VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Filosofía, teatro e democracia en Atenas.
A influencia da filosofía e da democracia no teatro grego:

A invención do teatro está intimamente ligada a evolución política de Atenas, e esta evolución tamén é unha consecuencia do paso do mito ao logos, é dicir, da aparición da filosofía, do coñecemento do mundo e do ser humano con carácter científico.

Se o lema "coñécete a ti mesmo" do templo de Apolo en Delfos (o templo data do século VII)auguraba os mellores tempos para a filosofía grega, non poderemos entender tampouco a evolución dos ritos sagrados de Dionisio cara a unha manifestación cargada de ideoloxía do teatro en Atenas. O teatro é unha ferramenta política da Atenas democrática para concienciar, popularizar e difundir o novo réxime político e as súas institucións. Un exemplo moi claro podemos velo na obra das Euménides de Esquilo, onde se pasa do mito ao logos, de deidades primitivas como as Erinias a deuses novos como Apolo/Atenea que promoven novas fórmulas de goberno e das súas institucións (Areópago).

O interese da filosofía polo mito como exemplo e reflexión sobre a existencia humana, a súa realación cos deuses,etc... propiciou axiña a súa aparición no teatro cun uso moi semellante.

A función dos mitos que a traxedia utiliza e remodela ou reinventa, consiste en ser a expresión dunha "época pasada", con patróns políticos caducos e obsoletos, que se mostra como "allea" en relación coas normas actuais, as novas formas de goberno da polis de Atenas.


E se a traxedia escolle o mito e unha linguaxe elevada e transcendente para educar ao pobo. A Comedia ateniense do século V a.C. é claramente política e se sitúa no medio do debate a crítica aberta das opinións contrarias como podemos comprobar nas obras de Aristófanes.

Os mestres da verdade (tanto autores tráxicos como de comedias) son conscientes da función do teatro, pero tamén os propios gobernantes que se implicaban na organización dos concursos teatrais, presidían as repesentacións e procuraban habilitan espazos como o teatro de Dionisos en Atenas que reunían a máis de 15.000 persoas ao redor destes eventos de masas e de gran transcendencia social.

A traxedia e a comedia permitían o encontro cos límites da condición humana e coas leis que regulan tal condición no contexto da polis, á vez que posibilitaba e fomentaba a unidade dos cidadáns. Pero o teatro non só reunía a pobo na diversión, senon que tamén -sobre todo-, o educaba (tiña unha función pedagóxica e identificadora -construtora da identidade social-, na sociedade ateniense).

O teatro serviu desta maneira, para vehicular os ideais democráticos que naceron en Atenas e que facía ver a outras cidades tamén a través das representacións teatrais, ben porque se exportaran dende alí, ou debido aos espectadores estranxeiros invitados ás Grandes Dionisíacas.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 31-03-2016 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
DE DELFOS A ATENAS nas Euménides de Esquilo

A traxedia de Esquilo titulada Euménides, non deixa de ser unha peza tráxica realmente chamativa porque, entre outras cousas, aínda que parte dunha serie de asasinatos e toca temas transcendentais que aborda un heroe como Orestes, non remata coa morte do mesmo.

Forma parte dunha triloxía (algo habitual),de feito é a única do autor que se nos conserva, pero á vez é, das tres obras das que forma parte, a menos representada: Agamenón e As Coéforas foron con moito sempre máis populares.

As últimas adaptacións realizadas desta obra deixan ver a todas luces a súa singularidade. Aínda que contamos cun traballo da Universidade de Barcelona moi interesante e completo para podérmonos achegar a esta obra de Esquilo, imos realizar unha síntese que nos permita entender cales son estas peculiaridades a grandes trazos.

DE DELFOS A ATENAS

A obra sitúa a acción en dous lugares ben distintos e distantes, en lugar dun só espazo como é o que acontece con case que todas as obras conservadas. Os espazos son o santuario de Delfos de Apolo e a democrática Atenas.

Ao utilizar o adxectivo democrática, estamos indicando dalgún xeito unha segunda característica específica das Euménides: o salto do tempo mítico ao tempo coetáneo á representación, é dicir, a Atenas do século V a. C. Fanse mencións a institucións e apelacións directas á cidadanía ateniense do momento, cousa tamén estraña á traxedia grega.

Xa indicamos un tercer aspecto raro como é que o heroe, lonxe de morrer, viva.

O desprazamento de Delfos a Atenas, que vén acompañado da presenza de dous deuses "novos" é fundamental para entender a trama desta peza que xira ao redor da xustiza e que nos leva á reflexión sobre o nacemento de novas formas e leis para conquerir unha verdadeira xustiza. Logo o desprazamento espacial ten tamén unha lectura política e social.

É moi importante sinalar que o teatro nace e ten unha compoñente relixiosa innegable, pero á vez é incuestionable que evoluciona cara a unha fórmula política e didáctica de socialización. As obras de teatro son dependentes do poder e contribúen poderosamente a perfilar moralmente ao conxunto dos cidadáns de Atenas. O teatro é unha ferramenta moi útil para educar á sociedade desta polis que estaba en pleno desenvolvemento dun novo sistema político chamado democracia.

Neste sentido Esquilo entendeu perfectamente a funcionalidade do xénero do que foi un deses mestres da verdade, se ben aínda non é quen de centrar os conflitos plenamente no ámbito humano e outórgalle aos deuses un papel central nas súas tramas.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 28-03-2016 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
Das Troianas ás Asambleístas
No día da muller imos quedarnos cuns 25 nomes da muller da GRECIA ANTIGA e un pequeno grupo complementario de ROMA, unha proposta para investigar e desenvolver:

1- TROIANAS: Hécuba, Casandra, Andrómaca...



2- AMAZONAS: Pentesilea...

3- NA ODISEA: Penélope versus Circe, Calipso...

4- EN MICENAS: Ifixenia,Clitemnestra, Electra...

5- ENTRE OS ARGONAUTAS: Atalanta, Medea...

6- EN TEBAS: Antígona e Ismene...

7- AS MULLERES ANÓNIMAS DA HISTORIA: Escravas e estranxeiras...

8- EN ATENAS: Aspasia, Lisístrata e as asambleístas...

9- NA GRECIA HELENÍSTICA: Hipatia

10- EN ROMA: Das Sabinas e Lucrecia ás mulleres dos emperadores Livia ou Teodosia, anónimas nas lápidas ou peregrinas como Exeria.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 07-03-2016 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
PROBA DA ÉPICA
Para preparar esta segunda proba escrita da 2ª Avaliación debemos saber ler a Homero e ter certo hábito de lectura da Ilíada, un dos textos máis antigos de Europa (na proba aparecerán textos seleccionados).

A Historia da Grecia da escuridade á Grecia Arcaica, Clásica e Helenísrtica. Características que definen cada unha destas etapas.

A verdade sobre Troia: A Troia da Arqueoloxía.

Os espazos da guerra de Troia.

Lendo a Homero: o tema e o contido da Ilíada.

As diferenzas coas versións cinematográficas.

Como remata a Guerra de Troia?

A Odisea de Homero ( comezo das aventuras de Ulises).

A Eneida de Virxilio (de Troia a Roma)

O calendario: Marzo, primeiro mes do ano.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 04-03-2016 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
MARZO, O PRIMEIRO MES DO ANO
Marzo é o mes de Marte, un deus etrusco que pouco a pouco foi asociado como deus da agricultura ao da guerra que os gregos chamaban Ares.

Iniciemos pois unha pequena reflexión sobre o cómputo do tempo tempo moi presente que o calendario tal e como o coñecemos hoxe, débelle moito aos romanos.

Deamos unha resposta ás seguintes cuestións:

Por que escollerían os romanos e outros pobos o mes de marzo para comezar o ano?

Por que este mes se lle dedica ao deus Marte?

Como é que o mes de xaneiro pasou a ser logo o primeiro mes do ano? Cando ocorreu tal cambio?

Cal é o significado do nome de febreiro? Que festas realizaban os romanos neste mes? Con que outras festas da nosa terra poden ter relación?




LER PARA SABER

1.Calendarios solares e calendarios lunares:
Os problemas dos calendarios nacen de que nin no ano solar(365 d., 5h., 48´ , 46¨ )nin o ano lunar(354 d., 8h., 48´) son divisibles sen residuo entre 12 meses ou lunacións, nin tampouco equivalentes entre eles, de xeito que faciliten unha medida única para os dous fenómenos astronómicos que tanto inflúen na actividade humana:Sol e Lúa.

Os exipcios seguían un calendario solar.Os musulmáns o lunar. Os gregos usaban un calendario lunisolar(ano lunar de 345 días,pero adaptado ó sol, engadindo periodicamente un mes 13º.para agaedaren polo sol.Na Grecia clásica ese mes engadíase cada 4 anos e deu orixe ás Olimpíadas).

2.O ano romano:
Os romanos tiñan un ano inicialmente lunar que empezaba en marzo, como demostran os nomes dos meses derradeiros:DECEMBER(mes 10º), NOVEMBER(9º), OCTOBER(8º), SEPTEMBER(7º), SEXTILIS(6º), QUINTILIS(5º).

Os demais meses estaban adicados a IANUS(Iahuarius"xaneiro"), FEBRUA e Febres(frebarius"febreiro"),a MARS(Martius"marzo"), a APRILIA, unha dubidosa etrusquización de Afrodita ou ás festas parilias(Aprilis"abril"), á parella MAIUS-Maia (Maius "maio") e a IUNO (Iunius "xuño").Marzo,maio,quintilis e outubro levaban 31 días,febreiro 28 e o resto 29.Para concordaren este ano lunar co curso do sol,o Pontifex Maximus cada dous anos engadía o mensis intecalaris de 20 días.

3.A partir de cando se contan os anos:
Como sabes,hai moitas eras a partir das que conta-los anos,segundo as diversas culturas ou acontecementos.Hoxe contamos pola era cristiá.No mundo clásico usáronse sobre todo a das Olimpíadas e a romana.

Era das Olimpíadas:sistema usado polos gregos, de períodos de catro anos empezando pola primeira Olimpíada(776 a.C.) en que saíu vencedor Corebo de Elea.

Era romana.Tiveron varios sistemas:
*AB VRBECONDITA(A.V.C.): dende a fundación da cidade(753/754 ou mesmo 750 a.C.).
*POST REGES EXACTOS:dende a expulsión dos reis (509 a.C.;era menos usada).
*CICERONE ET ANTONIO CONSULIBUS"sendo cónsules Cicerón e Antonio" (63 a.C.);polo nome dos dous cónsules que ese ano gobernaban:a máis usada.A lista dos anos ordenados así eran os fasti consulares.
*ANNO QUINTODECIMO IMPERII TIBERII CAESARIS "no ano 15º. de goberno de Tiberio César"(29 d. C.);polos anos que o emperador levaba no poder.O exemplo é do evanxeo de Lucas (3,1).

4.¿Como se contan os días do mes?
Xa vimos que os 12 meses son unha reminisciencia das 12 lunacións que aproximadamente ten o ano.Hoxe contámos os días polo número de orde a partir do 1º.Mais non sempre foi así.
Os romanos tiñan no mes datas fixas(Kalendae,Nonae e Idus) e contaban os días que faltaban para chegar ó próximo deses feitos temporais,coa particularidade de contaren ó xeito romano (incluíndo día de partida e día de chegada).
KALENDAE:día 1.Antigamente o rex sacrorum convocaba (kalare) a unha xuntaza na que anunciaría cando ían ser ese mes as Nonae e os Idus e outras festas.
NONAE:oito días antes dos Idus (noveno,polo sistema romano).Eran o 5,non sendo en marzo,maio,xullo e outubro (mar-mai-iul-oct) que caían o 7.Adornaban o lar con flores.
IDUS: Iduare é un verbo arcaico que significa "partir en dous", é dicir,dividían o mes. Eran o 13 de cada mes anon ser nos meses de marzo, maio, xulo e outubro que eran o 15. Parece ser que os días do idus eran os de lúa chea, mentres os das Kalendas os de lúa nova.

5.Saberías poñer a data do teu nacemento á romana?
Aplica estas cinco normas:
-Se naciches o primeiro día porás "Kalendis" e o mes que sexa, por exemlo "Februarii".
- Porás "Idibus" se naciches o día 13 de todos os meses agás do de marzo, maio, xullo ou outubro que porás "Idibus" se naciches no día 15 do mes.
- Se naciches nas Nonas porás "Nonis" ( xa sabes o día 5 a non ser en marzo, maio, xullo ou outubro que coincide no día 7.
-Pero se naciches calquera outro día tes que contar cantos días faltan ben para as nonas, ben para os idus, ben para as kalendas do seguinte mes, sempre como o facían os romanos o día de partida(o do teu aniversario) e o día de chegada a data fixa que corresponda(nonas, idus ou kalendas). Por diante debes colocar estas palabras " ante diem ". O día 17 de febreiro sería no cómputo á romana "ante diem XIII kalendas martias" , é dicir que faltan 13 días segundo contan os romanos para o día primeiro de marzo.
- Só queda un detalle importante se naciches o día antes de calquera desta datas sinaladas das kalendas , nonas e idus debes poñer tan só "Pridie kalendas, nonas ou idus" do mes que corresponda. Por exemplo o que naceu o 31 de decembro á romana sería "Pridie kalendas ianuarias".
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 01-03-2016 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal