VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tetis e Peleo
Peleo e o centauro Quiron.
Peleo , fillo de Eaco, atopábase lonxe de Exina, a súa cidade natal. Incribles aventuras conducirano primeiro a Pitia, onde o rei Euritión lle dera a súa filla Antígona en matrimonio. Por desgraza, matou accidentalmente ao seu sogro no curso dunha cacería en Calidón e tivo que exiliarse de novo.
Atopara refuxio na corte de Acaste, que lle purificou daquela morte. Por que razón non recobrou inmediatamente a súa esposa, que permanecera en Pitia, a historia non o precisa. Este retraso estivo a piques de provocar a súa perdición.
Era Peleo un bo mozo e Astidamía, muller de Acaste experimentou por el un violento amor. Naturalmente Peleo non quería traizoar nin a Antígona, á que amaba tenramente, nin ao seu hóspede que o recibira con tanta xenerosidade. Foi entón cando el lle dixo á raíña:
- Debemos pensar nos nosos compromisos. Maldigamos a nosa sorte por non termos coñecido antes, pero, por favor, tratemos de cambiar este amor imposible en amizade.
Astidamia finxiu aceptar a prudente solución. Pero desexou vingarse pois o seu amor frustrado transformarase en ira. Comezou por enviar secretamente un mensaxeiro a Pitia. Antígona estaba sen novas do seu home dende facía moito tempo. E o seu corazón deu un chimpo de alegría, pero ao ler a carta que dicía que Peleo mantiña amores coa esposa do rei Acaste palideceu ao instante e decidiu, levada da desesperación, aforcarse na intimidade da súa habitación.
Axiña foi Astidamía na procura do seu esposo para acusar a Peleo da falta da que ela mesma era culpable. O rei gardou un silencio sombrío e estivo varios días sen falar para, por fin anunciar que á mañá seguinte partiría de cacería.
- Serás dos nosos? – preguntoulle a Peleo.
E Peleo aceptou non sen temer algunha trampela, pois o silencio dos últimos días non lle parecía un bo presaxio. Mais Acaste non decidira aínda a forma de tomar vinganza. Non lle permitían as leis da hospitalidade cometer homicidio e pensou que unha cacería aumentaría as ocasións de accidente.
A cacería foi moi animada, ninguén dos participantes sospeitaba nada. A caza era abondosa e facíanse apostas sobre quen conseguiría maior número de pezas. Como o día estivera xa moi avanzado preguntaron a Peleo cantos animais abatera. Amosando o seu saco descubriu quince presas e todos os cazadores recoñecérono coma o mellor da xornada. Moitos despois de festexalo deitáronse no chan e botaron unha soneca. Peleo foi un deles. O rei pensou que chegara o momento, e tras comprobar que Peleo durmía, achegouse sen ser visto e quitoulle a espada agochándolla non moi lonxe de alí. Despois liscou xuntou aos cazadores esperando que durante a noite as feras da montaña caeran sobre o heroe desarmado.
Cando Peleo espertou viuse rodeado de bestas monstruosas, e chegou a crer nun principio que aquilo era unha broma dos compañeiros de caza, porque estes monstros levaban unha cabeza de home e de tal tiñan o peito, pero o resto dos seus corpos parecían os dun cabalo. Eran os centauros e axiña caeu na conta do perigo no que estaba porque estes animais de dobre natureza se alimentan de carne crúa. Cando foi buscar a espada, non a atopou, e sen apenas moverse estaba pensando en que sería mellor, loitar ou facerse o morto. De súpeto un dos centauros achegóuselle cunha espada na man.
- Cóllea- díxolle- foi a que che quitou o rei Acaste, Quirón devólvecha para que poidas escapar da furia dos seus semellantes.
Así soubo Peleo que o centauro Quirón non era como os outros. O seu nacemento fora máis nobre. Namentres os outros descendían do rei de Tesalia Ixión. El debíalle a vida a unha filla de Océano, Filira e do deus Cronos. Ademais era un bo amigo dos homes non era nómada vivía nunha cova ao pé do monte Pelión, pois os demais centauros non tiñan domicilio fixo. Quirón practicaba a mediciña que lle ensinara Apolo. Quirón tamén ensinaba, era mestre de moitos heroes gregos. Estaba dotado do don da adiviñación e coñecía a historia de Peleo, mesmo a morte da súa muller Antígona que el ignoraba aínda. Foi Quirón quen lla narrou co maior dos coidados e ofreceuse a axudarlle sempre que o necesitase. Tamén foi Quirón quen lle animou a coñecer a Tetis, cando xa pasara algo máis dun ano desde que se coñeceran.

Tetis e Peleo
- Coñeces á deusa do mar Tetis?
- Oín falar que Zeus e Poseidón son os seus pretendentes, pero porque me fas esa pregunta, Quirón?
- A deusa Tetis non se casará con ningún destes pretendentes. Prometeo, encadeado no Caúcaso por orde de Zeus, revelou que o Destino faría nacer dela un fillo superior ao seu pai. De inmediato, os deuses retiraron as súas intencións e constituíronse en consello para debater que mortal será a que a despose.
- Non sei en que me interesará a min esta historia?
- Reflexiona, ti es novo e non vas seguir viúvo para o resto dos teus días… xa sabes que coñézo o porvir. Pois ben sei que este matrimonio está reservado para ti polo Destino.
Peleo sorprendido non manifestou entusiasmo, pero, que podía facer contra os mandatos do Destino?
Os deuses no Olimpo amosaron a súa satisfación, non podían correr o risco de que casara con outro deus, mais Tetis rexeitou a proposición. Zeus foi tallante e deulle ordes de que aceptase a man de Peleo. Pero a deusa cada vez que este se achegaba transformábase en lume ou en auga, en vento , en paxaro e logo fuxía axiña. Aquilo estimulou o amor propio do heroe conquistado ademais pola beleza da filla de Nereo.
Foi Quirón o seu amigo o centauro quen lle dará as claves par impedir que escapase nun próximo encontro, debería suxeitala e soportar pacientemente unha multitude de transformacións ata que a deusa cansase e volvese a súa forma orixinaria.
Así foi e finalmente a voda realizouse no monte Pelión e a ela asistiron os deuses e as musas. O centauro Quirón regaloulle unha lanza de freixo que tiña o don de sandar as feridas que fixera. Todo parecía ir ben, pero aquela voda estaría marcada pola Discordia. Eris que non fora invitada arroxou unha mazá dourada coa lenda “para a máis fermosa” para provocar as disensións entre as deusas e aquel matrimonio, a pesar de que Peleo colmaba de atencións á deusa, non sería feliz.
Tetis tivo un primeiro fillo e a deusa pensou no medio de eliminar do seu ser todos os elementos que o facían mortal. Axudándose do lume e na ausencia de Peleo botouno no medio das lapas e aquel neno morreu. Pasou o mesmo co segundo, o terceiro e así ata o sexto. Peleo estaba desesperado pois a primeira vez convencérao de que fora un accidente, pero xa no terceiro a deusa acosada por polas preguntas do noso heroe confesou a verdade.
-Só pretendo quitarlles a súa humanidade e aínda que o fago mal prefiro velos morrer así a que leven unha vida indigna da súa nai.
Pero Tetis seguira burlando a súa vixilancia. Cando o nacemento do sétimo se chegaba Peleo lembrouse do seu amigo o centauro, Quirón seguro que lle podería axudar. Como non se daría antes conta de pedirlle consello? Tería salvado esas vidas inocentes.
-Estaba esperándote. Sei a que vés. O teu sétimo fillo non perecerá entre as lapas. Converterase en alguén máis grande ca ti. Mais deberás estar moi vixilante en canto naza.
O neno naceu e déronlle o nome de Aquiles. Era un bebé fermoso e forte cos beizos curvados nunha especie de sorriso. Peleo sentía a Tetis nerviosa, irritable a medida que os días pasaban, pero el non baixaba a garda.
Un día a deusa ausentouse, Peleo pensou poder abandonar a vixilancia durante uns instantes, pero non fora máis que unha das astucias de Tetis. Cando quixo volver á habitación, xa estaba botando ao lume ao neno. Peleo arrebatoulle ao recentemente nacido das mans e a deusa vencida marchouse definitivamente a residir no mar coa súas irmás, negándose a volver ao seu carón. Pero Peleo estaba agora preocupado polas queimaduras que sufrira o pequeno. Sobreviviría? Só en dous lugares aparecía tocada a criatura. Nos beizos e no talón dereito. Tomou o neno no colo tras envolvelo coidadosamente e dirixiuse ás presas cara a cova do centauro Quirón.
-Tiñas razón que o meu fillo viviría -díxolle- pero está malferido. Ti podes curalo. Non permitas que unha enfermidade o marque ata a fin dos seus días.
O centauro comprobou que o óso fora case totalmente calcinado, había que colocarlle un novo. Quirón pensou en Damisos. Un xigante particularmente rápido na carreira. Acababa de morrer. O centauro desenterrouno e sacoulle da súa perna dereita o talón do pé que lle adaptou ao do neno. Polo que Aquiles ía logo ser chamado por Homero por iso “o dos pés lixeiros”, aínda que o seu nome literalmente significa “sen beizos” porque esa marca non foi reparada por Quirón. Hai quen asegura que Tetis marchara e non volvería a ver a Aquiles na súa infancia porque conseguira bañalo sendo un bebé nas augas da Estixe, río do Inferno que facía invulnerables a todos os que nela se mergullaban, pero foi no talón precisamente por onde a deusa sostivo á criatura para podelo meter na auga que lle conferiría a Aquiles a invulnerabilidade case que total, a non ser por aquel lugar polo que a deusa o agarrara.
Peleo vendo que Tetis non volvía e comprobando o cariño con que trataba o centauro ao seu fillo, pediulle ao seu amigo que aceptara facerse cargo da súa educación. Naturalmente o centauro aceptou, alimentado pola súa esposa a ninfa Cariclo nos primeiros anos para logo ensinarlle a cazar a domar cabalos e tamén algo de medicina. Qurón daríalle tamén carne de león e xabarín para que lle comunicaran poder e tamén de mel para que fose doce. Soubo por el que era a música e o canto o desprezo dos bens materiais e medrou axiña un heroe sabio e forte digno dos cantos que Homero inmortalizou na Ilíada.
Na máis recente versión cinematográfica da guerra de Troia, a única ocasión na que aparece unha deusa en escena é aquela na que Aquiles vai ser visitado de novo pola súa nai Tetis para advertirlle das dúas posibilidades que ten ante a guerra con Troia que Agamenón prepara. Opta por unha vida curta e gloriosa indo embarcándose na expedición dos gregos ou ben vivir moitos anos, pero sen gloria. Aquiles aceptará a primeira segundo Homero, aínda hai autores posteriores que defenden que Tetis foi quen de ocultalo na corte do rei Esciro.

CUESTIÓN: Investiga sobre esta versión. Quen e como consigue que Aquiles finalmente vaia á guerra contra Troia.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 23-11-2011 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Entre a Historia e a prehistoria: HELADE

A Grecia antiga coñecémola tamén co nome de Hélade, imos logo ir achegándonos a súa historia. Imos percorrer durante o curso estas etapas que colocamos nun esquema adaptado ao que xa algún día estudaches en 1º da ESO. Repasemos algúns datos xeográficos de interese antes de mergullarnos a fondo nas primeiras etapas que aparecen citadas no esquema de máis arriba.




Comentarios (0) - Categoría: HELADE - Publicado o 23-11-2011 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
A MORTE DE CLAUDIO
No mes de Defuntos imos volver a mirada a Roma para ver morrer a un emperador e ver como entendían ese paso ao mundo Subterráneo ou dos mortos.

Imos ver como morreu Claudio nunha versión da BBC que utilizou como guión a magnífica obra de Robert Graves: Eu Claudio. Este autor do século XX basea a súa historia en documentos da época como o famoso libro de Suetonio sobre a Vida dos Doce Césares de Roma.


Sobre a morte de Tiberio Claudio o que el denomina o DIVUS CLAUDIUS escribe:

Quidam tradunt epulanti in arce cum sacerdotibus per Halotum spadonem praegustatorem; alii domestico convivio per ipsam Agrippinam, quae boletum medicatum avidissimo ciborum talium optulerat.Etiam de subsequentibus diversa fama est. Multi statim hausto veneno obmutuisse aiunt excruciatumque doloribus nocte tota defecisse prope lucem.(Suetonio, De vita duodecim Caesarum- Divus Claudius 44).


"Aseguran algúns que foi o eunuco Haloto, catador dos seus alimentos, cando asistía a unha comida cos sacerdotes na fortaleza; outros din que foi a propia Agripina que nunha comida en palacio ofreceulle unha seta envelenada, a Claudio tipo de manxar do que tiña grande avideza.Circulan tamén diversas versións sobre os acontecementos posteriores. Moitos opinan que ao instante perdeu a fala pola queimante acción do veleno e con grandes dores atormentado durante toda a noite, morreu ao mencer."








CUESTIÓNS PARA DESPOIS DE VER OS DOUS VÍDEOS:

Que perigos axexaban a Claudio e a Británico en Roma?

Como se chaman os personaxes que aparecen no final do primeiro vídeo? Que relación teñen con Claudio?

Como morreu Claudio?

Quen herdou o seu posto?

Que lle pasou a Británico?

Quen era a Sibila?

A que barca e barqueiro fai referencia a Sibila nas últimas palabras?

Que semellanzas e que diferenzas atopas entre o que escribiu Suetonio e o que nos conta Robert Graves na súa novela en versión para TV?

Lembras o refrán "dun erro faise un enterro"


LER E PENSAR

Deberás entrar dende a páxina de inicio da web do San Narciso nos departamentos didácticos, procura a entrada do departamento de Clásicas e logo debes clicar onde pon ROMA. Alí atoparás un texto para traducir en latín, (trátase dunha lápida) e outros textos xa coñecidos sobre Claudio e un pouco máis abaixo unha proposta titulada UN TEXTO PARA LER E PENSAR que ten tan só unha cuestión que responder, faino, pero sobre todo reflexiona sobre a lectura, será importante para emprender a viaxe que pretendemos realizar a continuación para voltar a Grecia onde comezamos o curso.

Aquí queda tamén a proposta dun pequeno traballo sobre esta impresionante imaxe dun patricio romano portando as máscaras de cera dos seus antepasados, garantía da súa nobreza, é o denominado: "Ius Imaginum".
Cuestión para quen queira curiosear máis. Indica pois que era o Ius Imaginum?

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 15-11-2011 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
Imaxes sobre Deucalión e Pirra
Podedes consultar neste enlace almacén de clásicas
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 10-11-2011 06:43
# Ligazón permanente a este artigo
O mito de Prometeo (III)

Lembra que son tres as entradas e catro os debuxos que debes realizar.
Aparecerá agora Pandora, a que din que foi a primeira muller mortal. Lembra a súa creación deseñada como un castigo para os mortais. Ineludiblemente debes reflexionar sobre o contido deste mito despois de encher os textos que faltan nas viñetas. Pero non deixes de facerche estas preguntas:
1-Que significa o nome de Pandora? que ten que ver isto coa súa creación e nacemento?
Como se chamaba o irmán de Prometeo que casará con Pandora? Por que sabes que era un pouco "curto" de mente?
2-Este mito é un mito Mediterráneo. Noutras narracións doutras culturas mediterráneas tamén se percibe un espírito claramente machista ao facer aparecer a muller como un castigo para os mortais. Lembras algún outro relato semellante?
3- Debes realizar ti os debuxos e os textos da IV e derradeira folla deste cómic.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 07-11-2011 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
O mito de Prometeo (II)

Os deuses debían recibir sacrificios dos mortais, ese parece ser un dos motivos polos que foron creados os homes que a cambio recibían, grazas aos olímpicos produtos para alimentarse e non morrer de fame, mesmo coa axuda dos deuses foron quen de "inventar" e usar o lume. Este mito conten tamén unha reflexión acerca deste grande adianto para o progreso do ser humano. Prometeo vai ser, neste sentido, un símbolo da liberdade e do progreso para o home, pois é o seu liberador como reflicten estas viñetas. Segue relatando o mito.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 07-11-2011 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
Prometeo, o mito do amigo dos homes (I)

Debes saber facer teu o mito de Prometeo a partir da creación dos primeiros mortais. Vai colocando o texto en cada viñeta. Fíxate que nunha das primeiras viñetas hai varios deuses, pero unha delas cun escudo; é importante que a relaciones coa mesma creación dos mortais. Lembra o narrado na clase e responde:

1-Como se chama esa deusa en grego e en latín?
2-De quen vén sendo filla esa deusa, é dicir, o seu pai e a súa nai quen eran?
3-Din que Prometeo interveu no seu nacemento, como naceu?
4-Terá que ver esta deusa en algo coa creación dos mortais e que lles ensine Prometeo o alfabeto, como podes ver noutra das viñetas do cómic? Razóa a resposta.

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 07-11-2011 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal