VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Proba do 3º Avance

As probas do 3º avance terán tres formatos:

PARA OS QUE SUPERARON AS PROBAS DE LECTURA

As etapas da historia da Antiga Grecia nas páxinas do libro (páx.30-31) ou dende as invasións dos dorios ata a época helenística.

As Olimpíadas, curiosidades iniciais.

Orixes e evolución do teatro.
Os mestres da verdade libro de texto páx. 160-163.
Euménides ou Erinias
Delfos antes e despois do santuario.
Abecedario sobre a saída a Ourense.

Da sociedade da gens á sociedade dos servi.


PARA OS QUE TIVERON MAL UNHA DAS (OU AS DÜAS) PROBAS DE LECTURA.

Dúas preguntas sobre a obra(s) de lectura obrigada(s).

As etapas da historia da Antiga Grecia nas páxinas do libro (páx.30-31)ou dende as invasións dos dorios ata a época helenística.

As Olimpíadas, curiosidades iniciais.

Orixes e evolución do teatro.
Os mestres da verdade libro de texto páx. 160-163.
Euménides ou Erinias
Delfos antes e despois do santuario.
Abecedario sobre a saída a Ourense.

Da sociedade da gens á sociedade dos servi.


PARA OS QUE TIVERON NON FIXERON BEN AS PROBAS DE LECTURA.

Seis preguntas sobre a obra(s) de lectura obrigada(s).

As etapas da historia da Antiga Grecia nas páxinas do libro (páx.30-31) ou dende as invasións dos dorios ata a época helenística.

As Olimpíadas, curiosidades iniciais.

Orixes e evolución do teatro.
Os mestres da verdade libro de texto páx. 160-163.
Euménides ou Erinias
Delfos antes e despois do santuario.
Abecedario sobre a saída a Ourense.

Da sociedade da gens á sociedade dos servi.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 24-04-2016 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
DA SOCIEDADE DA GENS Á SOCIEDADE DOS SERVI

Imos comprobar na historia da Grecia Antiga e tamén na de Roma como as sociedades antigas sofren un proceso semellante de paso dunha sociedade da gens onde a linaxe e o sangue son esenciais na configuración das clases cara a outra sociedade, unha civilización onde as guerras imperiais e a ampliación do número de escravos son motores dun cambio que as levará posteriormente a súa desintegración nunha etapa distinta da historia.


UNHA MIRADA COMPLEXA E COMPLETA CARA AO MUNDO ANTIGO

Os libros de texto ao uso falan das etapas de Grecia ou de Roma fixándose só nunha parte do proceso (os tipos de goberno existentes) pero con frecuencia esquecen ligar ao proceso á economía e a súa relación externa cos seus veciños. Aínda que nos axudan a comprender dita evolución os sistemas de goberno que rexeron en ambas culturas non nos ofrecen unha visión completa para comprender ben este cambio de sociedade temos que observar á vez as transformacións que na economía e nas clases sociais se van producindo. Van ser determinantes tamén as guerras que marcan un antes e un despois na configuración das sociedades antigas como veremos pois tras os conflitos bélicos se inician transformacións internas derivados da aparición dos escravos.

Como se dá en Grecia e en Roma?

Sociedade da gens(sangue,linaxe) organizada en función da orixe, da pertenza a un clan en grego "γένος" ou grupo de familias. As palabras que nos textos aparecen referenciando esta linaxe son:
En GRECIA: oligarquía,aristocracia.
En ROMA: monarquía, patricios.

Tanto en Grecia na polis (cidade-estado) de Atenas, como en Roma as sociedades gobernadas exclusivamente por unha aristocracia que goza de plenos dereitos nos séculos VIII a.C. ao VI a.C. van ir sufrindo unha evolución interna que consiste na aparición dun grupo social sen dereitos inicialmente, ligado a artesanía e ao comercio e que vai ir pouco a pouco reclamando o seu espazo na política, de aí o nacemento e desenvolvemento das leis escritas.

En GRECIA: Democracia.
En ROMA: Comitia.Plebeos.

Cando se están a dar pasos cara á equiparación de dereitos irrompen primeiro en Grecia, algo máis tarde en Roma certas guerras con inimigos exteriores que transforman profundamente as sociedades da gens.

As Sociedades dos servi: As fórmulas de goberno, tras das Guerras Médicas e do Peloponeso en Grecia, como tras das Guerras Púnicas en Roma, derivan máis ou menos rápido cara a creación dunha política exterior moi agresiva (imperios) e a unha sociedade fortemente desigual (escravismo).

O caso de Atenas que foi derrotada por Esparta e logo sometidas ao breve imperio do macedonio de Alexandre o Magno, vai ser ben distinto ao caso de Roma que fará perdurar o seu Imperio durante varios séculos xusto ata o momento en que a desintegración do escravismo dará lugar a un novo sistema social e comeza a denominada Idade Media.


Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 18-04-2016 07:53
# Ligazón permanente a este artigo
homo homini lupus

Quixeramos facer unha pequena lectura crítica sobre dúas obras de teatro, unha traxedia grega de Esquilo e unha comedia de Plauto, Os Menechmos (ou Xemelgos) que se representaron onte en Ourense no XVI Festival xuvenil GRECOLATINO 2016 que organiza a Sociedade de Estudos Clásicos en Galicia.


Satisfacción e/ou decepción?

Debemos dicir, en primeiro lugar, que as obras representadas pola Compañía de Teatro Noite Bohemia da Coruña, cumpriron as espectativas previstas, especialmente entre o público estudiantil, aínda que cremos que entre os docentes asistentes nos reservaramos unha lectura máis crítica e axustada aos obxectivos que se propoñen.

Antes indicar que a compañía de teatro escolar está formada integramente por alumnos/as de Secundaria do IES. Ramón Menéndez Pidal(Zalaeta)e o seu director é Javier Fernández Mariño.

Destacaremos o gran traballo actoral relizado polos actores protagonistas. Falamos do tempo de ensaio e de preparación das obras que sabemos foi para este grupo de mozos e mozas duro, pero tamén moi loable o resultado que se percibe vendo as ambas obras. Tamén dicir que sempre é máis fácil criticar que facer, aínda que as dúas cousas son complementarias, pois para facer mellor as cousas é necesaria unha boa crítica.

Representar As EUMÉNIDES de Esquilo é un reto de por si pois sempre foi a menos representada, a que ten unha trama "menos tráxica" e de maior dificultade de comprensión, polo menos para un público pouco experto. O resultado, volvemos a dicilo, foi moi positivo, porque sobresae o traballo coral, dese protagonista colectivo que é o coro de Erinias que resolven con forza e rotundidade, tanto que por veces aos outros protagonistas, os actores individuais Atenea, Orestes ou mesmo Apolo non brillaban cun fulgor semellante.

O peor desta versión da traxedia, para o noso gusto, foi un final mal resolto en escena tendo en conta o sentido do xuízo co que quixo concluír a triloxía da Orestíada Esquilo. O xurado do Areópago, é dicir, os cidadáns de Atenas do xurado, deberían ter maior presenza (non nos referimos a que estean permanentemente sentados ante o público, como o estaban formando parte do decorado da obra), falamos de ser máis actores en todos os sentidos (na montaxe eran só dous e interveñen literalmente tan só dous segundos) e que entren cando Atenea lles dá cabida na escena, para logo facer da votación un momento clave subliñado con solemnidade, por exemplo, implementados con certa escenografía ou mesmo un reforzo musical (como os dedicados a outros momentos da obra, algúns deles claramente prescindibles, baixo o noso criterio, e dos que non é conveniente abusar). Tampouco estivo ben resolto o proceso de persuasión das Euménides por parte de Atenea, convertindo o final da obra no de menor tensión dramática (se cadra un defecto do propio orixinal de Esquilo, xa dixemos que é a traxedia menos tráxica). Nun teatro escolar faríase comprensible e aconsellable botar man das ideas das distintas adaptacións profesionais desta obra que directores de gran prestixio internacional actuais acometen con maior rigor e fortaleza dramática.

Hai outras pequenas cousas que nos chamaron á atención que se poden entender nunha versión de Esquilo pegada ao texto, pero se nos atrevemos a introducir elementos que poderíamos denominar como modernos é mais doado facer unha crítica, máis ríxida porque as posibilidades son moitas e interesantes, e as escollidas pouco agraciadas e torpes. O vestiario lémbranos os dos contos de Disney máis que a Antiga Grecia (poñemos por caso o vestido de Atenea), podemos dicir o mesmo das Erinias que realmente teñen máis difícil solución, pero os cornos que levaban enviaban ao público imaxes de malvadas bruxas de película infantil e non algo máis evocador do mito grego.

Pasemos á comedia de Plauto, Os MENECHMOS, se ben as sensacións iniciais do público son ben distintas, pois preguntados os alumnos/as asistentes para unha gran maioría, gustou máis esta que aquela, debemos saber prescindir desta impresión inicial que ten máis que ver coa menor dificultade na comprensión, do dinamismos e do humor propios do subxénero da comedia.
Se prescindimos logo da risa fácil e escaravellamos un pouco do que nos rimos e o por qué, entón o xuízo sobre esta peza de Plauto e da súa adaptación vai cambiando.

Sabemos que Plauto vivíu no século II a.C. na que o teatro era unha ferramenta de diversión popular e para divertir as masas, copiábanse e refundíanse obras doutros autores, sen preocuparse máis que dun obxectivo: facer rir. E nunha sociedade como aquela, tremendamente clasista e moi machista, os chistes eran os que eran e as situacións cómicas tamén. Isto fai que as obras de Plauto dean pé a unha actualización case irremediable que os grupos de hoxe e de todos os tempos abordan sen medo introducindo constantes alusións ao presente no que se representa. Non deixa de ser penoso e lamentable que, tras séculos de humor machista, clasista e intranscendente, volvamos a traer a Plauto dende a antigüidade latina para non modernizalo plena e intelixentemente e que nos empeñemos en representar a Plauto como algo caduco.

Plauto será un autor de hoxe sempre que busquemos unha adaptación moderna de verdade, que saiba liberarse dos prexuízos e lacras do pasado, que non as estimule de novo vellas e deporables formas de pensar, porque se non, estamos caendo nunha versión do Plauto fofa e burda que tanto gustaba ao seu público, pero distante dun público realmente moderno e actual.

Con estas experiencias teatrais como as do Festival de Teatro Juvenil Grecolatino, estamos educando tamén a un público novo, crítico e aberto. O público de hoxe debería ser distinto, é dicir, un público do XXI. Para os espectadores do século XXI Plauto debe ser valorado como un creador que provoca o riso constante con equívocos e situacións aparatosas, con personaxes caricaturescos pouco definidos en xeral, pero con grandes defectos. Un canto á diversión que se fixa dos defectos da sociedade cunha intención astuta, libre e crítica. Por que non rir no século XXI como un Plauto de hoxe o faría,rir das ridículas manifestacións do machismo, dos clasismos desfasados, dos equívocos cos que se alimentan un bo número de telecomedias, algúns monologuistas e boas películas cómicas que triunfan nas pantallas no presente? Por qué se son defectos da nosa sociedade, seguimos facendo apoloxía deste tipo de actos e actitudes vellas e inxustificables?

O abuso e exceso nas adaptacións son tan frecuentes como escasas e raras as propostas de revisión de Plauto con esa óptica moderna. O teatro profesional que está representando en prestixiosos Festivais de teatro como o de Teatro Clásico de Mérida tamén aposta por esas versións caducas e antigas de Plauto, pouco respectuosas co orixinal (sempre son posibles as representacións absolutamente fieis ao autor e á época)pero sobre todo, pouco respectuosas cos espectadores de hoxe.

Pois ben este defecto é o que Noite Bohemia acometeu, unha versión pasada, pretérita de Plauto, cargada de apoloxías machistas, clasistas que veñen de vello co texto latino e outras novas engadidas polo director e actores sobrecargándoa de chistes fáciles e alegatos pouco recomendables para o público actual, especialmente o dos estudantes de Secundaria (lembremos que estamos participando dunha experiencia didáctica que pretende enriquecer).

Apostamos por outros Plautos máis modernos e intelixentes, amigos do progreso, menos caducos e tan vivos como precisan tempos novos capaces de superar lacras do pasado que debemos saber transformar, divertíndonos co riso como ferramenta, sen ser, enténdase ben, timoratos ou caer en puritanismos conservadores, tamén caducos.

O Festival Xuvenil GRECOLATINO está sendo un éxito, sendo, a día de hoxe, un dos maiores eventos teatrais de Galicia, seguramente o maior. Pero "non é ouro todo o que reloce".Reflexionemos e non nos deixemos levar pola boa resposta do público. Esta non debe ser mal interpretada, nin mal aproveitada. Fagamos unha lectura máis fonda e esixamos algo máis desta fermosa iniciativa escolar que está en marcha. Xa o deixou dito un comediógrafo latino chamado Terencio e posterior a Plauto "Homo homini lupus" (o home é un lobo para si mesmo). O teatro segue tendo un potencial grande para educar á sociedade, as representacións ás que asistimos así o transmiten. Procuremos que esta función didáctica do teatro non se volva na nosa contra en cousas tan elementais e tan necesarias como esta da igualdade entre homes e mulleres.






Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 14-04-2016 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
Visita a Ourense ao FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO


Imos ver dúas obras: a traxedia de Esquilo, Euménides e a comedia de Plauto, Menechmos. A nosa visita a Ourense servirá ademais para abrir novos camiños de coñecemento sobre o mundo clásico e a nosa terra, Un abc de coñecementos:

Imos comezar a nosa visita sabendo o que é unha ARA, un monumento dedicado a unha deidade en cumprimento dunha petición por algunha causa. como esta dedicada ás Ninfas aparecida en 1802 nas primeiras excavacións na zona :



Deidade a quen se lle dedica: NYMPHIS

Persoa que lla dedica: CALPURNIA ABANA AEBOSO


Motivo: EX VISU ( por un soño ou visión)

Fórmula final: V. S. L. (Votum Solvil Libens: "cumpriu gustosamente o voto /desexo / petición")



As orixes de Ourense están asociadas ás augas termais, nas excavacións máis recentes ( 1995-2010) na zona atopáronse varias aras dedicadas a un deus preromano denominado REVVE ANABARAEGO.

BURGA: Entre o CELTA Beru ?quente? e o LATÍN burca ?pía?.


Visitamos tamén o Centro de interpretación das Burgas e comprobamos que os romanos xa realizaron neste lugar un complexo termal.

CATEDRAL: Na visita á Catedral de Ourense reparamos especialmente no Pórtico do Paraíso, marabillosa representación do Románico policromado.

DIONISOS: Fixemos un alto na Sala de Exposición escultórica do Museo Provincial (que aínda está en proceso de remodelación) para contemplar o contrastre escultórico entre o castrexo e o romano. Reparamos así na curiosa estatua de Dionisos e o sátiro Ampelos.

EUMÉNIDES de ESQUILO: Asistimos logo á primeira das representacións As Euménides de Esquilo. Unha traxedia grega representada polo grupo Noite Bohemia.

FERRO
Desprazámonos a seguir cara ao Parque arqueolóxico de San Cibrao de Lás onde, tras a comida, comezamos unha visita guiada á Idade do Ferro, ao século II a. C. coetáneo da obra de Plauto que íamos ver pola tarde.

Este é o primeiro achegamento á Cultura Castrexa no presente curso que irá afondándose a partir desta primeira experiencia didáctica ao pé dun castro, un dos máis grandes de Galicia.

GALLAECIA: Un dos primeiros datos que debemos reter é que o territorio da cultura máis antiga da nosa Terra é un espazo que ocupa maior extensión que a actual Galicia. A cultura Castrexa abrangue Galicia, Norte de Portugal, parte de Asturias, León e Zamora como acredita a arqueloxía e cando chegaron os romanos van certificalo coa configuración neste espazo dunha Provincia romana denominada Gallaecia.

HOSPITIUM (tabula)
Os romanos, como comprobamos conquistaron o territorio despois dun longo proceso no que se deron curiosos pactos de hospitalidade como testemuñan as tábulas ou tesserae hospitium.

INVESTIGATIO:
Imos realizar un estudo detallado sobre esta etapa primixenia da nosa cultura, de como se produciu este encontro dunha cultura máis atlántica coa cultura mediterránea que trouxeron os romanos.

LÁS (antiga Lansbrica)
Deste castro partirá logo a nosa investigación sobre a confluencia que denominamos galaico-romana, para a que Ourense como puidemos comprobar aporta importantes datos. Un dos centros de referencia para o estudo desta época é o Centro de Lansbrica e as excavacións (ata o de agora dunha pequena parte da citania) que visitamos.

MENECHMOS
A continuación volvemos a Ourense onde asitimos no Auditorio a segunda das obras previstas, a Comedia dos Xemelgos ou Menechmos de Plauto.

A modo de resumo: NYMPHIS. Nunha ARA dedicada ás NYMPHAS, deidades romanizadas relacionadas coa auga e o seu poder curativo, nos lembra a orixe de OURENSE que, se cadra, en lugar de chamarse así polo ouro que arrastraba o Miño, era un espazo coñecido polas súas augas termais ( o topónimo hai quen dí que procede da expresión latina "aquae URENTES", é dicir augas abrasadoras, en lugar da cidade auriensis que quere dicir "de ouro").

PLAUTO: A obra de Plauto deu pé a realizar unha pequena reflexión de como se debe adaptar unha obra clásica aos tempos presentes. Debe unha actualización da obra reproducir a visión caduca e decadente doutra época, deben formar parte da súa representación moderna o fomento de usos e costumes hoxe criticables? Ou debe xogar un papel máis didáctico e acorde cos nosos tempos como obra de teatro adaptable á actualidade que incorpora a través do humor unha crítica audaz aos defectos dos nosos días sen caer nos chistes machistas e clasistas pretéritos que deberían estar pasados de moda?

QUERQUERNIS AQUIS (AQUILA) Esta visita servirá tamén para comezar a abordar a ROMANIZACIÓN da Península e analizar a repercusión que tivo tanto sobre as sociedades sometidas daquela, como nas consecuencias posteriores á conquista que aínda hoxe podemos observar na sociedade actual.

SAN CIBRAO/ SOL Un documental sobre a ubicación do castro e o solsticio de verán.

THEATRUM ( a etimoloxía do teatro vén do verbo grego ver "theomai" e o sufixo "-tron" e qeure dicir: "lugar para ver") Dúas obras que lemos e que vimos representadas e que agor apoderemos analizar con calma.

VISU. Calpurnia disque que cumpriu un soño ofrecendo a Ara ás Ninfas. Tamén a nosa saída é unha especie de soño e de visión que nos permitiu viaxar no tempo e a través da historia coa cultura e as palabras como compañeiras ineludibles da sabedoría.

X horas imos pasar nesta cidade onde aprenderemos moitas cousas sobre o noso pasado que nos axudarán a coñecer mellor o noso presente.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 12-04-2016 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
120 anos de Olimpíadas modernas... e as clásicas?

Tal día coma hoxe 6 de abril de 1896 en Atenas se inauguraban as primeiras Olimpíadas modernas. Hai 120 anos como nos lembraba hoxe Google. Sabemos que este ano é ano olímpico e que se celebran no Brasil, pois dende aquela celebración en Atenas seguironse realizando este Xogos con carácter itinerante por distintos países do mundo.

No San Narciso tamén imos volver celebrar as nosa Olimpíadas Clásicas. Comeza a conta atrás!

Bótalle un ollo a esta crónica da Voz de Galicia de hoxe.

CURIOSIDADES. Despois de ler os enlaces responde:

1- O CALENDARIO E AS OLIMPÍADAS: Na Grecia Antiga usaban un calendario lunisolar. O ano lunar duraba 354 días, pero a cada catro anos para coincidir co ano do sol de 365 días engadían un 13º mes que deu orixe ás antigas Olimpíadas. Os gregos clásicos contaban contaban os anos por períodos de catro anos, é dicir, por Olimpíadas a partir do 776 a. C. data da 1ª Olimpíada documentada.
Pois ben, en 1896 Grecia aínda usaba o calendario xuliano (que lle impuxeran posteriormente os romanos) polo que houbo problemas para que certos países entenderan cando debían presentarse en Atenas paraestas Olimpíadas modernas. O calendario xuliano ou romano, pensando que o ano solar duraba 365 e 6 horas, introduciu un día a cada catro anos no denominado ano bisesto. Pero o ano solar realmente duraba algo menos de seis horas (5h 48´46´´). Isto provocou que na Idade Media ían polo día 11 de marzo en lugar do 25 fixado por Xulio César para a entrada da primavera no ano 46 a.c. Entón, cal eran as datas nas que, segundo o calendario dos gregos, se celebraron estes primeiros xogos modernos?

2- AS OLIMPÍADAS CUESTIÓN DE HOMES? Dise que as Olimpíadas antigas que se celebraban en Olimpia as mulleres non podían participar, nin sequera como público agás unha sacerdotisa de Demeter. Que peculiaridade presentaban os 241 deportistas que participaron nos primeiros Xogos Olímpicos modernos? A que países pertencían?
3- Quen foi o vencedor do primeiro maratón da historia? Sabes por que esta competición leva este nome? Quen era Fidípides? Procura unha resposta.
4- Despois de 1500 anos e grazas aos esforzos dun home que non era grego volveríanse a realizar uns Xogos Olímpicos. Como se chamaba este home? de que nacionalidade era?
5- Unha cerimonia coa que se inauguran hoxe os Xogos Olímpícos e que comeza en Olimpia días antes da inauguración no país anfitrión lévamos a reconsiderar as orixes dos antigos Xogos Olímpicos. A que ritual nos estamos a referir? Investiga e argumenta esta hipótese de que as Olimpíadas en orixe non eran unha cousa exclusiva dos homes e que parece ser a tese máis estendida.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 06-04-2016 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Erinias e Euménides de Esquilo
As Erinias ou Furias da mitoloxía sofren unha curiosa evolución grazas á reinvención do mito que Esquilo introduce na súa obra "As Euménides", a terceira das traxedias da Orestíada que segundo parece se representaron en 458 a.C.

As Erinias para Hesíodo naceron das pingas de sangue que caeran sobre Gaia(a Terra) no episodio coñecido da castración de Urano.Serían tres irmás que residen coa Noite no Érebo ou no Tártaro dende onde se dirixen á Terra para cumprir o seu cometido: a vinganza dun asasinato, torturando ao seu causante e provocando nas súas vítimas a tolería. Son deusas antigas ás que deuses novos como Zeus deben obedecer. O seu aspecto produce pavor, de cor negra, cabelos mesturados con serpes e na man levan antorchas ou látigos que poden ser tamén serpes, son comparadas con cadelas (en ocasións representadas con cabeza de can) porque producen un gruñido ao poñerse a perseguir ao humanos que cometeron un homicidio, esa é a súa principal función.

Non é raro logo que foran chamadas tamén Maniai, é dicir, "as que volven tolo" ou maniáticas nunha das denominacións que recibían nun dos templos dedicados a elas na Arcadia. O nome de Euménides (Εὐμενίδες), que en grego significa «as bondadosas», utilizábase en Atenas como eufemismo do das Erinias que significa "deusas airadas vingadoras, furias", como para así impedir pronunciar o seu nome verdadeiro, é dicir, un tabú.

Este nome eufemístico sería utilizado por Esquilo para dar solución á terceira das traxedias na súa triloxía sobre Orestes tras ser convencidas por Atenea a converterse en deusas benévolas, Euménides. Esquilo reinventou en parte o mito para lograr deste xeito un dos seus obxectivos políticos e didácticos. Quería nas súas traxedias louvar as institucións da Atenas democrática que estaban en pleno proceso de formación e asentamento.


Para o filósofo Epiménides, un filósosfo cretense (do que se di coñecían os rituias de chamáns asiáticos) quen ao parecer colaborou no século VI a.C. con Solón na reforma do estado ateniense, as Erinias eran irmás das Moiras coas que aparecen confundidas ou con frecuencia solapadas, así como con outras deidades antigas e escuras pois fían o destino dos humanos.

Tamén son confundidas coas Gorgonas, aínda que segundo Esquilo non tiñan ás, hai quen as describe con ás de morcego, negras e con ollos inxectados en sangue.

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 03-04-2016 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Filosofía, teatro e democracia en Atenas.
A influencia da filosofía e da democracia no teatro grego:

A invención do teatro está intimamente ligada a evolución política de Atenas, e esta evolución tamén é unha consecuencia do paso do mito ao logos, é dicir, da aparición da filosofía, do coñecemento do mundo e do ser humano con carácter científico.

Se o lema "coñécete a ti mesmo" do templo de Apolo en Delfos (o templo data do século VII)auguraba os mellores tempos para a filosofía grega, non poderemos entender tampouco a evolución dos ritos sagrados de Dionisio cara a unha manifestación cargada de ideoloxía do teatro en Atenas. O teatro é unha ferramenta política da Atenas democrática para concienciar, popularizar e difundir o novo réxime político e as súas institucións. Un exemplo moi claro podemos velo na obra das Euménides de Esquilo, onde se pasa do mito ao logos, de deidades primitivas como as Erinias a deuses novos como Apolo/Atenea que promoven novas fórmulas de goberno e das súas institucións (Areópago).

O interese da filosofía polo mito como exemplo e reflexión sobre a existencia humana, a súa realación cos deuses,etc... propiciou axiña a súa aparición no teatro cun uso moi semellante.

A función dos mitos que a traxedia utiliza e remodela ou reinventa, consiste en ser a expresión dunha "época pasada", con patróns políticos caducos e obsoletos, que se mostra como "allea" en relación coas normas actuais, as novas formas de goberno da polis de Atenas.


E se a traxedia escolle o mito e unha linguaxe elevada e transcendente para educar ao pobo. A Comedia ateniense do século V a.C. é claramente política e se sitúa no medio do debate a crítica aberta das opinións contrarias como podemos comprobar nas obras de Aristófanes.

Os mestres da verdade (tanto autores tráxicos como de comedias) son conscientes da función do teatro, pero tamén os propios gobernantes que se implicaban na organización dos concursos teatrais, presidían as repesentacións e procuraban habilitan espazos como o teatro de Dionisos en Atenas que reunían a máis de 15.000 persoas ao redor destes eventos de masas e de gran transcendencia social.

A traxedia e a comedia permitían o encontro cos límites da condición humana e coas leis que regulan tal condición no contexto da polis, á vez que posibilitaba e fomentaba a unidade dos cidadáns. Pero o teatro non só reunía a pobo na diversión, senon que tamén -sobre todo-, o educaba (tiña unha función pedagóxica e identificadora -construtora da identidade social-, na sociedade ateniense).

O teatro serviu desta maneira, para vehicular os ideais democráticos que naceron en Atenas e que facía ver a outras cidades tamén a través das representacións teatrais, ben porque se exportaran dende alí, ou debido aos espectadores estranxeiros invitados ás Grandes Dionisíacas.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 31-03-2016 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
DE DELFOS A ATENAS nas Euménides de Esquilo

A traxedia de Esquilo titulada Euménides, non deixa de ser unha peza tráxica realmente chamativa porque, entre outras cousas, aínda que parte dunha serie de asasinatos e toca temas transcendentais que aborda un heroe como Orestes, non remata coa morte do mesmo.

Forma parte dunha triloxía (algo habitual),de feito é a única do autor que se nos conserva, pero á vez é, das tres obras das que forma parte, a menos representada: Agamenón e As Coéforas foron con moito sempre máis populares.

As últimas adaptacións realizadas desta obra deixan ver a todas luces a súa singularidade. Aínda que contamos cun traballo da Universidade de Barcelona moi interesante e completo para podérmonos achegar a esta obra de Esquilo, imos realizar unha síntese que nos permita entender cales son estas peculiaridades a grandes trazos.

DE DELFOS A ATENAS

A obra sitúa a acción en dous lugares ben distintos e distantes, en lugar dun só espazo como é o que acontece con case que todas as obras conservadas. Os espazos son o santuario de Delfos de Apolo e a democrática Atenas.

Ao utilizar o adxectivo democrática, estamos indicando dalgún xeito unha segunda característica específica das Euménides: o salto do tempo mítico ao tempo coetáneo á representación, é dicir, a Atenas do século V a. C. Fanse mencións a institucións e apelacións directas á cidadanía ateniense do momento, cousa tamén estraña á traxedia grega.

Xa indicamos un tercer aspecto raro como é que o heroe, lonxe de morrer, viva.

O desprazamento de Delfos a Atenas, que vén acompañado da presenza de dous deuses "novos" é fundamental para entender a trama desta peza que xira ao redor da xustiza e que nos leva á reflexión sobre o nacemento de novas formas e leis para conquerir unha verdadeira xustiza. Logo o desprazamento espacial ten tamén unha lectura política e social.

É moi importante sinalar que o teatro nace e ten unha compoñente relixiosa innegable, pero á vez é incuestionable que evoluciona cara a unha fórmula política e didáctica de socialización. As obras de teatro son dependentes do poder e contribúen poderosamente a perfilar moralmente ao conxunto dos cidadáns de Atenas. O teatro é unha ferramenta moi útil para educar á sociedade desta polis que estaba en pleno desenvolvemento dun novo sistema político chamado democracia.

Neste sentido Esquilo entendeu perfectamente a funcionalidade do xénero do que foi un deses mestres da verdade, se ben aínda non é quen de centrar os conflitos plenamente no ámbito humano e outórgalle aos deuses un papel central nas súas tramas.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 28-03-2016 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
Das Troianas ás Asambleístas
No día da muller imos quedarnos cuns 25 nomes da muller da GRECIA ANTIGA e un pequeno grupo complementario de ROMA, unha proposta para investigar e desenvolver:

1- TROIANAS: Hécuba, Casandra, Andrómaca...



2- AMAZONAS: Pentesilea...

3- NA ODISEA: Penélope versus Circe, Calipso...

4- EN MICENAS: Ifixenia,Clitemnestra, Electra...

5- ENTRE OS ARGONAUTAS: Atalanta, Medea...

6- EN TEBAS: Antígona e Ismene...

7- AS MULLERES ANÓNIMAS DA HISTORIA: Escravas e estranxeiras...

8- EN ATENAS: Aspasia, Lisístrata e as asambleístas...

9- NA GRECIA HELENÍSTICA: Hipatia

10- EN ROMA: Das Sabinas e Lucrecia ás mulleres dos emperadores Livia ou Teodosia, anónimas nas lápidas ou peregrinas como Exeria.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 07-03-2016 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
PROBA DA ÉPICA
Para preparar esta segunda proba escrita da 2ª Avaliación debemos saber ler a Homero e ter certo hábito de lectura da Ilíada, un dos textos máis antigos de Europa (na proba aparecerán textos seleccionados).

A Historia da Grecia da escuridade á Grecia Arcaica, Clásica e Helenísrtica. Características que definen cada unha destas etapas.

A verdade sobre Troia: A Troia da Arqueoloxía.

Os espazos da guerra de Troia.

Lendo a Homero: o tema e o contido da Ilíada.

As diferenzas coas versións cinematográficas.

Como remata a Guerra de Troia?

A Odisea de Homero ( comezo das aventuras de Ulises).

A Eneida de Virxilio (de Troia a Roma)

O calendario: Marzo, primeiro mes do ano.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 04-03-2016 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [58]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0