VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

No día de San Narciso, unha versión cantada do mito





Un texto do momento máis álxido da historia de Eco e Narciso transcrito ao galego dende as Metamorfoses, de Ovidio escritas en latín:

EL: Hai alguén?
ELA: Alguén
EL: Quen está aquí?
ELA: Está aquí, está aquí
EL: Onde estás? Ven!
ELA: Ven!, Ven!
EL: Por que foxes de min?
ELA: Foxes de min?
EL: Reunámonos aquí
ELA: Aquí, aquí
EL: Por qué non vés?
ELA: Non vés?
EL: Onde estás? non podo verte!
ELA: Podo verte! (achégase a el coa intención de abrazalo… El rexéitaa)
EL: Non pensarás que te amo!
ELA: Que te amo!
EL: Permitan os deuses que morra antes de estar contigo!
ELA: Estar contigo!
EL: Xa estou farto desta conversa sen sentido, voume.
ELA: Voume.



Unha canción versión en directo:



Ou unha versión de estudo:



Ímola volver a ver coas imaxes de todas as épocas que ilustran o mito:



CUESTIÓNS

1- Resume o mito de Narciso e Eco.
2- Procura unha imaxe que reproduza este mito.
Comentarios (0) - Categoría: AULA MITOLÓXICA - Publicado o 29-10-2013 06:46
# Ligazón permanente a este artigo
Os nomes da clase
Imos investigar sobre a orixe dos nomes da clase. De onde proceden, que significan e intentar determinar se hai algunha razón pola cal abundan máis un tipo de nomes que outros dependendo da súa orixe etimolóxica.
Cantos nomes de orixe latina, que procedan do latín, hai na clase?

Cantos proceden do grego?

Cantos son palabras hebreas?

Hai algún xermánico?

Hai nomes doutras procedencias?

Imos tirar unha conclusión das porcentaxes da procedencia dos nosos nomes.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 21-10-2013 06:27
# Ligazón permanente a este artigo
Do pictograma ao alfabeto:
O alfabeto grego ese gran invento que é a base od alfabeto latino que nós usasmo foi produto dunha evolución da escrita que nace na prehistoria.

INVESTIGA

Que é un pictograma? En que se diferenza do ideograma?

Que peculiaridade ten un xeroglifo distinta dos ideogramas? Que signific a palabra xeroglifo e que relación ten co uso da escrita por parte dos poderosos que se facía na antigüidade, por exemplo en Exipto?

Que é un silabario?

Cal é o primeiro alfabeto creado polo ser humano? Que peculiaridades ten con respecto ao alfabeto grego?

Eran os chamados indoeuropeos un pobo ágrafo? Argumenta a resposta.



Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 17-10-2013 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
O INDOEUROPEO
Dende a India ata Fisterra atopamos unhas mesmas palabras para denominar ao lobo, o raposo, o oso, cervo, e ao porco (polo tanto o mundo da caza) unhas mesmas palabras para denominar ao boi, a ovella, a cabra, o leite, e se acaso aos ovos (é dicir , a gandeiría);unhas mesmas palabras para nomear o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo, a fariña ( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre (metalurxía, co cabalo e co can ( animais domésticos) co arco e coa machada ( armas), co salmón e co barco, pero non co mar ( navegación fluvial). Pero, pola contra, non hai parecido ningún entre as respectivas maneiras de denominar o mar, o león, o tigre e o camelo.

Foi Fran Bopp no ano 1816 quen introduce o nome de Indoeuropeo para caracterizar as semellanzas entre estas palabras nun conxunto de linguas flexivas moi parecidas , aínda que moi distiantes no espazo ( do ïndico ao Atlántico) e mesmo no tempo ( do 1000 a. C ao 1800 d. C).
CUESTIÓN
Procuremos unha boa definición para este concepto. O indoeuropeo é...
Chámase indoeuropeo común, ou simplemente indoeuropeo (abreviado habitualmente como IE) a unha lingua prehistórica reconstruída a partir da comparación entre as linguas antigas e actuais das que estas proveñen. O indoeuropeo, que nunca foi escrito, é a lingua suposta que está nas orixes de todas as linguas indoeuropeas. O método que permitiu reconstruír esta protolingua repousa esencialmente sobre a lingüística comparada.

Podemos observar aquí un mapa das linguas do mundo e a expansión actual das linguas indoeuropeas
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 14-10-2013 06:09
# Ligazón permanente a este artigo
Comunicación e o marabilloso invento das Letras




Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 09-10-2013 06:54
# Ligazón permanente a este artigo
OS CASTIGOS DE ZEUS (I)
OS CASTIGOS DE ZEUS

Enviáronos baixo a extensa terra e atáronos entre inexorables cadeas despois de vencelos cos seus brazos, aínda que eran audaces, tan fondos baixo a terra como lonxe está o ceo da terra; esa distancia hai dende a Terra ata o tebroso Tártaro. Pois unha zafra de bronce que baixara dende o ceo durante nove noites cos seus días, ao décimo chegaría á terra; e igualmente unha zafra de bronce que baixara dende a terra durante nove noites cos seus días, ao décimo chegaría ao Tártaro. En torno a el esténdese un muro de bronce e unha escuridade de tres capas envolve a súa entrada; encima ademais nacen as raíces da terra e do mar estéril. Alí os deuses Titáns baixo unha escura tebra están ocultos por vontade de Zeus, o que amorea as nubes, nunha húmida rexión no extremo da monstruosa terra; non teñen saída posible: Posidón púxolles enriba broncíneas portas e unha muralla rodéalles por ambos lados.
Alí habitan tamén Xiges, Coto e o valente Briareo, fieis gardas de Zeus portador da éxida. Alí da terra sombría, do tebroso Tártaro, do ponto estéril e do ceo estrelado están aliñados os mananciais e termos terribles e pútridos de todos, e ata os deuses os maldicen. Enorme abismo: non se alcanzaría o seu fondo nin en todo un ano completo, se antes fora posible franquear as súas portas; senón que por aquí e por alá te arrastraría furacán ante furacán terrible. Horrendo incluso para os deuses inmortais, este prodixio.
Tamén se atopan alí as terribles mansións da escura Noite cubertas por mouros neboeiros. Diante delas, o fillo de Xápeto (Atlas) sostén o ancho ceo, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos, solidamente, alí onde a Noite e A Luz do día se achegan máis e saúdanse entre elas pasando alternativamente o gran vestíbulo de bronce. Cando unha vai entrar, xa a outra está indo cara a porta, e nunca o palacio acolle entre os seus muros a ambas, senón que sempre unha delas fóra do palacio dá voltas pola terra e a outra espera na morada ata que chegue o momento da súa viaxe. Unha ofrece aos seres da terra a súa luz penetrante; a outra lévalles no seu colo o Soño irmán da Morte, a funesta Noite, envolta en densa néboa. Alí teñen a súa casa os fillos da escura Noite, Hipnos e Tánato, terribles deuses; nunca o radiante Helios lles alumea cos seus raios ao subir ao ceo nin ao baixar do ceo. Un deles percorre tranquilamente a terra e os anchos lombos do mar e é doce para os homes; o outro, en cambio, ten de ferro o corazón e un alma implacable de bronce alberga o seu peito. Retén ao home que colle antes, e é odioso incluso para os inmortais deuses.
Alí diante se atopan as resoantes mansións do deus subterráneo, do poderoso Hades e a temible Perséfone; garda a súa entrada un terrible can, cruel e que se vale de trucos malvados: aos que entran saúdalles alegremente co rabo e ambas orellas ao mesmo tempo, pero xa non lles deixa saír de novo, senón que, ao axexo, come ao que colle no intre de franquear as portas.
Alí reside unha deusa maldita para os Inmortais, a terrible Estixe, filla maior de Océano que reflúe en si mesmo. Lonxe dos deuses habita un espléndido palacio con teito de enormes rochas; por todas partes apoiado sobre prateadas columnas que chegan ata o ceo. Raramente, a filla de Taumante, Iris rápida de pés, frecuenta este lugar voando polos anchos lombos do mar. Cando unha disputa ou querela se suscita entre os Inmortais, por se algún dos que habitan as mansións olímpicas falta á verdade, Zeus encarga a Iris que traia de lonxe o gran xuramento dos deuses nun recipiente de ouro, a auga xeada de moito renome que flúe dun alto e escarpado penedo. En abundancia baixo a extensa terra mana do río sagrado pola negra noite, brazo de Océano. Unha décima parte ao punto queda apartada; nove, facéndoos xirar en prateados remuíños pola terra e os anchos lombos do mar, precipítaas na salgada superficie. E esta soamente brota de aquel penedo, azote terrible para os deuses. O que dos Inmortais que habitan os nevados cumios do Olimpo xura en vano verténdoa, queda tendido sen respiración ata que se cumpre un ano; e non pode achegarse á ambrosía, o néctar nin alimento algún, senón que xace, sen alento e sen voz, en revestidos leitos e cóbrelle un horrible sopor. Logo, cando remate esta terrible enfermidade ao cabo dun ano, outra proba aínda máis dura sucede a aquela; por nove anos está apartado dos deuses sempiternos e nunca pode asistir ao Consello nin aos banquetes durante eses nove anos; ao décimo, outra vez participa nas asembleas dos Inmortais que habitan as mansións olímpicas. Tal xuramento fixeron os deuses á auga imperecedoira e antiquísima da Estixe que atravesa unha rexión moi áspera!
Alí da terra sombría, do tebroso Tártaro, do ponto estéril e do ceo estrelado están aliñados os mananciais e termos horribles e pútridos de todos, e ata os deuses os maldicen. Alí hai relucentes portas e un sólido broncíneo vestíbulo natural, asegurado con profundos alicerces. Diante, apartados de todos os deuses, viven os Titáns ao outro lado do tebroso abismo. Despois, os ilustres servidores do moi resoante Zeus habitan palacios sobre as raíces do Océano, Coto e Xiges; a Briareo, pola súa nobreza, fíxoo o seu xenro o gravisoante Ennosixeo; permitiulle casar coa súa filla Cimopolea.

CUESTIÓNS
1-A que distancia está o Tártaro da Terra, ou a terra do ceo?
2- Cales son os castigos para os Titáns e cal para Atlas?
3- A quen leva no colo a funesta Noite? Describe como son ou aparentan ser. Que palabras coñeces que teñan estes lexemas gregos?
4- Estixe, unha Titánide e os seus poderosos fillos, serán partidaria dos olímpicos na Titanomaquia. A cambio Zeus vai gardar a súa memoria a través dun ritual curioso que vai ser norma no Olimpo. En que consistía? Que ocorre cando un deus do Olimpo xura en vano ou minte?
5- Epítetos característicos dos textos deste xénero épico que facilitaban a memorización e o recitado de centos e centos de versos aos aedos , ou poetas da antiga Grecia. Completa os seguintes:
-a espazosa__________,

______, a de fermosos cabelos,

o estéril _______,

o estrelado _____,

_______, o que amorea as nubes,

a funesta________,

o _____________ Zeus,

o ____________ Ennosixeo,

Xea, a_______ _______.

6- Algunhas referencias levan a batalla final de Titáns e Olímpicos cara os montes próximos a Olimpia onde logo se elevará un gran templo a ......?

A TIFONOMAQUIA

Pero cando Zeus expulsara aos Titáns do Ceo,
a enorme Terra tivo ao seu fillo menor Tifeo do amor de
Tártaro, coa ayuda da dourada Afrodita





7- Despois de ver o vídeo saberás que houbo unha batalla máis contra os Titáns que aspiraban a recuperar o seu poder grazas á axuda de Tifón. Investiga que é a TIFONOMAQUÍA e como rematou. Que ten que ver esta historia co volcán do monte Etna (Italia)
8- Estaba Xea implicada nesta historia contra Zeus? Argumenta a resposta buscando as conexións de Xea con esta nova batalla de Zeus contra Tifón.
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 07-10-2013 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
A TITANOMAQUIA
Sigamos logo coa narración de Hesíodo:

Titanomaquia
(Os deuses olímpicos contra os Titáns)

A Briareo, a Coto e a Xiges, fíxolles habitar baixo a espazosa terra. Alí aqueles, entre tormentos, vivindo baixo a terra, permaneceron nun lugar remoto, nos confíns da ancha terra, por longo tempo, moi angustiados e co seu corazón cheo de terrible dor. Mais o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, en abrazo con Cronos, de novo conducíronos á luz segundo as indicacións de Xea. Pois esta explicoulles con todo detalle que coa súa axuda conseguirían a vitoria e brillante fama.
Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros a través de violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; aqueles dende a cima do Otris, os ilustres Titáns, e estes dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea de fermosos cabelos deitada con Cronos. Por entón enfrascados uns cos outros en fatigosa loita, levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso.
Pero cando Zeus ofreceu a aqueles todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía. Entón xa lles falou o pai de homes e deuses:

-“Escoitádeme, ilustres fillos de Xea e Urano, para que vos diga o que me dita o corazón no meu peito! Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.”

Así dixo e ao punto á súa vez respondeulle o impecable Coto:
-“¡Divino! Non nos descobres cousas ignoradas, senón que tamén nós sabemos o excelentes que son os teus pensamentos e intelixencia. Paladín fuches para os Inmortais dunha cruel contenda e pola túa sabedoría regresamos de novo saíndo daquela escura tebra, soberano fillo de Cronos!, despois de sufrir desesperantes tormentos entre inexorables cadeas. Por elo tamén agora, con corazón firme e resolta decisión, defenderemos o voso poder en terrible batalla loitando contra os Titáns a través de violentos combates.”

Así falou. Aplaudiron os deuses dadores de bens ao escoitar as súas palabras, e o seu espírito anhelaba a guerra con máis ansia incluso que antes.
Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros. Aqueles entón se enfrontaron aos Titáns en funesta loita, con enormes rochas nas súas robustas mans. Os Titáns, doutra parte, afirmaron as súas filas con resolución. Uns e outros exhibían o poder dos seus brazos e a súa forza. Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo; o vasto ceo xemeu estremecido e dende a súa raíz tremeu o elevado Olimpo polo ímpeto dos Inmortais. A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro, así como el xordo ruído da indescritible refrega e dos violentos golpes. De tal forma se lanzaban reciprocamente funestos dardos! A voz de uns e outros chamándose chegou ata estrelado ceo e aqueles chocaron con enorme alalá.
Xa non contiña Zeus a súa furia, senón que agora se inundaron ao punto de cólera as súas entrañas e exhibiu toda a súa forza. Ao mesmo tempo, dende o ceo e dende o Olimpo, lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man, xirando sen parar a súa sagrada chama. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en chamas e rexeu con gran estrondo, envolto en lume, o inmenso bosque. Fervía a terra toda e as correntes do Océano e o estéril Ponto. Unha ardente fumareda envolveu aos Titáns nacidos do chan e unha inmensa chama alcanzou a atmosfera divina. E cegou os seus dous ollos, aínda que eran moi fortes, o escintilante brillo do raio e do relampo. Un impresionante bochorno apoderouse do abismo e pareceu verse ante os ollos e oírse cos oídos algo igual que cando se achegaron Xea e o vasto Urano dende arriba. Pois tan gran estrondo se levantou cando, deitada ela, aquel se precipitou dende as alturas. Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos. Un estrépito impresionante ergueuse, de terrible contenda; e saltaba á vista a violencia das accións.
Declinou a batalla; pero antes, atacándose mutuamente, loitaban sen cesar a través de violentos combates. Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns.

CUESTIÓNS:
1- Onde e por quen foron desterrados Briareo, Estéropes e Arxes?
2- Quen son “o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea”?
3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?
4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?
5- Que nome xenérico reciben os uranidas Coto, Briareo e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un gran estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 01-10-2013 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Os fillos de Cronos e Rea: Os olímpicos
Seguindo o que di a Teogonía de Hesíodo podemos saber como se chamaban os fillos de Cronos e de Rea:

Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia, Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra. Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos planos do gran Zeus. Por elo Cronos non tiña descoidada a vixilancia, senón que, sempre ao axexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente.

Pero cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, os dela, Xea e o estrelado Urano, que lle axudasen a urdir un plano para ter ocultamente o parto do seu fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo coidalo na espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta, baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga. E envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Aquel agarrouna entón coas súas mans e introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans, ía privarlle da súa dignidade e reinar entre os Inmortais.


A INFANCIA DE ZEUS

Varios son os mitos procedentes de distintos textos posteriores a Hesíodo que relatan a infancia de Zeus en Creta. Procura información sobre:

1- Quen o coidaba na cova? Quen era Amaltea e Melita? Que animal o visitaba a diario para darlle a ambrosía que lle daba o vigor propio dun inmortal?

2- Que relación din que tivo coa Titánide Metis?

3- Contan que foi Metis quen lle axudou a elaborar un beberaxe que lle tiña que dar a Cronos.

4- Quen eran os Curetes ou Coribantes?



Prosigamos co relato de Hesíodo:

A VINGANZA DE ZEUS

Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano botou fóra de novo a súa prole o poderoso Cronos de mente retorta, enganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e habilidade do seu fillo. Primeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxes, aos que insensatamente encadeou seu pai; aqueles gardáronlle gratitude polos seus beneficios e agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.

.....
CUESTIÓNS:

1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende Oriente, a outra dende Occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia?
6- Uránida significa: “fillo de Urano”. Con que outro nome xenérico son coñecidos os Uránidas Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)? Que quere dicir ese nome coa que se identifican as tres criaturas?
7- A que lugar foron residir os fillos de Cronos e de Rea unha vez liberados polo seu irmán Zeus? Lembra que dende ese momento denominárono pai dos deuses e dos homes. Despois de ver o seguinte vídeo poderás responder a esta pregunta.

Comeza pois a vinganza de Zeus contra os Titáns:

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 01-10-2013 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal