VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Para a próxima proba:
Debemos abordar, en primeiro lugar, os traballos realizados para a segunda entrega do caderno dixital:

A aparición dos mortais na mitoloxía grega:

- As idades do home de Hesíodo e Ovidio: definición e comparación do mito coas etapas da Prehistoria e a historia real dos seres humanos: Paleolítico, Neolítico, Idade de Bronce e Ferro...

- Prometeo, Pandora e os mortais: reflexión creativa sobre os deuses e os seres humanos (homes e mulleres) na mitoloxía grega e as semellanzas e diferenzas con outros relatos mitolóxicos.

- Deucalión e Pirra: Que semellanzas e diferenzas existe con outras mitoloxías. Con que etapa das idades do home de Hesíodo coincidiría? Houbo un diluvio universal?

- Un mito da creación máis filosófico: Platón e o mito dos androxinos. Será verdade iso que se di do amor e o da media laranxa?

- O mundo dos mortos. Descrición do mundo Subterráneo. O sorteo dos mundos: Hades, como chega a ser o deus dos mortos? Ubi sunt?


En segundo lugar, debemos estudar ben o traballado sobre AS PRIMEIRAS ETAPAS DA GRECIA ANTIGA: De Creta a Micenas:

-As primeiras etapas da historia grega: De Creta a Micenas: Os pobos mediterráneos do Exeo, a civilización cicládica das illas Cícladas e a civilización minoica de Creta. Estudar ben as distintas etapas ata chegaren os aqueos (primeira tribo indoeuropea) e finalmente os dorios (a derradeira tribo en entrar na Grecia continental).

- Os espazos da civilización minoica ou cretense: o concepto de talasocracia ( "o poder grazas ao dominio do mar")

-As invasións indoeuropeas: os Aqueos en Micenas: Coñecer a Hélen e as ondas de invasións e as súas consecuencias no asentamento das distintas tribos indoeuropeas na xeografía da Hélade.

- O lineal A dos cretenses non era grego: Sistema de escritura minoica e influencias sobre micénicos. Que idioma era o lineal b?

- Creta e Minos na Mitoloxía: O rapto de Europa, Minos rei de Creta, o Minotauro, Teseo, heroe de Atenas e Ariadna.

- Dédalo e Ícaro no Labirinto: Dédalo de Atenas a Creta. O labirinto e a súa fuxida. A morte de Minos. O palacio do "labris"

- Da casa de Asterión e de Picasso no labirinto.Relato de Borges e recreacións de Picasso sobre o Minotauro.

-Descubre a relación de Creta coa Atlántida: textos de Platón.


En terceiro lugar, camiñamos cara á Guerra de Troia:

-Amores de ZEUS

-O segredo de Prometeo: Peleo e Quirón.

-Peleo e Tetis: A voda e os problemas cos fillos desta parella.

-A voda de Tetis e Peleo: Personaxes para unha guerra: Aquiles, Paris e Helena.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 21-01-2016 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
A VODA DE TETIS E PELEO
Intenta indicar quen é quen na voda da nereida Tetis e do mortal Peleo.
Que deuses coñeces? Como os recoñeciches?

Que sucedeu con Eris (denominada en latín Discordia) ?
Din que este é o primeiro capítulo dunha das máis famosas guerras da Antigüidade. Por que?



Oe, pero quen viña sendo Helena, de quen era filla?

A historia lévanos de novo cara os deuses do Olimpo. Compróbao.

Que foi o quen fixo posible o seu casamento finalmente en Esparta?

Outro dos personaxes importantes nesta historia contan que naceu así:



Imos entrar nos detalles do Xuízo de Paris xa que nos interesa saber os motivos polos que comeza esa relación tan transcendente entre o príncipe troiano Paris e Helena de Esparta, que como xa sabedes estaba xa casada con Menelao.

Sobre PARIS:
1-Que debemos saber sobre o seu nacemento Paris?
De quen era fillo? Que problemas tivo para acabar como pastor de ovellas se en realidade era un príncipe?
2-Por que motivo foi escollido el para ser o xuíz das tres deusas que querían ser as agraciadas coa mazá da Discordia? Cales son as promesas das deusas e cal foi a agraciada coa mazá? Localiza tres cadros de distintas épocas que representen o xuízo de Paris.

Sobre HELENA:
3-Por outro lado, de quen vén sendo filla Helena?
Quen son os seus irmáns e como se chama a súa irmá?

4-A beleza de Helena sempre causoulle problemas, xa antes de casar, pero sobre todo á hora de casar. Como foi seleccionado o seu marido entre os moitos pretendentes que tiña? Que promesa ataba a todos os que desexaban casar con ela? Tivo algo que ver con tal xuramento o astuto Ulises?

5- Os problemas despois de casada non remataron, cal foi o maior dos problemas que tivo e debido ao que se fixo máis famosa?.

6-Localiza tres cadros que representen a historia dos pais de Helena.

Sobre Helena e Paris, os antecedentes da guerra de Troia, existe unha versión cinematográfica do ano 2003 pouco fiel ao mito da que podemos destacar varias escenas o nacemento de Paris, o rapto da nena Helena por Teseo ou o xuramento dos pretendentes no minuto 48 aproximadamente:




Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 15-01-2016 06:23
# Ligazón permanente a este artigo
PARA SABER MÁIS SOBRE OS AMORES DE ZEUS
Un traballo persoal por cada un dos alumnos/as da clase deberá tratar sobre un dos famosos amores de Zeus. Sabemos que Zeus aínda que houbo un tempo en que se lle pasara pola cabeza ter relacions con Tetis, soubo o segredo de Prometeo e rexeitou casra con ela. Pero Zeus tivo numerosas

Zeus e as titánides:
- Xa coñecemos a relación con Metis da que nacerá Atenea.
-
Temis (Moiras, Hespérides e Horas)
- Eurínome (As 3 Cárites ou Grazas)
-Mnemosine (As 9 Musas)
- Maia (Hermes)
- Leto ( Ártemis e Apolo)

Zeus coas deusas olímpicas, as súas irmáns Deméter e Hera:

Zeus e mortais:
- Io en Argos (Épafo)
- Sémele (Dionisio)
- Dánae (Perseo)
- Zeus e Europa, que xa coñecemos ( Minos, Sarpedón e Radamantis)
-Calixto ( Arctos)
- Leda (Castor e Pólux / Helena e Clitemnestra)
- Ganímedes
- Alcmena (Heracles)
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 15-01-2016 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
TETIS E PELEO (o segredo de Prometeo II)
Tetis e Peleo
- Coñeces á deusa do mar Tetis?
- Oín falar que Zeus e Poseidón son os seus pretendentes, pero porque me fas esa pregunta, Quirón?
- A deusa Tetis non se casará con ningún destes pretendentes. Prometeo, encadeado no Caúcaso por orde de Zeus, revelou que o Destino faría nacer dela un fillo superior ao seu pai. De inmediato, os deuses retiraron as súas intencións e constituíronse en consello para debater que mortal será a que a despose.
- Non sei en que me interesará a min esta historia?
- Reflexiona, ti es novo e non vas seguir viúvo para o resto dos teus días… xa sabes que coñézo o porvir. Pois ben sei que este matrimonio está reservado para ti polo Destino.
Peleo sorprendido non manifestou entusiasmo, pero, que podía facer contra os mandatos do Destino?


Os deuses no Olimpo amosaron a súa satisfación, non podían correr o risco de que casara con outro deus, mais Tetis rexeitou a proposición. Zeus foi tallante e deulle ordes de que aceptase a man de Peleo. Pero a deusa cada vez que este se achegaba transformábase en lume ou en auga, en vento , en paxaro e logo fuxía axiña. Aquilo estimulou o amor propio do heroe conquistado ademais pola beleza da filla de Nereo.
Foi Quirón o seu amigo o centauro quen lle dará as claves par impedir que escapase nun próximo encontro, debería suxeitala e soportar pacientemente unha multitude de transformacións ata que a deusa cansase e volvese a súa forma orixinaria.
Así foi e finalmente a voda realizouse no monte Pelión e a ela asistiron os deuses e as musas. O centauro Quirón regaloulle unha lanza de freixo que tiña o don de sandar as feridas que fixera. Todo parecía ir ben, pero aquela voda estaría marcada pola Discordia. Eris que non fora invitada arroxou unha mazá dourada coa lenda “para a máis fermosa” para provocar as disensións entre as deusas e aquel matrimonio, a pesar de que Peleo colmaba de atencións á deusa, non sería feliz.
Tetis tivo un primeiro fillo e a deusa pensou no medio de eliminar do seu ser todos os elementos que o facían mortal. Axudándose do lume e na ausencia de Peleo botouno no medio das lapas e aquel neno morreu. Pasou o mesmo co segundo, o terceiro e así ata o sexto. Peleo estaba desesperado pois a primeira vez convencérao de que fora un accidente, pero xa no terceiro a deusa acosada por polas preguntas do noso heroe confesou a verdade.
-Só pretendo quitarlles a súa humanidade e aínda que o fago mal prefiro velos morrer así a que leven unha vida indigna da súa nai.
Pero Tetis seguira burlando a súa vixilancia. Cando o nacemento do sétimo se chegaba Peleo lembrouse do seu amigo o centauro, Quirón seguro que lle podería axudar. Como non se daría antes conta de pedirlle consello? Tería salvado esas vidas inocentes.
-Estaba esperándote. Sei a que vés. O teu sétimo fillo non perecerá entre as lapas. Converterase en alguén máis grande ca ti. Mais deberás estar moi vixilante en canto naza.
O neno naceu e déronlle o nome de Aquiles. Era un bebé fermoso e forte cos beizos curvados nunha especie de sorriso. Peleo sentía a Tetis nerviosa, irritable a medida que os días pasaban, pero el non baixaba a garda.
Un día a deusa ausentouse, Peleo pensou poder abandonar a vixilancia durante uns instantes, pero non fora máis que unha das astucias de Tetis. Cando quixo volver á habitación, xa estaba botando ao lume ao neno. Peleo arrebatoulle ao recentemente nacido das mans e a deusa vencida marchouse definitivamente a residir no mar coa súas irmás, negándose a volver ao seu carón. Pero Peleo estaba agora preocupado polas queimaduras que sufrira o pequeno. Sobreviviría? Só en dous lugares aparecía tocada a criatura. Nos beizos e no talón dereito. Tomou o neno no colo tras envolvelo coidadosamente e dirixiuse ás presas cara a cova do centauro Quirón.
-Tiñas razón que o meu fillo viviría -díxolle- pero está malferido. Ti podes curalo. Non permitas que unha enfermidade o marque ata a fin dos seus días.
O centauro comprobou que o óso fora case totalmente calcinado, había que colocarlle un novo. Quirón pensou en Damisos. Un xigante particularmente rápido na carreira. Acababa de morrer. O centauro desenterrouno e sacoulle da súa perna dereita o talón do pé que lle adaptou ao do neno. Polo que Aquiles ía logo ser chamado por Homero por iso “o dos pés lixeiros”, aínda que o seu nome literalmente significa “sen beizos” porque esa marca non foi reparada por Quirón. Hai quen asegura que Tetis marchara e non volvería a ver a Aquiles na súa infancia porque conseguira bañalo sendo un bebé nas augas da Estixe, río do Inferno que facía invulnerables a todos os que nela se mergullaban, pero foi no talón precisamente por onde a deusa sostivo á criatura para podelo meter na auga que lle conferiría a Aquiles a invulnerabilidade case que total, a non ser por aquel lugar polo que a deusa o agarrara.
Peleo vendo que Tetis non volvía e comprobando o cariño con que trataba o centauro ao seu fillo, pediulle ao seu amigo que aceptara facerse cargo da súa educación. Naturalmente o centauro aceptou, alimentado pola súa esposa a ninfa Cariclo nos primeiros anos para logo ensinarlle a cazar a domar cabalos e tamén algo de medicina. Quirón daríalle tamén carne de león e xabarín para que lle comunicaran poder e tamén de mel para que fose doce. Soubo por el que era a música e o canto o desprezo dos bens materiais e medrou axiña un heroe sabio e forte digno dos cantos que Homero inmortalizou na Ilíada.
Na máis recente versión cinematográfica da guerra de Troia, a única ocasión na que aparece unha deusa en escena é aquela na que Aquiles vai ser visitado de novo pola súa nai Tetis para advertirlle das dúas posibilidades que ten ante a guerra con Troia que Agamenón prepara. Opta por unha vida curta e gloriosa embarcándose na expedición dos gregos ou ben desexa vivir moitos anos, pero sen gloria. Aquiles aceptará a primeira segundo Homero, aínda hai autores posteriores que defenden que Tetis foi quen de ocultalo na corte do rei Esciro.

CUESTIÓNS:Despois de ler lembra e contesta:

5- Cal era o segredo que gardaba Prometeo e que ten que ver con Peleo?
6- Con quen casa Tetis finalmente? Que problema ten cos seus fillos?
7- Quen e como logrará que vaia a diante o sétimo dos fillos de Tetis? Por que Tetis mergulla ao seu fillo na lagoa Estixe? como se chama ese fillo?
8-Quen criará finalmente a este afortunado rapaz?
9- Porque cres que a Tetis intenta ocultar ao seu fillo, sendo xa todo un mozo, segundo nos conta Homero? Saberás investigar ata atopar quen é, e como consigue que finalmente o gran fillo de Tetis e Peleo vaia á guerra contra Troia?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 12-01-2016 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
PELEO e o Segredo de Prometeo (I)
Para poder resolver o misterio que gardaba Prometeo temos que coñecer a historia dun heroe chamado Peleo. Imos saber quen era:


Peleo e o centauro Quirón.
Peleo, fillo de Eaco, atopábase lonxe de Exina, a súa cidade natal. Incribles aventuras conducírano primeiro a Pitia, onde o rei Euritión lle dera a súa filla Antígona en matrimonio. Por desgraza, matou accidentalmente ao seu sogro no curso dunha cacería en Calidón e tivo que exiliarse de novo.

Atopara refuxio na corte de Acaste, que lle purificou daquela morte. Por que razón non recobrou inmediatamente a súa esposa, que permanecera en Pitia, a historia non o precisa. Este retraso estivo a piques de provocar a súa perdición. Era Peleo un bo mozo e Astidamía, muller de Acaste experimentou por el un violento amor. Naturalmente Peleo non quería traizoar nin a Antígona, á que amaba tenramente, nin ao seu hóspede que o recibira con tanta xenerosidade. Foi entón cando el lle dixo á raíña:
- Debemos pensar nos nosos compromisos. Maldigamos a nosa sorte por non termos coñecido antes, pero, por favor, tratemos de cambiar este amor imposible en amizade.

Astidamia finxiu aceptar a prudente solución. Pero desexou vingarse pois o seu amor frustrado transformarase en ira. Comezou por enviar secretamente un mensaxeiro a Pitia. Antígona estaba sen novas do seu home dende facía moito tempo. E o seu corazón deu un chimpo de alegría, pero ao ler a carta que dicía que Peleo mantiña amores coa esposa do rei Acaste palideceu ao instante e decidiu, levada da desesperación, aforcarse na intimidade da súa habitación.
Axiña foi Astidamía na procura do seu esposo para acusar a Peleo da falta da que ela mesma era culpable. O rei gardou un silencio sombrío e estivo varios días sen falar para, por fin anunciar que á mañá seguinte partiría de cacería.
- Serás dos nosos? – preguntoulle a Peleo.
E Peleo aceptou non sen temer algunha trampela, pois o silencio dos últimos días non lle parecía un bo presaxio. Mais Acaste non decidira aínda a forma de tomar vinganza. Non lle permitían as leis da hospitalidade cometer homicidio e pensou que unha cacería aumentaría as ocasións de accidente.
A cacería foi moi animada, ninguén dos participantes sospeitaba nada. A caza era abondosa e facíanse apostas sobre quen conseguiría maior número de pezas. Como o día estivera xa moi avanzado preguntaron a Peleo cantos animais abatera. Amosando o seu saco descubriu quince presas e todos os cazadores recoñecérono coma o mellor da xornada. Moitos despois de festexalo deitáronse no chan e botaron unha soneca. Peleo foi un deles. O rei pensou que chegara o momento, e tras comprobar que Peleo durmía, achegouse sen ser visto e quitoulle a espada agochándolla non moi lonxe de alí. Despois liscou xuntou aos cazadores esperando que durante a noite as feras da montaña caeran sobre o heroe desarmado.
Cando Peleo espertou viuse rodeado de bestas monstruosas, e chegou a crer nun principio que aquilo era unha broma dos compañeiros de caza, porque estes monstros levaban unha cabeza de home e de tal tiñan o peito, pero o resto dos seus corpos parecían os dun cabalo. Eran os centauros e axiña caeu na conta do perigo no que estaba porque estes animais de dobre natureza se alimentan de carne crúa. Cando foi buscar a espada, non a atopou, e sen apenas moverse estaba pensando en que sería mellor, loitar ou facerse o morto. De súpeto un dos centauros achegóuselle cunha espada na man.
- Cóllea- díxolle- foi a que che quitou o rei Acaste, Quirón devólvecha para que poidas escapar da furia dos seus semellantes.
Así soubo Peleo que o centauro Quirón non era como os outros. O seu nacemento fora máis nobre. Namentres os outros descendían do rei de Tesalia Ixión. El debíalle a vida a unha filla de Océano, Filira e do deus Cronos. Ademais era un bo amigo dos homes non era nómada vivía nunha cova ao pé do monte Pelión, pois os demais centauros non tiñan domicilio fixo. Quirón practicaba a mediciña que lle ensinara Apolo. Quirón tamén ensinaba, era mestre de moitos heroes gregos. Estaba dotado do don da adiviñación e coñecía a historia de Peleo, mesmo a morte da súa muller Antígona que el ignoraba aínda. Foi Quirón quen lla narrou co maior dos coidados e ofreceuse a axudarlle sempre que o necesitase. Tamén foi Quirón quen lle animou a coñecer a Tetis, cando xa pasara algo máis dun ano desde que se coñeceran.

Despois de ler lembra e contesta:

1- Peleo tivo mala sorte no seu primeiro matrimonio a causa da morte do seu sogro, que ocorreu ?
2- Que lle pasou coa raíña Astidamía, de que acusa a Peleo ante o rei Acaste?
3- Cal foi a reacción de Acaste?
4- Que vai a librar a Peleo dunha morte segura?

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 12-01-2016 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
DA CASA DE ASTERIÓN E DE PICASSO NO LABIRINTO DO MINOTAURO
Convén ter ben presente algunhas das relecturas que se veñen facendo sobre o famoso mito do Minotauro tanto en literatura como noutras ramas da creación.

Comecemos polo relato de Jorge L. Borges titulado: La casa de Asterión.

Este relato está baseado, como confesou o seu autor, nun cadro de George F. Wats

Cuestionario:

Sobre o relato de Borges convén despois de ler saber quen era Asterión e quen é o protagonista do relato.

Que semellanzas e diferenzas atopas tras ver o cadro e ler o relato entre o Minotauro que aparece nestes e o Minotauro do mito grego, aquel mostro que estaba encerrado nun labirinto, que devoraba carne humana e ao que matou o ateniense Teseo.


Logo pasaremos á presenza do Minotauro na obra de Picasso. Que é o Minotauro para Picasso? Por que establece con esta figura mitolóxica unha relación tan especial o pintor cubista?
Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 08-01-2016 07:12
# Ligazón permanente a este artigo
Dédalo e Ícaro
Un mito que parte de Atenas e que nos leva a Creta é o do inventor Dédalo e o seu fillo Ícaro.

Dédalo tivo que fuxir da súa cidade, por que?

Para que foi contratado por Minos en Creta?

Contan que tamén axudou en segredo a Pasifae, en que cousa? Sería esta a causa do seu posterior castigo?

Cal foi o castigo de Minos?

Como se liberou de semellante castigo?
Que lle ocorre finalmente ao seu fillo Ícaro?

Onde acaba os seus días Dédalo? Cal é o derradeiro encontro co rei Minos? Como din que morre Minos?

Este mito de Dédalo ten moitos paralelos coa historia de Teseo e o Minotauro. Por quen cres que foi inventado? Razoa a resposta.
Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 08-01-2016 07:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal