 de maio a nosa versión do mito de Narciso. despois dun longo percorrido que vai dende a plantación dos narcisos en outono, da floración na primavera, agora ímolo ver morrer en escena.
Imos ao teatro a ver, porque a vida é mirar, unha mirada reflexiva que o teatro reflicte como un espello. Un actor e un personaxe son realmente espellos de nós mesmos.
Narciso é un dos mitos máis dramáticos da mitoloxía grega, un fermoso eco das crenzas que había na antigüidade arredor do misterio da floración en primavera, ese rexurdir cíclico das plantas.
Pero aquel Narciso foi medrando e acumulando simbolismos que nos levan a reflexionar hoxe, no ano de Darwin, sobre a propia evolución do “homo sapiens” coma un proceso de coñecemento constante de si mesmo que tal vez nunca deberá culminar. O ser humano deberá superarse sabéndose finito e limitado, nunha eterna procura da súa identidade.
Neste curso que falamos sobre a interioridade, reflexionamos sobre o absurdo do EU sen un NÓS. Por iso aparece Eco a carón de Narciso, para evidenciar esa necesidade. O amor é unha das mellores e máis habituais vías para explorar esa proxección do eu nun nós.
Logo está o tema do espello, da imaxe que de nós mesmos temos, ou do que de nós mesmos descoñecemos, a pesar de mirarnos a ese espello cada mañá.
Textos de Platón, Ovidio ou Cortázar e tamén o catálogo da exposición da Domus da Coruña sobre Darwin contribuíron a dar forma a esta persoal e singular adaptación coral do mito grego de ECO e NARCISO.

AULA DE TEATRO San NARCISO 08/09
Narcisos: Ángel Rodríguez, Noel Fandiño, Alejandro Roldán, Iván Santiago, Samuel Acuña, Breogán Veiga.
Ecos: Flor Corvalán, Belén Diz, Paula García, Jessica Pastoriza, Andrea Rodríguez, Alba Moraña, Nerea Pazos e Sara Pereira.
Coreografía: Ángeles Marín.
Vídeos: Alumn@s 4º Eso B e Darío Suárez.
Luz e Son: Conchi Pérez e Dani Vidal.
Dirección: Manuela Rodríguez e Héctor Silveiro.
Categoría: 4ºB 08/09 - Publicado o 29-05-2009 07:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal