VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A verdade sobre TROIA

Na clase xa visualizamos un documental sobre o tema elaborado por National Geografic.
Intenta respostar a tres dilemas:
1º Existiu realmente Troia? Como foi localizada esta antiga cidade no século XIX, tras perdérselle a pista durante séculos e crer que era unha cidade ficticia inventada por Homero? Quen levou a fama desta reaparición de Troia foi H. Schliemann. Pero como o logrou? Que outras excavacións de importancia fixo? O tesouro que el chamou de Príamo ou a máscara de Agamenón pertenceron realmente a estes personaxes?
Aquí podemos ver unha síntese en pouco máis de 9 minutos neste outro vídeo sobre o controvertido arqueólogo:



2º Tivo lugar realmente a guerra de Troia? Foi Helena o seu motivo? Parece ser que outro arqueólogo, Carl Blegen nas súas excavacións de 1932-1938 axudou a respostar á primeira pregunta ao atopar os niveis VI e VII de Troia. Pero serían excavacións máis recentes as dos anos 1993 as que aporten datos máis clarificadores sobre unha posible guerra de Troia de dimensións máis grandes e acordes coa que aparece nos textos de Homero. Lembra os datos do documental visto para responder a estas dúas preguntas.

3º Existiron realmente Helena, Menelao, Agamenón, Aquiles, Príamo ou Paris?
Parece ser que os estudos dos textos Hititas xunto con datos arqueolóxicos ofrecen datos sobre algúns destes personaxes ao aparecer neles tanto a cidade de Troia baixo a denominación de Wilusa que transcrito ao grego daria Ilios ou Ilión, nome co que se denomina Troia ( lembra que o poema homérico chámase precisamente A Ilíada, porque narra unha parte da guerra de Ilión). Tamén aparece un rei denominado Alaksandu, que ben podería ser Alexandre, é dicir o outro nome de Paris. Mesmo citan aos seus inimigos o rei de Ahijawa (que podería ser Acaia, é dicir os aqueos, unha das denominacións dos gregos).

Finalmente no documental aparecen tres hipóteses sobre o cabalo de Troia:
1- A que fose certo o mito, unha trampa de Odiseo.
2- A que sexa unha metáfora dun terremoto, Poseidón era o deus do mar e dos terremotos, cuxo animal é o cabalo.
3- A que sexa unha arma de asalto en forma de cabalo que permitira entrar en Troia aos gregos.

Para saber máis podes ver este documental: a verdade sobre Troia ou se o prefires este outro, menos interesante e centrado máis no contido da Ilíada de Homero e titulado: Troia , mito ou realidade?
Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 04-12-2009 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal