VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Comparando a ILÍADA coa película de TROIA
A Guerra de Troia do mito, a de Homero e a do cinema
Estamos vendo na aula a película de Wolfgang Petersen titulada Troia, pero á vez imos ir procurando semellanzas e diferenzas co mito e co relato de Homero.
Comezamos coas primeiras escenas que son a introdución do filme, onde destacan o rapto de Helena e o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos.

Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada e que aquí desaparecen como personaxes activos, tan só aparecerá dun xeito moi sutil a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.

Botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida logo falaremos.

Imos lembrar algúns pormenores previos aos combates en Troia. Procura pois as respostas axeitadas:

1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?

Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:

NA PROCURA DE PARECIDOS
1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras na película?

2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida.
Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.

3- Paris enfróntase a Menelao. Morre alguén neste singular combate? Como conta este asunto Homero consulta os cantos III e IV da Ilíada?


CONTINUARÁ

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 24-01-2012 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
DE DOUS DEUSES IRMÁNS E A GUERRA DE TROIA
Hai dous deuses que son ademais irmáns xemelgos, que nacen dunha coñecida historia amorosa de Zeus cunha Titánide, Leto (chamada Latona, en latín).
1- Investiga pois os problemas que tivo esta divindade unha vez que Hera, a que é esposa oficial de Zeus, terá con ela.

Sobre ARTEMISA: Esta deusa virxe da caza estará moi presente na partida dos gregos cara a guerra de Troia.
Esta deusa foi ofendida en certa ocasión por Agamenón, o poderoso rei de Micenas, irmán de Menelao e caudillo dos gregos.
2-Cal foi esa ofensa? Cal será o castigo que a deusa solicita para Agamenón? Como engana Agamenón a súa filla neste asunto? Con quen di a súa muller, Clitemnestra, que a vai casar?.
3- Outra deusa, nai dese heroe grego co que queren casar a Ifixenia, intentara por todos os medios que o seu fillo non fose a Troia, pero de novo Ulises descubriría o seu agocho, como o fixo? En que consistía esta trampela e como se chamaban o heroe descuberto pola astucia de Ulises e a súa nai?

Sobre APOLO: Deus da beleza e arqueiro (coma a súa irmá). Vai ser confundido con frecuencia co deus solar, Helios. Pero os seus dons teñen que ver máis coa adiviñación.
3-Que ten que ver Apolo con Delos? Que lle pasou en Delfos?
4- Cal é o conflito que se relaciona con este deus descrito no canto 1 da Ilíada de Homero, no noveno ano do asedio de Troia?
5-Que relación ten Apolo cunha princesa troiana, filla de Príamo e de Hécuba, e polo tanto irmá de Paris e de Héctor? Repara nos detalles dos problemas que ten o deus con esa princesa troiana Casandra?
6-Fíxate na representación destes deuses, que elemntos representn a Apolo?
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 19-01-2012 23:49
# Ligazón permanente a este artigo
Do Xuízo de Paris ao rapto de Helena
Imos entrar nos detalles do Xuízo de Paris xa que nos interesa saber os motivos polos que comeza esa relación tan transcendente entre o príncipe troiano Paris e Helena de Esparta, que como xa sabedes estaba xa casada con Menelao.

Sobre PARIS:
1-Que debemos saber sobre o seu nacemento Paris?
De quen era fillo? Que problemas tivo para acabar como pastor de ovellas se en realidade era un príncipe?
2-Por que motivo foi escollido el para ser o xuíz das tres deusas que querían ser as agraciadas coa mazá da Discordia? Cales son as promesas das deusas e cal foi a agraciada coa mazá?

Sobre HELENA:
3-Por outro lado, de quen vén sendo filla Helena?
Quen son os seus irmáns e como se chama a súa irmá?

4-A beleza de Helena sempre causoulle problemas, xa antes de casar, pero sobre todo á hora de casar. Como foi seleccionado o seu marido entre os moitos pretendentes que tiña? Que promesa ataba a todos os que desexaban casar con ela? Tivo algo que ver con tal xuramento o astuto Ulises?

5- Os problemas despois de casada non remataron, cal foi o maior dos problemas que tivo e debido ao que se fixo máis famosa?.

6-Que ten que ver a ilustración que acompaña esta entrada con Helena? De quen é este famoso cadro. Investiga os detalles deste mito.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 13-01-2012 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
A VERDADE SOBRE TROIA

Na clase xa visualizamos un documental sobre o tema elaborado por National Geografic.
Intenta respostar a tres dilemas:

1º Existiu realmente Troia? Como foi localizada esta antiga cidade no século XIX, tras perdérselle a pista durante séculos e crer que era unha cidade ficticia inventada por Homero? Quen levou a fama desta reaparición de Troia foi H. Schliemann. Pero como o logrou? Que outras excavacións de importancia fixo? O tesouro que el chamou de Príamo ou a máscara de Agamenón pertenceron realmente a estes personaxes?



2º Tivo lugar realmente a guerra de Troia? Foi Helena o seu motivo? Parece ser que outro arqueólogo, Carl Blegen nas súas excavacións de 1932-1938 axudou a respostar á primeira pregunta ao atopar os niveis VI e VII de Troia. Pero serían excavacións máis recentes as dos anos 1993 as que aporten datos máis clarificadores sobre unha posible guerra de Troia de dimensións máis grandes e acordes coa que aparece nos textos de Homero. Lembra os datos do documental visto para responder a estas dúas preguntas.

3º Existiron realmente Helena, Menelao, Agamenón, Aquiles, Príamo ou Paris? Parece ser que os estudos dos textos Hititas xunto con datos arqueolóxicos ofrecen información sobre algúns destes personaxes ao aparecer neles tanto a cidade de Troia baixo a denominación de Wilusa que transcrito ao grego daria Ilios ou Ilión, nome co que se denomina Troia ( lembra que o poema homérico chámase precisamente A Ilíada, porque narra unha parte da guerra de Ilión). Tamén aparece un rei denominado Alaksandu, que ben podería ser Alexandre, é dicir o outro nome de Paris. Mesmo citan aos seus inimigos o rei de Ahijawa (que podería ser Acaia, é dicir os aqueos, unha das denominacións dos gregos).

Finalmente no documental aparecen tres hipóteses sobre o cabalo de Troia:
1- A que fose certo o mito, unha trampa de Odiseo.
2- A que sexa unha metáfora dun terremoto, Poseidón era o deus do mar e dos terremotos, cuxo animal é o cabalo.
3- A que sexa unha arma de asalto en forma de cabalo que permitira entrar en Troia aos gregos.

Para saber máis podes ver este documental: a verdadeira historia sobre Troia ou se o prefires este outro, menos interesante e centrado máis no contido da Ilíada de Homero e titulado: Troia, mito ou realidade?
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 12-01-2012 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
Da mazá da Discordia ao Xuízo de Paris.
Camiñamos cara un dos ciclos máis interesantes e importantes da Cultura clásica. Falamos da Guerra de Troia. Como sempre comezamos coa mitoloxía.

" Á voda de Tetis e Peleo (xa recordamos porque Tetis, unha divindade tivo que casra cun mortal) houbo unha deusa que non foi invitada. Era Eris, que en grego vén sendo algo así como "Discordia". Ela a pesar de todo asistiu de forma sorpresiva á cerimonia levando consigo un agasallo ben curioso.

Investiguemos pois:

Que agasallo era?
Quen son os peresonaxes deste cadro titulado " A voda de Tetis e Peleo" de Jordaens ?
Que problema teñen?
Busca varias ilustracións sobre o seguinte capítulo da "historia" que poderiamos titular así: "O xuízo de Paris".
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 09-01-2012 06:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal