VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OLLO: Para a proba do 27
- Mitoloxía:
O mito de Narciso e Eco.
Creta: Europa, Minos, Teseo eo Minotauro.
Micenas: Helen e os seus fillos.
Os mortais: As Idades do home de Hesíodo.
Prometeo, Epimeteo e Pandora, Deucalión e Pirra, os andróxinos.

- Cultura: A morte en Roma: o barqueiro Caronte e as Feralia en Ovidio, os xenios familiares: Deuses Manes.

- Historia: 4 etapas da Hélade (ver cadro)
As civilizacións mediterráneas do Exeo: A das illas Cícladas e a de Creta (Minoica) características.

As invasións indoeuropeas Aqueos en Micenas (da cultura cretomicénica ao dominio de Creta.
Características.
A invasión doria: características.

- Lingua:
Que é o indoeuropeo?
Que son o lineal A e o lineal B ?

Primeiras traducións: Das lápidas en latín.

Léxico de cada un dos temas hai dúas ou tres palabras a coñecer etimoloxicamente: talasocracia, monarquía, labirinto, ius imaginum, androxino...

-A Arte e a Cultura Clásica:De cadanseu tema tamén hai imaxes que temos que recoñecer e identificar.


Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 25-11-2013 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
DA CRETA DO LINEAL A AO LINEAL B DE MICENAS
Sabedes que Creta e Micenas son lugares distintos, pero si dicimos minoicos e micénicos, polo seu parecido podemos confundilos. Imos logo procurar rematar con esta confusión:



1.Quen son os minoicos e os micénicos ou aqueos?

2.Quen inventou e por que a lenda do Minotauro?

3.Creta era unha talasocracia.Que significa?

4. Eran os cretenses grandes guerreiros?


5.Diferenzas entre "lineal A " e "lineal B". Está algún destes descifrados?


6.Que significa "labirinto"?

7.Como foi destruída a civilización minoica de Creta?

8-Quen eran os fillos de Helen? Como se chamaban os distintos pobos gregos herdeiros de Helen?

9.Os Atenienses estaban castigados a levar 7 mozos e 7 mozas ao Minotauro, por que?

Imos agora a coñecer como se debe o mito do Minotauro noutra entrada deste blog: Minos e o mito do Minotauro


Unha recente versión do mito é unha ópera de H. Birtwistle:






Se queredes ver unha mala película dos anos 60 e pouco recomendable sobre o Minotauro porque non segue para nada a versión do mito, senón que mestura elementos da trama orixinal constantemente e despista a quen non coñeza o mito e os seus personaxes, aquí queda:

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 19-11-2013 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
HELEN, o mito da chegada dos indoeuropeos a Grecia

Segundo a mitoloxía grega, Helén era fillo de Deucalión e Pirra. Heroe epónimo (que orixina o nome) dos helenos, o territorio que ocupaba este pobo foi por iso chamado Hélade. De el descenden tres das principais ramas do pobo grego: os xonios, os eolios e os dorios ( ver mapa da entrada de pobos indoeuropeos en Grecia)

Contrastemos estes datos coa historia:
Os aqueos parecen ser unha desas primeiras tribos que se instalan no Peloponeso, serán recoñecidos como micénicos por ser Micenas un dos seus lugares de asentamento máis coñecido. Serán eles tamén os protagonistas da mítica Guerra contra Troia.



Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 17-11-2013 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
Deucalión e Pirra e outra visión da creación dos mortais.

Contan que estando xa na Idade de Bronce Zeus quixo comprobar que os mortais deixaran de cumprir coas súas obrigas para cos deuses. Eran impíos e irrespectuosos mesmo cos sacrificios. Presentouse do palacio dun tal Licaón. Ninguén creu que era un deus e mesmo o rei propúxose desenmascarar a quen cría un mortal , se é un deus descubrirá que a carne que lle darei na cea é realmente carne humana. Foi entó cando Zeus amososuse con todo o seu poder e fixo que todos aqueles se convertensen en lobos e vagasen polos montes. Acto seguido convocou ao seu irmán Poseidón para provocar un gran diluvio de nove días e nove noites no que todos so mortais desaparecerían agás Deucalión, fillo de Prometeo e Pirra, filla de Epimeteo e Pandora, dous mortais realmente piadosos. A barca vararía no monte Parnaso purificándose nun regueiro de auga diríxense cara as ruinas dun templo onde Temis, deusa dos oráculos e a adivinación díxolles:

"velate caput cinctasque resolvite vestes
ossaque post tergum magnaeiactate parentis!"
"...descubride a cabeza e soltade as cintas dos vosos vestidos,
lanzade ás vosas costas os ósos da vosa gran nai!"

- Que é o que lle mandou facer a Deucalión e a Pirra a deusa Temis? Cales son eses ósos?
-Procura información sobre o que ocorre inmediatemente despois de que cumpren co mandato dos deuses.

Unha sería máis ben un recreación a partir do mito de Deucalión e Pirra, que como deberíades saber son descendentes de Prometeo e de Pandora dous personaxes xa coñecidos e que teñen tamén moito que ver co tema da humanidade.

O obxectivo é investigar por unha banda sobre esta parella e a orixe dun diluvio universal que ten tamén a súa versión como seguro sabedes no Antigo Testamento. Repara nas semellanzas e nas diferenzas neste enlace dun blog educativo denominado en el camino a Ítaca moi completo no que tamén aparece este vídeo:



Outro mito de carácter máis filosófico pois é obra de Platón é o dos andróxinos que ademais da idea da orixe do ser humano intenta explicar a diferenza entre o masculino e o feminino.


Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 14-11-2013 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
PROMETEO E OS MORTAIS
Imos realizar por grupos na aula de Cultura Clásica- Informática- Plástica un pequeno audiovisual sobre o mito de Prometeo tomando como base un cómic e coa intención de afondar e estudar sobre un dos mitos máis coñecidos da mitoloxía grega, sobre un dos deuses máis relacionados coa propia existencia do ser humano:

PROMETEO E OS MORTAIS

Quam satus Iapeto, mixtam pluvialibus undis,
Finxit in effigiem moderantum cuncta deorum,
Pronaque cum spectent animalia cetera terram,
Os homini sublime dedit caelumque videre
Iussit et erectos ad sidera tollere vultus…
Tellus induit ignotas hominum conversa figuras.

OVIDIO Metamorphoses, I 82-88

Coa terra amasada en auga de chuvia o fillo de Xápeto
crea figuras co molde dos deuses que todo o controlan.
Se ben os demais animais ollan á terra inclinados
fíxolle ao home un rostro altivo e que ao ceo altivo mirase
dispuxo e cara ás estrelas alzase ergueita cabeza…
Así a Terra remodelada vestiuse de imaxes estrañas de homes.



Un vídeo sobre o mito de Prometeo:


"Fillos do Titán Xápeto e Clímene

Xápeto levouse á moza Clímene, Oceánide de fermosos nocellos e subiu ao seu mesmo leito. Esta deulle un fillo, o intrépido Atlas, e pariu ao moi ilustre Menecio, ao mañoso e astuto Prometeo e ao torpe Epimeteo, que foi desde un principio sempre ruína para os homes que se alimentan de pan. Pois el por primeira vez aceptou unha xoven muller modelada por Zeus. Ao violento Menecio, Zeus de ampla mirada afundiuno no Érebo, alcanzándoo co ardente raio, pola súa insolencia e desmedida audacia. Atlas sostén o vasto ceo a causa dunha imperiosa fatalidade alá nos confíns da terra, á entrada do país das Hespérides de fina voz, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos; pois esta sorte lle asignou como lote o prudente Zeus. A Prometeo abundante en recursos atoulle con irrompibles ligaduras, dolorosas cadeas, que meteu a través dunha columna e lanzou sobre el a súa aguia de amplas ás. Esta comíalle o fígado inmortal e aquel durante a noite crecía por todas partes na mesma proporción que durante o día devoraba a ave de amplas ás. Matouna Heracles, ilustre fillo de Alcmena de fermosos nocellos e librou do seu horrible tormento ao Xapetónida, dando fin ás súas inquedanzas non sen o consentimento de Zeus Olímpico que reina nas alturas, senón para que a fama de Heracles, nacido en Tebas, fora maior aínda que antes sobre a terra fecunda. Por estes anhelos favorecía ao seu moi ilustre fillo e, aínda que irritado, calmou a cólera que antes tiña desde que Prometeo combateu a vontade do moi poderoso Cronión." ( HESÍODO, Teogonía 507-534)



OS PROBLEMAS CON ZEUS

Pero Prometeo despois de crear ao home enfrontaríase a unha serie de problemas con Zeus por protexer a estes novos seres.

Cales foron estes problemas con Zeus?
Cal foi o castigo que Zeus lles envía aos humanos baixo a forma dun agasallo para Epimeteo? Sobreeste agasallo, Pandora
Cal foi o castigo que lle espera a Prometeo?
Zeus, ademais sabía que Prometeo gardaba un secreto sobre a súa descendencia, por iso negouse a liberalo do seu castigo ata que logrou unha resposta clara a aquel misterio que gardaba o Titán. Saberías ti explicar cal é ese secreto?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 10-11-2013 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
O mito das Idades de Hesíodo
A aparición dos mortais tamén é un tema abordado por Hesíodo, escritor grego do VI a. C. neste caso nun texto do seu libro "Os traballos e o días".



Cuestións:
1- Despois de ler o texto na aula, imos resumir o seu contido atendendo as distintas etapas:

Idade de Ouro:

Idade de Prata:

Idade de Bronce:

Idade dos Heroes:

Idade de Ferro:

2- Compara estas cinco idades coas que relata Ovidio o poeta latino do século I nas súas Metamorfoses:

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 10-11-2013 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
A morte do emperador CLAUDIO
No mes de Defuntos imos volver a mirada a Roma para ver morrer a un emperador e ver como entendían ese paso ao mundo Subterráneo ou dos mortos.

Imos ver como morreu Claudio nunha versión da BBC que utilizou como guión a magnífica obra de Robert Graves: Eu Claudio. Este autor do século XX basea a súa historia en documentos da época como o famoso libro de Suetonio sobre a Vida dos Doce Césares de Roma.


Sobre a morte de Tiberio Claudio o que el denomina o DIVUS CLAUDIUS escribe:

Quidam tradunt epulanti in arce cum sacerdotibus per Halotum spadonem praegustatorem; alii domestico convivio per ipsam Agrippinam, quae boletum medicatum avidissimo ciborum talium optulerat.Etiam de subsequentibus diversa fama est. Multi statim hausto veneno obmutuisse aiunt excruciatumque doloribus nocte tota defecisse prope lucem.(Suetonio, De vita duodecim Caesarum- Divus Claudius 44).


"Aseguran algúns que foi o eunuco Haloto, catador dos seus alimentos, cando asistía a unha comida cos sacerdotes na fortaleza; outros din que foi a propia Agripina que nunha comida en palacio ofreceulle unha seta envelenada, a Claudio tipo de manxar do que tiña grande avideza.Circulan tamén diversas versións sobre os acontecementos posteriores. Moitos opinan que ao instante perdeu a fala pola queimante acción do veleno e con grandes dores atormentado durante toda a noite, morreu ao mencer."

Ver vídeo a partir do minuto 38-39



CUESTIÓNS PARA DESPOIS DE VER O VÍDEO:

Que perigos axexaban a Claudio e a Británico en Roma?

Como se chaman os personaxes que aparecen no final do primeiro vídeo? Que relación teñen con Claudio?

Como morreu Claudio?

Quen herdou o seu posto?

Que lle pasou a Británico?

Quen era a Sibila?

A que barca e barqueiro fai referencia a Sibila nas últimas palabras?

Que semellanzas e que diferenzas atopas entre o que escribiu Suetonio e o que nos conta Robert Graves na súa novela en versión para TV?

Lembras o refrán "dun erro faise un enterro"


TRADUCIR, LER E PENSAR
CUESTIÓNS:
1- Debes traducir unha lápida romana que aparece no en lace de máis abaixo.

2- Logo ler outros textos xa coñecidos sobre Claudio e un pouco máis abaixo unha proposta titulada UN TEXTO PARA LER E PENSAR que ten tan só unha cuestión que responder, faino, pero sobre todo reflexiona sobre a lectura, será importante para emprender a viaxe que pretendemos realizar a continuación.

Ao final do texto de Ovidio citado dise "Estando os romanos entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración dos Días dos Defuntos. Este esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do silenzo da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...

Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos Manes.
"

3- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes polos camiños na nosa terra? Quen son os deuses Manes?

4- Aquí queda tamén a proposta dun pequeno traballo de investigación sobre a imaxe que acompaña esta entrada, esa impresionante imaxe dun patricio romano portando as máscaras de cera dos seus antepasados, garantía da súa nobreza, é o denominado: "Ius Imaginum".
Explica en detalle que era o Ius Imaginum?

A morte en ROMA ver:
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 07-11-2013 06:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal