VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ARDE TROIA!

Chegamos xa ao final da guerra, non nos deixemos persuadir pola narración da película, para aqueles que a viron.

Estes feitos xa non se deben á Ilíada. Homero remata o seu relato, como sabedes, cos funerais de Patroclo e Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.

Analicemos o final da película. Por un lado está a gran estratexia do grego máis astuto.

1-Cal é a ocurrencia e quen é o heroe de tan gran inxenio?
2-Sufriron os gregos, segundo a mitoloxía, unha peste nas praias de Ilión como aparece na película?

A morte de Aquiles é un dos centros de interese. A película sitúanola dentro de Troia.
3- Coincide cos relatos da mitoloxía máis coñecidos?

Aquiles e Paris resultan no final desta historia, como no principio da mesma, transcendentais.

Aínda que non están na obra de Homero, varios mitos posteriores relatan acontecementos dos últimos días de Aquiles como os seus amores por Polixena, a filla máis nova de Príamo, que non se cita na Ilíada, pero que podería ser confundida coa Briseida da película de Hollywood e que levaría ao heroe a unha cita nun templo de Apolo, onde agochado Paris e guiado polo deus, asestaría un frechazo no talón do Aquiles que lle causaría a morte.

De Paris contan estes mitos poshoméricos que morreu tamén ferido por un arco que usaba Filoctetes e que a súa antiga namorada Enone, que abandonara por Helena, sabedora de remedios contra os velenos da frecha que o ferira, inicialmente negouse a salvalo. Os remorsos fixeron que esta ninfa se arrepentise, chegando tarde pois o cadáver de Paris xa ardía nunha pira funeraria. Din que aquela muller suicidouse botándose ao lume onde ardía o corpo inerte do seu amado.


Debemos chamar a atención antes de rematar sobre outras mortes.

4-Morreu Agamenón en Troia?

5-Finalmente, salvouse alguén da toma de Troia?

Neste punto a película distánciase bastante do que as fontes gregas nos transmitiron, especialmente no referente ás troianas como Andrómaca ou mesmo a Helena, o que provoca sen dúbida confusións, tendo en conta que nós imos ler dentro de pouco o drama de Eurípides As Troianas.

Nesta recta final dos relatos da caída de Troia aparece tamén a figura do fillo de Aquiles.

6- Procura unha información básica sobre este rapaz que mesmo vai estar con Ulises dentro do cabalo de Troia.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 27-02-2015 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
Canta, oh deusa, a cólera do Pélida Aquiles...



Canta, oh deusa, a cólera do Pélida Aquiles; cólera funesta que causou infinitos males aos aqueos e precipitou ao Hades moitas almas valerosas de heroes, a quen fixo presa de can e pasto de aves —cumpríase a vontade de Zeus— desde que se separaron disputando o Atrida, rei de homes, e o divino Aquiles.
( os primeiros versos do canto I da Ilíada de Homero)

O tema central da Ilíada non é a guerra de Troia, senón a cólera de Aquiles, de feito comeza a obra con estas palabras e é (cando xa van no noveno ano de asedio da cidade de Troia) co enfrontamento entre Agamenón e Aquiles. O enfrontamento está provocado por Briseida.

1-Pero quen é Briseida?
2-E quen vén sendo Criseida?

Aquiles, o dos pés lixeiros, ou o divino Aquiles, encolerizado contra Agamenón, rei de reis, decide non participar na loita.

Por outra banda, o deus Apolo tamén participa desta situación dificultosa para os gregos (que Homero , normalmente, chámaos “os aqueos”) e temen polas súas cóncavas naves atracadas na praia de Troia.

3- A quen apoia o deus?
4-Por que motivo os apoia e como leva a cabo este apoio?

Unha complicada situación para os gregos, permitirá que Aquiles acceda a que Patroclo participe nas batallas contra os troianos (os tamén chamados “teucros ou dánaos”).

5- Que acontecemento fai que Aquiles volva á loita esquecendo o enfado con Agamenón?

6-Poderíamos dicir que comeza unha nova cólera de Aquiles neste caso, pero contra quen?
7- Por certo, na película aparecen varios heroes gregos secundarios. Investiga quen son:
-Néstor:
-Áiax:

Lembremos que a cólera tamén está presente entre os deuses e as deusas no relato homérico.

8- Efectivamente no combate entre o esposo de Helena, Menelao, e o seu amante troiano, Paris (Alexandre) que deuses interviñeron e de que forma? Recorda que o asunto está no canto III e no canto IV da Ilíada de Homero.


Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 27-02-2015 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
Mortos e vivos na guerra de Troia
“O combate singular de Paris e Menelao”
(versión película TROIA)


- Paris loitaba polo amor de Helena, pero Menelao loita na procura da vinganza polo rapto da súa muller.
Empezan a batalla e Paris deféndese como pode e Menelao prescinde do seu escudo e ataca a Paris golpeándolle ata que lle quita o escudo ao troiano e rise del. Menelao persegue a Paris ata ferilo nunha perna. Paris cae no chan e Menelao ía matalo, mais Paris foxe a refuxiarse entre as pernas do seu irmán Héctor. Héctor entón mata a Menelao ante a insistencia do rei grego por rematar co combate e con Paris. Paris logrou sobrevivir grazas ó seu irmán Héctor, e foxe definitivamente cara o interior das murallas mentres comeza unha batalla de Agamenón que na morte do seu irmán ten xa un pretexto para non dilatar máis o ataque contra a cidade, rica en ouro, que desexa someter.


“O combate singular de Paris e Menelao”
(Versión Ilíada de Homero)

Combate Menelao e Paris:
Un combate singular para evitar grandes matanzas. Un home por cada bando. O gañador lévase a Helena e conclúe aí a guerra. Xuraron e asinaron todo ante Ares, deus do Olimpo. Paris, tamén chamado Alexandre empeza lanzando a súa xabelina e non pasou nada, logo: "E brandindo a longa lanza, acertou a dar no escudo liso do Priámida. A inxente lanza atravesou o terso escudo, cravouse na labrada coiraza e rachou a túnica sobre a perna. Inclinouse o troiano e evitou a negra morte. O Átrida sacou entón a espada adornada de arxénteos cravos; pero ao ferir ao inimigo na á do casco, caéselle da man, rota en tres ou catro anacos. Suspira o heroe, e alzando os ollos ao extenso ceo, exclama:

—¡Pai Zeus, non hai deus máis funesto ca ti! Esperaba castigar a perfidia de Alexandre, e a espada quebra nas miñas mans, a lanza resulta inútil e non consigo vencer.

Di e arremetendo a Paris, cóllelle polo casco adornado con espesa crin de cabalo e arrástrao cara aos aqueos de fermosas grebas, medio afogado pola bordada correa que, atada por debaixo da barba para asegurar o casco, abafáballe o delicado pescozo. E sería levado, conseguindo inmensa gloria, se non o advertise Afrodita, filla de Zeus, que rachou a correa, feita do coiro dun boi degolado: o casco baleiro seguiu a robusta man, o heroe volteouno e botoullo aos aqueos, de fermosas grebas, e os seus fieis compañeiros recollérono. De novo asaltou Menelao a Paris para matalo coa lanza de bronce; pero Afrodita arrebatou ao seu protexido con gran facilidade, por ser deusa, e levouno, envolto en densa néboa, ao recendente e perfumado tálamo. Logo foi a chamar a Helena, atopándoa na alta torre con moitas troianas; tirou suavemente do seu perfumado veo, e tomando a figura dunha anciá tecelá que en Lacedemonia lle preparaba a Helena fermosas teas e era moi querida de esta.


Afrodita salva a Paris provocando unha densa néboa entre os dous exércitos que impide ver que sucede e permite fuxir a Paris, tamén provocará que os troianos violen as normas e dea comezo unha batalla, unha vez que Paris está seguro tras das murallas.

CUESTIÓN: Despois de ler os dous textos indica cales son as semellanzas e as diferenzas entre a película e a Ilíada de Homero?


Outra morte importante que queremos saber como a conta Homero é a morte de Patroclo. Investiga sobre quen é este personaxe e a súa relación con Aquiles.

Repara se son verdadeiras ou falsas en Homero as mortes de Menelao e Agamenón,que se inclúen na película.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 26-02-2015 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
BRISEIDA E CRISEIDA, A COLERA DE AQUILES
Quen eran Briseida e Criseida?

Se buscas no texto de Homero verás como
a cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida.
Busca os nomes onde aparecen citados no Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.

Briseida.
O seu nome verdadeiro era Hipodamía. Era filla de Brises, de quen toma o nome de Briseida. Brises era irmán de Crises, pai de Criseida, e, como éste, sacerdote (de Apolo), na cidade de Lirneso, tomada e saqueda por Aquiles durante a guerra de Troia.

Hipodamía ou Briseida estaba casada con Mines, que foi matado por Aquiles. Este lévaa cautiva, e Patroclo, para consolala, promételle que Aquiles a faría a súa esposa; e, en efecto, chegou a ser a escrava favorita do heroe, "que a amaba ternamente".

Cando a Asamblea dos gregos obrigou a Agamenón a devolver a Criseida o seu pai e o rei, en compensación, pediulle a Aquiles que lle entregara a Briseida, este, airado e dolorido, negouse a combater. Agamenón, entón, enviou unha embaixada a Aquiles para tratar de aplacalo e prometerlle devolver a Briseida e, só con esa promesa, logrou reconciliarse con el.

A tradición representa a Briseida como unha muller alta, morena, de brillante mirada e ben ataviada. Parece que foi ela a que lle tributou a Aquiles os honores fúnebres.

Criseida.
Criseida é a filla de Crises, de quen toma nome, sacerdote de Apolo na ciudade de Crisa, en Tróade.O seu nome verdadeiro é Astínome. Foi raptada polos gregos durante unha expedición contra a ciudade de Tebas, Misia, onde se atopaba en casa de Ifínoe, irmá do rei Eetrión, e entregada a Agamenón como parte do botín.

Seu pai acudíu a reclamarlla o rei, pero este non accedeu. Os gregos obrigaron a Agamenón a restituir a Criseida, pero o rei pediulle a cambio a entrega de Briseida, orixinando a cólera de Aquiles.

A peste
Os Gregos sufrirán os ataques durante nove días do propio deus Apolo como solicitara o seu sacerdote (Crises) ao non devolverlle Agamenón inicialmente a súa filla. Foi Aquiles quen convocará en asemblea aos gregos para intentar volver a casa e devolverlle Criseida a seu pai, Crises. Entón Agamenón, tras unha primeira negativa, accede despois de impoñer escoller unha nova escrava como botín de guerra. A escrava de Aquiles, Briseida, pasará a ser así propiedade de Agamenón, polo que Aquiles encolerizado deixará de pelexar, e de novo os troianos lograrán unha vantaxe fronte aos gregos.


Unha tradición conta que Crises devolveulle voluntariamente a súa filla a Agamenón porque fora ben tratada. Criseida tivo de el dous fillos: Ifigenia e Crises, chamado este así en memoria do seu avó.

A tradición precisa que Criseida tiña 19 anos, que era loira, delgada e de talla pequena. En cambio, Briseida era morena, alta de tez branca e moi elegante. E formaban unha parella que resumía os dous tipos de beleza feminina.


A cólera de Aquiles.
Esta etapa caracterizase pola loita entre Aquiles e Agamenón. Despois de saquear Troia repartironse o botín pero Agamenón, para reafirmar a súa autoridade sobre Aquiles, quitoulle a súa escrava Briseida.
Foi aquí cando Aquiles encolerizouse. Non só era un insulto ao seu honor, senon que era unha grande inxustiza, xa que Aquiles fixera a maior parte do necesario para conseguir todo o tesouro e o botín do que Agamenón cría que tiña dereito a disfrutar. Como consecuencia, Aquiles retirouse a súa tenda e decidiu non tomar parte na loita.
A loita foise agravando pouco a pouco e os gregos sufrían unha forte presión sen Aquiles. Agamenón viuse forzado a ofrecer a Aquiles riquezas de todo tipo e a devolución de Briseida, pero o gran guerreiro negouse.

Para os que veron a película.

Criseida non sae na película Troia.
A peste provocada por Apolo non aparece na película, pero si a dificultade pola que pasan as tropas gregas polos ataques dos troianos.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 23-02-2015 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
EMBARCÁMONOS NA GUERRA DE TROIA
Para aqueles que viron ou vexan a película do 2004 deben saber:

A Guerra de Troia do mito, a de Homero e a do cinema son distintas?

A película de Wolfgang Petersen titulada Troia, presenta tanto semellanzas como diferenzas co mito e co relato de Homero.

As primeira escena do filme serve de presentación do heroe Aquiles, é pouco ortodoxa, pois dous exercitos esperando por él, están en plena batalla entre dous pobos gregos na planicie de Tesalia, Tríopes contra Agamenón. Logo xa pasa á introdución situándose en Esparta. Narra un peculiar rapto de Helena e finalmente o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos. Na pelicula as súas astucias non parecen dar resultado ata que aparece Tetis, madre de Aquiles, na seguinte escena.

Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada de Homero e que na versión de cine desaparecen como personaxes activos, tan só asomará á pantalla, dun xeito moi sutil, a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos da nai co fillo que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.

Tamén botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida logo falaremos.

Imos lembrar algúns pormenores previos aos combates en Troia que na película non aparecen e é importante que non falten na nosa reconstrucción mitolóxica da Guerra de Troia. Procura pois as respostas axeitadas:

1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres no reino de Licomedes? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?

Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:

NA PROCURA DE PARECIDOS

Se viches a película pensa:

1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras no filme?

2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida.
Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.


CONTINUARÁ
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 20-02-2015 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
INTROITUS
Velaí vén o san Antroido
coa facela cuberta
axuntaivos mozas todas
vámoslle facela festa.


Que é o Entroido e que relacións ten co mundo clásico é o que imos descubrir a partir das seguintes preguntas:

-Por que se chama así, ou cal é a orixe desta palabra?

- Cal é a orixe etimolóxica da palabra "carnaval"? Terá que ver coa expresión latina "carrus navalis" ou con ets outra "carnes tollendas"

Tamén chamado Antroido, Introido, Entruido, Entrudo, Entrudio (por ser a entrada á Cuaresma)

As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo "Introitum" (que significa "a entrada á Coresma!) do que vén a palabra "Entroido" ou "Antroido".

O entroido fai referencia a unha época de "carne", tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non se fan habitualmente.

En sentido relixioso trátase do triunfo de "don Carnal" sobre "dona Coresma", que reinará nos seguintes corenta días, ata a celebración do Xoves Santo. Pero o Entroido foi deixando pouco a pouco o seu sentido relixioso como festa preparatoria da Coresma para converterse nun acontecemento cheo de xolda e desenfreo.



As denominacións destas festas na maior parte de Europa teñen este sentido orixinal: desde o "Carne Vale" (Adeus á carne") ó "Introitum" co significado de entrada á Coresma, todos os calificativos para o Entroido fan referencia a que esta é unha época de carne (no sentido literal e no metafórico da Igrexa): "Carnal" na Idade Media, "Canestoltes" en Cataluña, "Carnestollendas" (de "carne" e "tolere", "levar a carne"). Carnisprivium, Canelevamen e formas semellantes en Francia, "darrers dies" (de carne) en Baleares...
O entroido é desde sempre a subversión, a volta ó mundo do revés, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. O comer, beber e cantar ata rachar, o rirse do máis sagrado... todas son características comúns destes días.

A festa recibe en galego os nomes de entroido, antroido, intruido, entruido, entrudo e entroiro. Todos estes vocábulos teñen a súa orixe no termo latino introitus, co significado de "entrada ou comezo". Daquela, o étimo fai referencia a un significado da festa como entrada ou comezo nunha nova estación -a primavera-, independentemente de que a súa apropiación por parte do cristianismo nos faga pensar na entrada na Coresma -sendo preciso, polo tanto, despedirse da carne-.
No noso idioma é admisible tamén a voz carnaval, con dous posibles étimos distintos. Para uns este termo procede do vocábulo italiano carnevale, e este, á súa vez, da expresión antiga carne levare -sacar a carne-. Para outros, a súa orixe está na expresión latina carrus navalis, ou sexa, unha carroza decorada que posiblemente saíse en desfile durante estas datas. Dunha ou doutra maneira, non cabe dúbida de que calquera das dúas acepcións fai referencia a elementos asociados ao carnaval actual.

Outras interpretacións:
Pero a finais do século XX varios autores comezaron a sospeitar a orixe pagá do nome. Carna é a Deusa Celta das fabas e o toucino. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao Deus Karna (que no Mahabharatá aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus Sol e a raíña Kuntí). Algunhas personas creen que a palabra carnaval fai referencia a unha suposta antiga tradición pagá na que se ofrecía carne ao deus Baal (carna-baal) nunha festa onde todo o vale.

-O Entroido é unha festa móbil, por que razón e enfunción de que se celebra cada ano ununha data distinta?

- Onde e como se facía uso da máscara no mundo clásico?

-Os entroidos tradicionais de Galicia, considerados entre os dez máis orixinais do mundo (podes consultar en vieiros da escola no enlace de máis abaixo) que agocha, que ten de especial? Hai neles algo que lembre ás Lupercais romanas?

- Que orixe teñen os "enterros da sardiña" e eventos semellantes?
Comentarios (0) - Categoría: IDUS ET KALENDAS - Publicado o 11-02-2015 06:17
# Ligazón permanente a este artigo
DE CRETA A MICENAS
Segundo a mitoloxía grega, Helén era fillo de Deucalión e Pirra. Heroe epónimo (que orixina o nome) dos helenos, o territorio que ocupaba este pobo foi por iso chamado Hélade. De el descenden tres das principais ramas do pobo grego: os xonios, os eolios e os dorios.

Contrastemos estes datos coa historia:
Os aqueos parecen ser unha desas primeiras tribos que se instalan no Peloponeso, serán recoñecidos como micénicos por ser Micenas un dos seus lugares de asentamento máis coñecido. Serán eles tamén os protagonistas da mítica Guerra contra Troia.



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 10-02-2015 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
Seguimos en Creta
Bótadelle unha ollada ao texto de J.L Borges La casa de Asterión

É o Minotauro un monstro? que pensas ti? O cadro de G. Watts fainos dubidar.



Que é a TAUROCATAPSIA



O símbolo da felicidade nos golfiños do baño da raíña no palacio de Cnossos, unha das más coñecidas representacións pictóricas de Creta.

A erupción minoica da illa de Tera.


Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 02-02-2015 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal