VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O documental sobre OLIMPÍADAS
Podedes ver a primeira parte aquí ou a segunda o vídeo aquí

A CARREIRA DO HOME GREGO POR COÑECERSE
“¡ Olimpia, nai dos Xogos de áureas coroas!¡ Soberana da verdade, onde os adiviños coa súa observación do lume dos sacrificios, tantean os designios de Zeus de refulxente raio para ver se ten nalgunha estima aos homes que anhelan de corazón acadar unha gran gloria e respiro as súas fatigas! Pois grande é sempre a gloria de quen recibe o teu espléndido galardón”
Píndaro: Olímpica , 8, 1-5.
O atletismo é un fenómeno no que descubrimos orixes en moitas civilizacións orientais desde o terceiro milenio a.C. Segundo mostran os obxetos arqueolóxicos atopados, os sumeiros, os babilonios e os asirios practicaban diversos deportes, pero en todos os casos tratábase dun deporte de mero entretemento, para diversión dos que participaban neles. Pola contra, na Antiga Grecia o deporte non só formaba parte de vida cotiá dos cidadáns senon tamén parte esencial da educación, encamiñada a crear ciudadanos máis alá de adestrar guerreiros. Este feito é o único na historia universal, porque se dá exclusivamente na Antiga Hélade e desaparece coa súa decadencia. Polo tanto, non nos equivocamos ó decir que foi neste país onde se creou a idea do deporte.
No territorio grego coñecíanse deportes, en Creta concretamente, dende a época minoica, pero quen lle outorgaron carácter de competición foron os micénicos, un pobo bélico, de ideais heroicos, un pobo cun fondo sentimento de competitividade.
Foron eles os que inventaron as carreiras pedestres, a loita libre, o puxilato, e o máis aristocrático dos deportes, as carreiras de carros. Probablemente, os deportes que
menciona Homero, como o lanzamento de disco, o tiro con arco, a loita con armas e o lanzamento con xavelina, teñen a súa orixe na época de decadencia do mundo micénico. O último foi o salto de lonxitude, xa que só aparece nomeado na Odisea.
A orixe dos Xogos Olímpicos e a súa relación cos deportes da época prehistórica é algo que aínda seguen debatindo os especialistas no tema. Parece máis próxima a realidade a teoría de que os xogos gardan relación coas competicións en honor os heroes mortos, como cerimonias funerarias de carácter relixioso e intimamente ligadas aos seus valores culturais.
Olimpia,o berce dos Xogos onde os gregos competirán entre iguais para manifestar a súa diferencia, está situada na rexión da Élide no noroeste da península do Peloponeso, cuxa capital, Elis acollía aos atletas uns meses antes do inicio das competicións, que se celebraban no recinto sagrado do Altis ao pé do monte Crono, na confluencia dos ríos Cladeo e Alfeo.




Olimpia, na Grecia antiga, é o berce do espírito olímpico e do deporte tal e como o entendemos hoxe. O deporte máis alá dun entretemento ten unha forte funcionalidade social por iso forma parte da educación do cidadán memso por riba da preparación dun bo soldado.

Se ben na etapa cretense ou minoica había xa exercicios acrobáticos con intencións relixiosas e probas de iniciación como o puxilato, logo na etapa micénica coñecemos competicións na honra dos mortos como relata Homero, os Xogos Olímpicos parecen nacer na época arcaica.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 29-03-2012 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
OLIMPIA: Á PROCURA DA VERDADE DO HOME GREGO
Unha ollada atrás, cara o Mediterráneo.
Ao estar tan próximas as Olimpíadas será esta unha das primeiras Unidades deste curso 2011/12.Propoñémoslles aos alumn@s unha visualización da exposición realizada o ano pasado, botar unha ollada cara o Mediterráneo na Antigüidade:

Grecia é un país montañoso, chea de accidentes naturais e vales profundos. Esta complexa xeografía e as distintas invasións de tribus procedentes do norte e de orixe indoeuropeo, propiciaron a formación de rexións diferenciadas e facilitaron a existencia de diversas cidades estado ailladas, chamadas “polis”. Olimpia entrará na historia no 3000 a.C.
ETAPAS DA HISTORIA GREGA
Época pre-grega ou minoica(2600-1500 a.C.)
Predominio de Creta, o exército era naval e as cidades non tiñan murallas. En Olimpia parece haber un santuario adicado a Xea, a deusa Terra, á que se lle adican cultos agrarios da fertilidade propios das culturas mediterráneas.

As primeiras invasións, a etapa micénica
Os primeiros gregos, pobos indoeuropeos, dominaron o sur de Grecia entre 1600 e 1200 a.C. O seu principal asentamento foi Micenas, no Peloponeso. Os micénicos eran guerreiros constructores de cidades fortificadas que recorreron o Mediterráneo buscando metais como cobre, estaño e ouro.É a época da guerra de Troia. Existe unha escritura en silabarios e as competicións deportivas na honra de heroes mortos é unha práctica habitual.

Época doria, unha etapa escura (1100-776 a.C.)
A invasión dos dorios, outra tribu grega que usa o ferro, coñecida na mitoloxía como “o retorno dos Heraclidas” provoca grandes movementos da poboación buscando un asentamento definitivo. Período confuso no que mesmo desaparece a escritura e impónse novos cambios nos cultos relixiosos, aparecendo como deus máis venerado Zeus..



Época arcaica: a maduración da cultura da polis. (776 a.C.-490 a.C.)
Cara o século VIII a.C. vai impoñéndose unha nova dinámica, a da colonización, o comercio por todo o mar Mediterráneo e a consolidación da polis, a cidade estado. Co uso do alfabeto e da moeda, a recuperación da escritura e a posta en marcha de eventos como os Xogos Olímpicos vai nacer a sociedade que fará inmortal a súa cultura.
A GRECIA ARCAICA DAS POLIS E O DEPORTE
A partir do século VIII a.C. os gregos comenzaron a construír cidades, soían facelo arredor dunha gran rocha elevada (acrópolis) para que a súa defensa resultara máis doada. Adornaban as súas cidades con numerosos edificios fermosos entre os que non podían faltar nin o templo nin o ximnasio. Cada unha tiña a súa moeda, as súas leis e costumes, pero os deuses e a lingua eran comúns a todas as cidades da Antiga Hélade. Esa identidade que os levou a combater a inimigos comúns fai tamén que se xunten relixiosamente en Olimpia a cada catro anos, é o que lles fará sentiren a manifestación deportiva dunha mesma maneira, pois os xogos gregos que se celebraban en moitas das polis gregas, despois do éxito dos de Olimpia, evidencian unha complexa concepción relixiosa e política do mundo. Quizais o espíritu agónico, ese gusto ritual pola competitividade tamén sexa culpable do declive do mundo grego ao non saber manter ese equilibrio preciso entre a igualdade e a diferencia.


Época Clásica: o esplendor cultural grego entre escravos e guerras. (490 a.C.-323 a.C.)
O imperio persa unirá contra un inimigo común a todas as cidades gregas nas chamadas Guerras Médicas. Foi o momento de maior esplendor dos xogos de Olimpia (500-478 a.C.) Atenas inventa a democracia e, tras da súa supremacía no mar, a Liga de Delos. As diferencias entre Atenas e Esparta, potencia militar terrestre, darán lugar a Guerra do Peloponeso, unha guerra fratricida que facilitará a entrada dos macedonios na política grega. Ao final desta época Alejandro Magno conquista Grecia.

Época helenística: comezo dun lento declive.
Fragmentación do imperio de Alejandro e Atenas deixa de ser o centro do mundo a favor de Alexandría. Os Xogos Olímpicos van perdendo relevancia pola guerra en Oriente e a decadencia política e social. Os xogos tiveron unha evolución paralela á da civilización helena, pero non esmoreceron por completo ata a época en que o imperio romano fai oficial o Cristianismo.


I- OLIMPIA: A CARREIRA DO HOME GREGO POR COÑECERSE
Fai un mapa do Mediterráneo e localiza Olimpia e a península do Peloponeso.
- O deporte tal e como o entendemos é un invento grego porque:
a)
b)
II- A GRECIA ANTIGA, O BERCE DO ESPÍRITO OLÍMPICO.
- ¿Que destacarías como máis peculiar das actividades da Antiga Grecia?
- ¿En que época nacen e se desenvolven os Xogos Olímpicos?
a) Na etapa anterior á chegada dos pobos indoeuropeos que falan grego
b) Na época que florecen as polis e o dominio comercial grego por mar
c) Na época da conquista dos romanos de Grecia.
III- ORIXES MITOLÓXICAS DOS XOGOS.
-¿Quen era Pélope, e que pasou con Hipodamía? ¿Por que din que fundaron uns xogos en Olimpia?
-Quen é o fundador máis popular dos Xogos olímpicos e que plantou a carón do Santuario?
IV- A ORGANIZACIÓN DAS OLIMPÍADAS.
- ¿Quen organizaba os xogos e a cada canto se realizaban?
- ¿Que era a Tregua Sagrada?
V- XOGOS NA HONRA DE ZEUS OLÍMPICO.
- Por qué se di que as Olimpíadas teñen carácter relixioso.
- Quen foi o autor da gran estatua Zeus que anteriormente en Atenas fixera unha de Atenea.
VI-ESPAZOS NA OLIMPIA DOS XOGOS
- Que é o Altis
- Cales eran o nome e os símbolos cos que se identifica ao deus máis importante de Olimpia.
- Onde se realizaban as probas deportivas de Olimpia
VII- AS PROBAS GIMNÁSTICAS I:
-Onde se realizaban as carreiras pedestres
-Qué tipos de carreiras a pé había en Olimpia
- Qué diferencia a topas coas que se levan acabo hoxe en día.
VIII-AS PROBAS GIMNÁSTICAS II:
-Qué diferencia atopas entre o salto de lonxitude de hoxe e o que se practicaba na Antiga Grecia.
-Que significa a palabra grega “discobolo”
IX- AS PROBAS HÍPICAS
-Qué tipo de probas se realizaban no hipódromo
- Sabes que as coroas de vencedores destas probas non eran para o xinete, si para os donos do cabalo/os ¿por que?
a)Porque os xuíces olípicos eran moi inxustos.
b)Porque os xinetes morrían todos nestas competicións tan duras.
c)Porque era un deporte aristocrático e só os ricos podían pagar unha cabaleiría.
X – A MULLER NAS OLIMPÍADAS
-Por que non competían as mulleres nas probas das Olimpíadas. Busca un motivo:
a)Si había competicións femininas, pero non eran en honra de Zeus
b)Porque tiñan menos preparación física.
c) Porque había homes espidos no estadio.
A quen estabam adicadas as probas feniminas máis antigas, posible orixe dos Xogos en Olimpia.
a) Estaban adicadas aos deuses do mal
b) Eran probas rituais adicadas á Deusa Nai, deusa mediterránea da fecundidade dos campos.
c) Estaban adicadas a deusa do amor.
XI- O ESPIDO NAS COMPETICIÓNS.
-Por que corrían espidos os gregos:
a) Para demostrar que eran iguais uns aos outros.
b) Porque pensaban que a perfección do corpo era unha manifestación do poder dos deuses.
c) Porque competían máis cómodos ao non haber mulleres no estadio.
XII-AGÓN(COMPETICIÓN) E NIKÉ ( VICTORIA).
-Por qué os gregos tiñan ese gusto pola competición:
a) Polo seu egoismo.
b) Por unha demostración aristocrática de valor e o seu afán de superación.
c) Por que gañaban moito diñeiro nos premios.
-Cales eran os premios nunha olimpíada:
XIII-O XIMNASIO E A VIDA DOS ATLETAS.
- En cada cidade estado grego non podía faltar un ximnasio, por qué se chama así:
- Para qué se empregaba o aceite por parte dos atletas.
XIV- OS OUTROS XOGOS PANHELÉNICOS.
- Qué significa “panhelénicos”
- Cales eran os outros xogos e a qué deus se dedicaban:
Nemeos: Poseidón
Pitios: Heracles, fillo de Zeus
Istmicos: Apolo

XV- DECADENCIA DOS XOGOS
- Cal cres ti que poden ser dúas causas da decadencia dos xogos:
a)Perdida do espíritu olímpico ao ir profesionalizándose máis os atletas
b) Pola presión dos emperadores cristianiáns que fan destruir o templo de Zeus
c)Porque os turcos roubaron a estatua de Zeus Olímpico.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 26-03-2012 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
EDIPO REI
EDIPO E A FAMILIA DOS LABDÁCIDAS
Edipo é un personaxe mitolóxico, fillo dos reis de Tebas Laio e Iocasta. Ao nacer, un oráculo revela que matará o seu pai, ante o cal decídese que morra. Un pastor é o encargado de executalo, pero só o abandona no monte, no que é atopado por outro pastor, no leste de Corinto, o cal o leva ante os reis de Corinto, que o adoptan dada a súa incapacidade para ter fillos.
Edipo medra, e sendo xa un home, escoita que matará o seu pai e xacerá coa súa nai. Horrorizado, marcha de Corinto sen destino fixo. Nunha encrucillada de camiños atopa un home ancián, que resulta ser Laio, co seu séquito, e logo dunha trifulca, Edipo mátaos a todos, descoñecendo as súas identidades, excepto a un que resulta ser o mesmo pastor que o abandonou.
Cando Edipo chega a Tebas nos arrabaldes atopa á Esfinxe, un monstro que se alimenta dos viaxeiros e ten atemorizada a Tebas, que lle propón unha adiviña, Cal é o único animal que anda con dous pés, con tres pés e con catro pés?, que Edipo resolve dicindo que é o home, pois de meniño anda de gatas, mais tarde só sobre os dous pés, e de vello usa un bastón como terceiro pé.
Os habitantes de Tebas danlle como mostra de gratitude o trono baleiro e a man da raíña viúva, Iocasta. Entón comeza unha epidemia en Tebas, que se revela causada pola presenza dun home impío na cidade. Este ha de ser o asasino do anterior rei, que permanece impune. Trala consulta do adiviñador Tiresias, que logo de intentar calar, acaba deixando ver a verdade, que o asasino é o propio Edipo; Edipo acúsao de ser o cómplice dunha conspiración do seu cuñado Creonte para ocupar o trono.
Posteriormente os acontecementos dan unha volta dramática ao chegar un emisario de Corinto anunciándolle a Edipo a morte do seu pai adoptivo, ante o cal ve que a profecía non era correcta. Comentándoo con Iocasta, esta fala do seu fillo, supostamente morto, e da súa profecía. Ambos os dous van falando e percatándose da verdade, polo cal chaman á única persoa que poderá contala enteira, o pastor.
Tras chegar o pastor á corte e contar a verdade, Iocasta afórcase e Edipo cégase cravándose os broches da súa muller nos ollos. Posteriormente, diríxese ao desterro, acompañado das súas fillas, Antígona e Ismene. Diríxense a Colono, onde morrerá molestado polos seus sete fillos, os cales dispútanse o trono da cidade nunha guerra fraticida, que gañaría quen tivese o seu cadáver. Finalmente todos morren.
O mito de Edipo é tratado por diversas traxedias clásicas, dentro da saga tebana, destacando a traxedia Edipo Rei de Sófocles. Outras traxedias desta saga son Edipo en Colono e Os sete contra Tebas.
Edipo tamén dá nome a un complexo psicolóxico, o Complexo de Edipo.
Dicimos “familia dos labdácidas” a todos os que decenden de Labdaco (o avó de Edipo).
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 26-03-2012 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
NO FESTIVAL GRECOLATINO DE LUGO

Como todos os anso este curso tamén asistimos ao Festival Grecolatino de Lugo. Fomos ver dúas obras que traballamos e lemos previamente e que curiosamente, a pesar de ser de autores distintos gardan entre si certa relación como se verá. Como se aprecia na foto gustounos a versión que fixeron das Troianas o grupo "El ruiseñor" de A Coruña.
As obras en cuestión son TROIANAS de Eurípides e TESMOFORIANTES de Aristófanes. Ademais puidemos ver o Museo Provincial de Lugo, paseamos pola Muralla romana da cidade e vimos s exposición itinerante que a Fundación "La Caixa" presenta nesta cidade ata o 28 de marzo e que titula "Romanorum vita" sobre a vida cotiá nunha cidade romana de hai 2000 anos.

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 19-03-2012 07:01
# Ligazón permanente a este artigo
Xéneros, autores e ciclos do teatro grego
A TRAXEDIA

A orixe do nome da traxedia ponse en relación co culto á fertilidade no que aparecen os sátiros “tragoi”(machos cabríos) . Os oferentes de Dionisio disfrazábanse así porque era esa forma de aparición do deus. "Tragodia"será o canto dos machos cabríos, dos sátiros, segundo Aristóteles este novo xénero dunha evolución do drama satírico, producida gracias a introdución dun personaxe que dialoga co coro atribuído ao autor Tespis. Os cantos rituais dos coros irán perdendo relixiosidade pasando a ser un canto heroico. Esquilo máis tarde introducirá o segundo actor protagonista, e Sófoclés contará con un terceiro actor para os diálogos co que pouco a pouco a extensión dos cantos líricos do coro redúcese. Mentras o dos protagonistas medra pasándose dunha forma lírica a outra fórmula onde importa máis a análise de caracteres. A traxedia xirará arredor dunha vivencia transcendental e de carácter universal pola que pasa o heroe, obriga a facer unha reflexión sobre sobre o home de aí a intemporalidade da traxedia. Entendeuse deste xeito o teatro coma un medio válido para a educación dos cidadáns.


OS MESTRES DA VERDADE

En Grecia e en Atenas, en especial, tiñan unha gran predilección polos autores teatrais considerados mestres da verdade pola súa función educadora. Destacan tres autores tráxicos.

ESQUILO 525-456 a. C. Dise que escribíu 90 obras das cales conservamos 7 completas: “As Suplicantes”, “os Persas”, “Sete contra Tebas”, “Prometeo encadeado”. É autor tamén da triloxía que xira sobre o mesmo tema: “Agamenón”, “as coéforas” e “as Euménides”. No concurso das Grandes Dionisias do ano 468 a.C. foi derrotado por Sófocles. Os seus personaxes manteñen sempre unha gran dependencia das divinidades e sufren unha fonda dor.






SÓFOCLES. 495-405 a.C. Consérvanse del tamén 7 traxedias: “Aiax” “Antígona”, “Traquinias”, “Edipo rei”, “Electra”, “Filoctetes”, “Edipo en Colona” e o drama satírico “os sabuesos”. Son obras dun poderoso transfondo humano, que á vez reflicten o esplendor político da Atenas de Pericles.


Antígona, nunha versión cinematográfica de 1961:







E unha de tantas adaptacións modernas:



EURÍPIDES 484-406 a.C. Algunhas das súas obras conservadas son “Andrámaca”, “As Heraclidas”, “as Troianas”, “Helena”, “Medea”, “Electra” e “As Bacantes”. Achégase máis a aspectos cotiáns como a relacións entre as persoas, a situación da muller,a guerra, o amor, preferindo unha expresión retórica e elaborada.

Moitos son os misterios, pero nada máis misterioso que o home...ensinouse a sí mesmo a linguaxe e o alado pensamento asemade as civilizadas formas de rexirse...
Coro de Antígona de Sófocles.

Troianas vesións en cine e teatro moderno:





A COMEDIA

Procede o seu nome dos cantos xocosos dos campesiños, asociados tamén ás leneas ou ménades que participaban dos cultos orxiásticos a Dionisio. No século V a Comedia chamada Antiga é de temática política e crítica da situación social. No século IV a temática preferida será o amor. A comedia ten un agón ou debate entre actores e unha parábase cargada de incisos destinados ao público. Faise uso dun vocabulario obsecno e atrevido cheo de ironías.

ARISTÓFANES(445-387 a.C) é o mellor representante da Comedia política. Conservamos once obras escritas despois do comezo da guerra entre Esparta e Atenas, por iso “Acarnienses”, “ A Paz” tocan o tema da guerra anque o seu carácter antibelicista aparece vencellado ao tema da muller en “Lisístrata” e “ Asambleistas”. “As Nubes” é unha crítica do filósofo Sócrates, Ao político Cleón e ao goberno da cidade critícaos en “Cabaleiros”, “Aves” e “Avespas”, reservando “As Rás” para meterse co autor dramático Eurípides. Á farsa fantástica protagonizada por xentes correntes, carcterizados psicoloxicamente como antiheroes audaces e astutos.

MENANDRO (342-293 a.C.) A creación de personaxes-tipo, como o parásito, o escravo intrigante, os namorados serán terán unha gran influencia máis tarde en Plauto e Terencio no teatro latino. “O misántropo” ou “ a arbitraxe” son dúas comedias de tema amosoro.


Bobecino: "Non me tomedes a mal, oh público honorable, que sendo un esmoleiro, aquí entre cidadáns fale de política na medtade dunha comedia, pois a verdade tamén sabe a comedia...” Acarnienses, de Aristófanes.


O DRAMA SATÍRICO
Despois da triloxía de traxedias en forma dun drama tráxico cómico cos coreutas vestidos de sátiros representába o drama satírico.


OS CICLOS TEMÁTICOS DA TRAXEDIA GREGA:

Micenas: Membros da familia reinante na cidade: Agamenón, Clitemnestra, Electra, Ifixenia e Orestes.

Tebas:Edipo é o personaxe central, Laio seu pai e a súa nai-esposa Iocasta, e os catro fillos deste matrimonio: Eteocles, Polinices, Antígona e Ismene. Creonte, irmán de Iocasta. A este ciclo pertence Penteo, neto de Cadmo e vitima da furia das Bacantes.

Troia: Hécuba e as Troianas, ou Aiax o heroe grego que morre en Troia.

Outros:Heracles ou Prometeo protagonizan outras traxedias.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 04-03-2012 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal