VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RELATOS VERÍDICOS: LECTURA DO 3º trimestre
Esta obra de Luciano de Samósata autor grego que viviu no século II é unha disparatada creación imaxinativa e divertida na que o autor pretende non dicir ningunha verdade. É unha parodia dos libros de viaxes da Antigüidade, entre eles da Odisea, pero é unha inesperada aventura que nos levará á lúa e a unha especie de guera das Galaxias entre outras cousas.

Aproveitade estas vacacións para localizar unha fermosa versión traducida ao galego recentemente aparecida con moi ampla e boísimas notas que axudan a un lector novo no mundo clásico.

Acaba de saír en Ed. Rinoceronte a tradución ao galego dos Relatos Verídicos de Luciano de Samósata, a cargo de dous licenciados en Filoloxía Clásica: Xurxo Pereira e Xosé Abilleira. A edición presenta unha breve pero interesante introdución, notas aclaratorias moi pertinentes e un índice de nomes ao final.

Relatos verídicos ocupa un lugar destacado dentro da extensa obra de Luciano de Samósata. A obra ten un marcado carácter paródico, pois a intención do autor é entreter o lector mofándose dos autores de relatos prodixiosos e lendarios da tradición literaria grega e latina. Neste divertimento novelesco, narrado en primeira persoa, o barco no que navega Luciano chega á Lúa tras ser arrastrado por unha tempestade e viaxar polo aire durante sete días. Alí o autor válese da súa fecunda imaxinación para narrar as súas aventuras entre os selenitas. A obra tivo unha grande influencia posterior, sobre todo a partir do século xViii, pois está na cerna da Historia cómica dunha viaxe á lúa de Cyrano de Bergerac ou As Viaxes de Gulliver de Jonathan Swift. Luciano de Samósata naceu arredor do ano 120 da nosa era na cidade comercial de Samósata, á beira do río Éufrates. Viviu nunha época dourada do imperio romano, tanto no que respecta á paz e prosperidade comercial, como no eido da cultura. Luciano foi contemporáneo do emperador Marco Aurelio e do novelista latino Apuleio; viaxou moito por Asia Menor, Palestina e a Galia, e coñecía Atenas e Roma. Conservamos unhas 80 obras súas, case todas de breve extensión, variada temática e diversos xéneros (sátiras, diálogos, novelas curtas, discursos...). É un dos autores máis enxeñosos e agudos do seu tempo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2011 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal